por martinho | Abr 29, 2020 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
MONDOÑEDO É POESÍA (virtual) 2020
MONDOÑEDO é… LUZ (a Luz Pozo Garza, in memoriam)
A 7ª edición do recital poético-musical vai ser, ten que ser por forza, virtual.
Data de emisión: Venres, 1 de maio, ás 16:00h.
Con Iolanda Aldrei, Chus Amieiro, Marta Dacosta Alonso, Alicia Fernández, Antonio García Teijeiro, Míriam Ferradáns, Montse González Alvarez Magadán, María Xosé Lamas, Martiño Maseda, Rebeca Maseda Longarela, Juan Carlos Mestre, César C. Morán Fraga, Carlos Negro, Olga Novo, Toño Núñez, Lois Pérez, Henrique Rabuñal Corgo, Baldo Ramos, Manuel Rivas, Iván Siso Calvo, Lorena Souto, Paloma Suanzes, Eva Veiga, Eduard Velasco e Ana Vila Portomeñe.
Reserva a túa localidade: https://www.facebook.com/mondonedoe/
por martinho | Oct 7, 2017 | Autores/as, Novas, Xeral
Nesta segunda edición foron seleccionadas trece obras finalistas
O xurado do Premio Mondoñedo10 reunirase o domingo, 15 para elixir o poemario gañador
Mondoñedo, 7 de outubro de 2017
A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocaron a segunda edición do galardón denominado Premio Mondoñedo10 co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.
Na edición correspondente a este ano 2017, o Premio Mondoñedo10 concederase na modalidade de Poesía á mellor obra escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira edición fose publicada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria; ou sexa, entre 2007 e 2016, ambos inclusive.
Tal e como reza na base segunda das normas que regulan a convocatoria: “Serán obxecto da deliberación final os títulos que en prazo e forma decidan os membros do xurado e que só terán opción de propoñer en cada caso un máximo de dúas obras”. Os poemarios seleccionados son:
01-Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Edicións Xerais, 2014.
02-Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia, 2013.
03-Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario, 2014.
04-Cráter, de Olga Novo, Toxosoutos, 2011.
05-Duración da penumbra, de Miguel Anxo Fernán Vello, PEN Galicia, Xunta de Galicia, Afundación, 2016.
06-Estirpe de sombras, de Raida Rodríguez Mosquera, Editorial Barbantesa, 2014.
07-Estúrdiga materia, de Luis González Tosar, Editorial Galaxia, 2008.
08-Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através Editora, 2013.
09-Hordas de escritura, de Chus Pato, Edicións Xerais, 2008.
10-Leopardo son, de Pilar Pallarés, Espiral Maior, 2011.
11-Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, Kalandraka, 2011.
12-Profundidade de campo, de Yolanda Castaño, Espiral Maior, 2007.
13-Sextinario: trinta e seis + tres, de Marica Campo, Sotelo Blanco, 2007.
O xurado, integrado por representantes do Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, Pen Clube Galicia, Asociación Galega de Editoras, Federación de Librarías de Galicia e Concello de Mondoñedo e no que actúan como presidente Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo e como secretario Fran Bouso por designación da organización, reunirase o vindeiro domingo, día 15 de outubro ás doce do mediodía na Biblioteca do Seminario “Santa Catarina” (*) para escoller a obra gañadora desta segunda edición do certame. Ao remate da sesión farase pública a decisión do xurado.
A entrega do premio celebrarase o domingo, 22 de outubro no Auditorio “Pascual Veiga” no transcurso dun acto solemne que dará comezo ás 12 e media do mediodía. O autor ou autora do poemario seleccionado recibirá unha peza escultórica única realizada polo artista plástico Juan Bautista Puchades Quilis e un diploma acreditativo deseñado por J. Pedro Gómez. Este evento está enmarcado dentro dos actos de celebración das Feiras e Festas das San Lucas que se iniciarán o martes 17 co pregón do escritor e xornalista de ascendencia mindoniense, Miguel Anxo Murado e rematarán o domingo, 22.
Na primeira edición correspondente ao ano 2016 para elixir a mellor obra de Narrativa publicada en galego entre os anos 2006 e 2015 o xurado decidiu outorgarlle o galardón á obra “Os libros arden mal” da autoría de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 20016.
O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes recoñecementos que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado correspondente o merezan.
(*) BIBLIOTECA DO SEMINARIO
O Seminario de Mondoñedo alberga unha das bibliotecas máis importantes de Galicia tanto elevado número de volumes, supera os 30.000, coma polo valor patrimonial de moitos deles. Conta con 22 incunables con certificade de autenticidade (impresos antes do ano 1500) que se conservan en perfecto estado. O máis antigo dos incunables, Leyenda Mayor de San Francisco, data do século XIII. Outra das xoias da biblioteca é unha Bliblia políglota en seis tomos, escrita en grego, persa, latín etíope, caldeo, siriaco, árabe e hebreo que foi realizada en Londres no ano 1657.
Está situada na primeira planta da parte máis antiga do Seminario “Santa Catarina” e ocupa unha superficie de 120 metros cadrados.
En arquivos adxuntos serán remitidas as bases e xustificación deste premio así como unha versión en PDF desta nota.
Para máis información e/ou aclaracións:
Antonio Reigosa, Cronista oficial de Mondoñedo e Presidente do Xurado:
655432511 reigosa@mundo-r.com
Fran Bouso, Secretario do xurado:
647468672 (de tarde en días laborais) fbouso76@gmail.com
*Información facilitada pola organización do MONDOÑEDO10.
por martinho | Abr 29, 2017 | Autores/as, Creación
As palabras entumecidas no inverno do poema
recobran a súa feitura florida
co bafexo cálido dunha mirada que traspasa
as fronteiras do medo.
Medra a poesía
coma ese río de auga insubmisa
que desborda as canles do corpo adormecido
e busca unha pel enxoita na que copular.
E multiplicarse
como faragullas do prístino verso.
As rúas da cidade olen a primavera que abrolla
entre leitos de pedra e frenesí:
é a vida das palabras percorrendo as veas do poema
até acender siluetas de sorrisos en cada fiestra.
Mondoñedo é… Poesía
feita festa!
*Programa de Mondoñedo é Poesía 2017
por martinho | Abr 20, 2017 | Autores/as, Creación
MONDOÑEDO é POESÍA 2017
1 de maio de 2017
“Mondoñedo é poesía 2017” chega á súa cuarta edición convocando, como nas edicións anteriores, a máis de dúas ducias de homes e mulleres, poetas e músicos, que recitarán e cantarán os seus poemas o día 1 de maio nas rúas, prazas e espazos culturais da cidade.
Esta actividade enmárcase dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas, que se celebran desde 1541 (hai xa 476 anos) en Mondoñedo, cidade creativa e cultural, capital galega da poesía.
Participarán no evento poético-musical, tanto nos recitados na rúa como no auditorio “Pascual Veiga” voces de gran prestixio na poética galega actual (Manuel Rivas, Eva Veiga, Marta Dacosta e o mariñán Xavier Rodríguez Baixeras) xunto aos gañadores das edicións do ano 2016 dos certames “Leiras Pulpeiro” e “Díaz Jácome” como Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Daniel Irimia Yáñez, promesas da poesía galega actual, xunto aos xa ben coñecidos e recoñecidos Antón Fortes e Modesto Fraga. Acompañaranos poetas mindonienses como Eva García González, Carmen Lage Fernández, Carmen Rodríguez Lage e África Sánchez, da Mariña como a laurentina Marina Oural Villapol, da Terra Chá como Antón de Guizán, lucenses como Montse González e a poeta labrega de Taboada Ana Vila Portomeñe. Á poesía musicada ponlle voz Paloma Suanzes.
Ademais contamos con Trioliro Regueifeiros, un trío composto por Luis “O Caruncho”, Josiño da Teixeira e Bieito Lobarizas, tres expertos na arte da improvisación poética que nos farán rir coas seus diálogos e ocorrencias rimadas.
Tamén intervirá alumnado do IES San Rosendo (Iria Rivas, Silvia García, Carmen Pavón Souto e Chema Merino) e do CEIP Álvaro Cunqueiro.
ACTIVIDADES PROGRAMADAS
»TENDAL DE POESÍA: “Paxaros na cabeza” [Auditorio Pascual Veiga]
Instalación de traballos coordenados polo profesorado con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro.
Horario de visitas: Sábado, 29 de abril, e domingo, 30 de abril: de 17:30 a 21:30 horas. O luns, 1 de maio: de 17:30 ata 21:00 h.
»OFRENDA-HOMENAXE A EDUARDO LENCE-SANTAR
Cemiterio Vello: Luns, 1 de maio, 17:00 h.
Loador: Armando Requeixo
Con motivo de cumprirse o 25 de abril o centenario do nomeamento de E. Lence-Santar como primeiro Cronista oficial de Mondoñedo.
»MONDOÑEDO é POESÍA 2017
Luns, 1 de maio
Nas rúas e prazas coa seguinte orde e horarios:
17:30 h.: Praza da Concello
Daniel Irimia Yáñez, Montse González Álvarez, Marina Oural Villapol, Carmen Pavón Souto e Silvia García. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:00 h.: Praza da Catedral
Antón de Guizán, África Sánchez, Eva García González , Chema Merino e Silvia García Fernández. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:30 h.: Praza Jaime Cabot (ao lado do Auditorio Pascual Veiga)
Carmen Rodríguez Lage, Carmen Lage, Antón Fortes –Torrres, e Iria Rivas. Poema musicado: Paloma Suanzes.
No Auditorio Municipal Pascual Veiga
De 19:00 a 20.30 h.-Recital poético-musical
Música: Paloma Suanzes.
Regueifas: Trioliro Regueifeiros (Luis “O Caruncho”, Josiño da Teixeira e Bieito Lobarizas).
Poetas: Tamara Andrés Padín, Ana Vila Portomeñe, Xavier Rodríguez Baixeras, Eva Veiga, Miriam Ferradáns Ferradás, Modesto Fraga, Marta Dacosta e Manuel Rivas.
Publicacións*
–Papel de color
Publicación conmemorativa de MONDOÑEDO é POESÍA 2017 con deseño e ilustracións de Antón Caxoto e textos poéticos dos e das poetas e músicos participantes.
*Esta publicación entregarase gratuitamente aos asistentes ao final do recital poético-musical no Auditorio Municipal Pascual Veiga.
Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocina: Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Educación, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo.
Colaboran: Concello de Mondoñedo, CEIP Álvaro Cunqueiro e IES San Rosendo.
Redes
En facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks
Canle Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=myCKGuFny9o&feature=youtu.be
Deseño e maquetación: Antón Caxoto
CONTACTOS ORGANIZACIÓN
Fran Bouso: 647468672 / Antonio Reigosa: 655432511 / Francisco Piñeiro: 600717622 /info.mondonedoe@gmail.com
Mondoñedo, abril de 2017
*Información facilitada pola Organización de MONDOÑEDO É POESÍA 2017