O Noia Harp Fest convoca o III Premio Internacional PortusApostoli

O Noia Harp Fest convoca a terceira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, que promoverá a creación de pezas para arpa e orquestra de cordas



A obra gañadora do certame recibirá 2.500 euros e a súa estrea oficial terá lugar no 2025, durante a 12ª edición do evento

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia presentará o luns 17, ás 12.30 horas, a programación da súa 11ª edición, que se celebrará do 8 ao 10 de agosto

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, vén de publicar na súa páxina web as bases da terceira convocatoria do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, certame innovador promovido polo propio evento, coa colaboración do Concello de Noia, á fin de promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da propia obra na seguinte edición do festival, que terá lugar no verán de 2025. 
A convocatoria do Premio Portus Apostoli está aberta desde hoxe e até o vindeiro 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega.

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra de cordas (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Os materiais (un arquivo comprimido coa partitura da parte de arpa e outra xeral, ademais dun ficheiro en .mp3 ou .wav) poderanse enviar até as 24 horas do 23 de decembro de 2024. Tanto a obra gañadora como a que se corresponda coa mención de honra, -ambas distinguidas por un xurado especializado- poderanse escoitar, ao vivo, na seguinte edición do Noia Harp Fest.

O luns 17 presentarase a 11ª edición do NHF

O Noia Harp Fest dará a coñecer o vindeiro luns, 17 de xuño, a programación ao completo da súa 11ª edición, que terá terá lugar do 8 ao 10 de agosto en distintos escenarios da localidade coruñesa. Figuras galegas e internacionais de diversa orixe e estilo musical, unidas pola súa vinculación á arpa, actuarán no marco dun festival singular, pois é o único  dedicado a este instrumento en todo o noroeste peninsular.

A presentación do Noia Harp Fest, que conta co patrocinio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, e coa colaboración da Deputación da Coruña, será luns 17, ás 12.30 horas, no Claustro do Concello de Noia, e contará cunha pequena actuación musical ao vivo.

20240611-NHF-Portus-Apostoli

Noia Harp Fest. O Premio internacional de composición Portus Apostoli recibe 16 creacións na súa primeira convocatoria

A primeira convocatoria do Premio de composición para arpa e orquestra Portus Apostoli, impulsado polo Noia Harp Fest, recibe 16 obras orixinais 

  • O director do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Rodrigo Romaní, cualifica como “moi exitosa” a iniciativa, patrocinada polo Concello de Noia, e que recibiu creacións de compositores de EEUU, España, Finlandia, Malta, Arxentina e Brasil
  • O xurado do certame fallará o premio o 15 de febreiro e a gañadora terá a súa estrea mundial no X Noia Harp Fest da man da Real Filharmonía de Galicia

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia dará a coñecer nas vindeiras semanas a obra gañadora da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. O xurado, conformado por artistas internacionais de recoñecido prestixio, fallará o premio o 15 de febreiro. 

O director do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní, cualifica como “moi exitosa” a convocatoria do certame, patrocinado polo Concello de Noia, pois o festival recibiu un total de 16 propostas, “algo pouco usual neste tipo de concursos, nos que o habitual é recibir 5 ou 6 composicións”. “Estamos moi felices pola acollida que tivo o Portus Apostol entre o sector e pola proxección internacional que este certame abre ao noso encontro musical”, salienta Romaní, ao sinalar a diversidade da orixe xeográfica das e dos participantes desta primera convocatoria, á que se presentaron compositores procedentes de Arxentina, Brasil, Estados Unidos, España, Finlandia e Malta. 

O Premio Internacional de Composición Portus Apostoli naceu como unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para o creador da peza gañadora, suporá tamén a estrea mundial da mesma na vindeira edición do Noia Harp Fest. A Real Filharmonía de Galicia, acompañada dun ou dunha intérprete solista, executará a obra no marco da décima edición do festival, do que se darán a coñecer os primeiros detalles nas próximas semanas. 

NOIA HARP FEST

O Noia Harp Fest, que celebrou a súa última edición o pasado mes de agosto, é o o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. No seu cartel conflúen, desde hai nove anos, artistas de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais unidos pola interpretación musical a través da arpa.

Os concertos, de acceso libre e dunha notable calidade artística, celébranse tanto a ceo aberto coma no interior de recintos culturais da vila de Noia, cuxo Concello é patrocinador principal dun dos eventos máis singulares que se celebran na Ría da Estrela. Para máis información sobre o festival, pódese consultar o espazo web www.noiaharpfest.gal.

20230125-GAL-Convocatoria-Portus-Apostoli