O Noia Harp Fest convoca a terceira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, que promoverá a creación de pezas para arpa e orquestra de cordas
A obra gañadora do certame recibirá 2.500 euros e a súa estrea oficial terá lugar no 2025, durante a 12ª edición do evento
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia presentará o luns 17, ás 12.30 horas, a programación da súa 11ª edición, que se celebrará do 8 ao 10 de agosto
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, vén de publicar na súa páxina web as bases da terceira convocatoria do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, certame innovador promovido polo propio evento, coa colaboración do Concello de Noia, á fin de promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da propia obra na seguinte edición do festival, que terá lugar no verán de 2025.
A convocatoria do Premio Portus Apostoli está aberta desde hoxe e até o vindeiro 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega.
Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra de cordas (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Os materiais (un arquivo comprimido coa partitura da parte de arpa e outra xeral, ademais dun ficheiro en .mp3 ou .wav) poderanse enviar até as 24 horas do 23 de decembro de 2024. Tanto a obra gañadora como a que se corresponda coa mención de honra, -ambas distinguidas por un xurado especializado- poderanse escoitar, ao vivo, na seguinte edición do Noia Harp Fest.
O luns 17 presentarase a 11ª edición do NHF
O Noia Harp Fest dará a coñecer o vindeiro luns, 17 de xuño, a programación ao completo da súa 11ª edición, que terá terá lugar do 8 ao 10 de agosto en distintos escenarios da localidade coruñesa. Figuras galegas e internacionais de diversa orixe e estilo musical, unidas pola súa vinculación á arpa, actuarán no marco dun festival singular, pois é o único dedicado a este instrumento en todo o noroeste peninsular.
A presentación do Noia Harp Fest, que conta co patrocinio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, e coa colaboración da Deputación da Coruña, será luns 17, ás 12.30 horas, no Claustro do Concello de Noia, e contará cunha pequena actuación musical ao vivo.