por martinho | Jun 6, 2019 | Autores/as, Creación, Novas, Xeral
Corredores De Sombra
O grupo poético-musical Corredores De Sombra contará cunha nova voz para sumar ao cuarteto que xa forman Rosana Domínguez, Carme Mato, Baruk Domínguez e Pilar Maseda. Trátase do poeta e escritor naviego Toño Núñez.
E a primeira actuación onde se poderá gozar deste novo quinteto será o vindeiro 3 de Agosto de 2019 durante o ciclo Música na rúa, que organiza o Concello de Vilalba como actividade para o período estival.
Música e Poesía para estes novos tempos a cargo de Corredores De Sombra.
*Información facilitada por Corredores de Sombra.
por Pilar Maseda | Oct 1, 2017 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
ADORMENTADOS
Mentres nos imos adormecendo
dourándonos baixo o sol
iluminados pola divina graza
de ser pobo nomeado
chamado a esmorecer de éxito
entre as ruínas
Logo da enchente
da bendita democracia
atada e ben atada
mantida de mentiras
polos mercenarios, sicarios
das elites establecidas
caciques de toda a vida
Mentres…
Agora que as xeracións
do rompente e as vangardas
nos anos oitenta e noventa
amortizamos as hipotecas
coas canas
mantendo aos fillos no exilio
con futuros incertos
e eufemismos varios
embriagados pola tecnoloxía
e o sensacionalismo político
en coma etílico de razón e demagoxia
subministrada por adoutrinadores
especialistas en non dicir nada
subvencionados
por votantes á carta
de partidos de marca
Xa logo
como individuos
institucionalizados
non temades ao espertar
cansos e limpos
contemplando as ruínas
do novo fascismo
dourándonos baixo o sol
de novo
sabéndonos a salvo
por ser súbditos
censados como ovellas.
Deamos grazas …
<< Non hai maior desgraza
que un pobo castrado>>.
Pilar Maseda.