A Asociación Sociocultural Lareira de Soños vén de decidir que Raúl Río Díaz sexa distinguido co Premio Trapeiro de Honra 2018 na súa quinta edición como vilarego exemplar, sumándose así a Xosé María Díaz Castro, a Romaría Labrega da Chaira, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, galardoados nas anteriores edicións. Raúl, distinguido tamén no 2016 coa Navalliña de Manuel María, é un grande activista da nosa cultura e un home comprometido, amante das artes e das letras e un dos principais embaixadores de Diaz Castro e dos Vilares. Grande coñecedor da historia da parroquia, ademais de permanente colaborador de iniciativas culturais e políticas na Terra Chá e en Euskadi. Fachendoso das súas orixes, non perde a oportunidade de organizar en Euskadi, a súa segunda patria, actividades e eventos relacionados con Guitiriz e Os Vilares. Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares, a decisión unánime da propia asociación evidencia o cariño e recoñecemento xeral da veciñanza a este vilarego, obreiro, escultor, pintor, documentalista, fotógrafo, escritor e sobre todo grande persoa, e con grandes valores humanos.
A figura de Raúl personaliza neste premio a homenaxe aos emigrantes daqueles anos 60 e 70 que se viron obrigados a sair a gañarse a vida polas dificultades de tempos escuros do franquismo abandonando o rural para buscar o sustento en zonas industrializadas; pero tamén a tódolos loitadores comprometidos coas súas orixes e coa súa cultura. Un premio que agradece a Raúl e á multitude de traballadores o seu amor pola patria e polo rural chairego e galego.
Lareira de Soños
dosvilares@gmail.com
www.facebook.com/osvilares
@osvilares1
http://dosvilares.com
Youtube: Os Vilares, Lareira de Soños