Raúl Río, TRAPEIRO DE HONRA 2018

Raúl Río, TRAPEIRO DE HONRA 2018

A Asociación Sociocultural Lareira de Soños vén de decidir que Raúl Río Díaz sexa distinguido co Premio Trapeiro de Honra 2018 na súa quinta edición como vilarego exemplar, sumándose así a Xosé María Díaz Castro, a Romaría Labrega da Chaira, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, galardoados nas anteriores edicións. Raúl, distinguido tamén no 2016 coa Navalliña de Manuel María, é un grande activista da nosa cultura e un home comprometido, amante das artes e das letras e un dos principais embaixadores de Diaz Castro e dos Vilares. Grande coñecedor da historia da parroquia, ademais de permanente colaborador de iniciativas culturais e políticas na Terra Chá e en Euskadi. Fachendoso das súas orixes, non perde a oportunidade de organizar en Euskadi, a súa segunda patria, actividades e eventos relacionados con Guitiriz e Os Vilares. Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares, a decisión unánime da propia asociación evidencia o cariño e recoñecemento xeral da veciñanza a este vilarego, obreiro, escultor, pintor, documentalista, fotógrafo, escritor e sobre todo grande persoa, e con grandes valores humanos.

A figura de Raúl personaliza neste premio a homenaxe aos emigrantes daqueles anos 60 e 70 que se viron obrigados a sair a gañarse a vida polas dificultades de tempos escuros do franquismo abandonando o rural para buscar o sustento en zonas industrializadas; pero tamén a tódolos loitadores comprometidos coas súas orixes e coa súa cultura. Un premio que agradece a Raúl e á multitude de traballadores o seu amor pola patria  e polo rural chairego e galego.

 

Lareira de Soños
dosvilares@gmail.com
www.facebook.com/osvilares
@osvilares1
http://dosvilares.com
Youtube: Os Vilares, Lareira de Soños

LIBRO DAS VILARIÑAS 2017

LIBRO DAS VILARIÑAS 2017

Abundante foi a participación nesta primeira edición do Certame das Vilariñas 2017 convocado pola Asociación Sociocultural Lareira de Soños e o colectivo poético NPG (Nova Poesía Guitirica), para honrar a figura de Xosé María Díaz Castro, o gran poeta galego nacido precisamente na parroquia de Os Vilares en Guitiriz. Igualmente foi elevada a cifra de Vilariñas presentadas ao citado Certame. Autores noveis nestas lides poéticas competiron ao carón de autores xa consagrados.

E tal e como se anunciara, Culturalia GZ tivo a honra de encargarse da publicación de todas as Vilariñas, tanto as que resultaron gañadoras como as restantes que participaron no concurso, pero que non obtiveron galardón.

Facede clic aquí para proceder á descarga. (Clic no botón dereito e Gardar enlace como)

LIBRO DAS VILARIÑAS 2017

Culturalia GZ publicará as VILARIÑAS

 

CULTURALIA GZ publicará na súa páxina as <VILARIÑAS> participantes no 1°Certame de micropoesía da Chaira. Así o acordaron os organizadores, NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares, Lareira de soños cos responsables do proxecto Culturalia GZ, que estreará con esta publicación unha sección de creación literaria.

Dase así cumprimento a un dos puntos das bases do certame que compromete a edición dos poemas nun blog ou páxina dixital.

Culturalia GZ, un proxecto de clara vocación literaria e cultural no que están involucrados creadores e estudosos da nosa cultura, establece desta maneira pontes de colaboración tamén con entidades que se distinguen polo seu traballo na sociedade, neste caso dúas das máis activas de Guitiriz e da Chaira, como son o grupo NPG Nova Poesía Guitirica e a Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, parroquia de nacencia do poeta chairego Xosé María Díaz Castro, inspirador deste novidoso certame de <VILARIÑAS>. Este acordo é un exemplo de traballo cooperativo que suma para o conxunto e contribúe a difundir máis e mellor a xa grande produción poética na Terra Chá, tentando a participación a través de pequenos poemas daquelas persoas con inquedanzas poéticas non necesariamente especializadas.

É o primeiro de futuros acordos de traballo en común aberto a sumar outras entidades que atopen neste soporte un recurso acaído aos seus proxectos e actvidades. Co remate do prazo de recepción de <VILARIÑAS>, o día 31 de marzo e unha vez que o xurado decida cales son os micropoemas gañadores, todas as <VILARIÑAS> poderán ser lidas en rigurosa estrea no CULTURALIA GZ.

 

 

VilarEXPO

VilarEXPO

O vindeiro sábado 18 de marzo, ás 21:00h, na Casa Habanera de Guitiriz, celebrarase a inauguración da primeira edición da VilarEXPO, adicada ás fotografías da natureza e etnografía da parroquia dos Vilares, realizadas por Luís de Fabete. Acompañará ao autor o fotografo de orixe guitiricense Valentín Purriños, premiado en diferentes ocasións na sua traxectoria profesional e cabeza dunha exitosa saga de fotógrafos. Pai de Yolanda e Inma Purriños, premiadas tamén nos Goya de fotografía e recentemente homenaxeadas en Vilalba. Ademais contarase coa presenza da alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín. O acto será presentado por Pastora Veres.

A exposición consta de 33 fotografias en alta definición a cor, de tamaño 70×50 cms. Organizada pola Asociación Sociocultural Lareira de soños, coa colaboración de GADIS, o patrocinio da Reserva da Biosfera Terras do Miño e o Concello de Guitiriz, sen esquecer a participación na montaxe de Copitec Dixital, terá caracter divulgativo e será itinerante, tendo xa comprometidos varios destinos posteriores. Ao remate do presente ano, será donada a unha entidade benéfica.

O autor

José Luís Teijido Comba, Luís de Fabete (1949), é un fotografo tardío, un vilarego que, como outros moitos da parroquia, desenvolveu variados oficios: barbeiro, agricultor, técnico de radio, o primeiro montador de televisións da parroquia, floricultor e incluso presidente do monte comunal dos Vilares, o que o convertiu nun dos mellores coñecedores da xeografía do lugar. Dotado dunha sensibilidade especial, Luís é un grande amante da natureza e da etnografía, descubridor tamén de pezas arqueolóxicas, como un machado prehistórico ou a mámoa das Carriceiras. Asemade é un paciente observador das criaturas do nóso hábitat, ás que “caza” en instantáneas únicas como as que se poderán visualizar nesta VilarEXPO, unha pequena mostra do que os ollos de Luís poden captar dende detrás da súa cámara. Trinta e tres imaxes impactantes, cun tamaño 70×50 cms, que non deixarán indiferente a ninguén. O retiro profesional de Luís agasallou á parroquia un artista e unha persoa comprometida co seu entorno a través da Asociación Sociocultural Lareira de soños. As súas fotografías axudannos a todos a coñecer e valorar a nosa riqueza máis próxima, a aumentar a estima do noso e a corroborar que as “herbas pequerrechiñas” das que falaba Díaz Castro, desde Os Vilares, enchen de perfume o mundo.

 

*Información facilitada por Antón Tenreiro Ferreiro, Presidente da Asociación SocioCultural Lareira de Soños.