Nesta segunda edición foron seleccionadas trece obras finalistas

O xurado do Premio Mondoñedo10 reunirase o domingo, 15 para elixir o poemario gañador

Mondoñedo, 7 de outubro de 2017

A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocaron a segunda edición do galardón denominado Premio Mondoñedo10 co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.

Na edición correspondente a este ano 2017, o Premio Mondoñedo10 concederase na modalidade de Poesía á mellor obra escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira edición fose publicada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria; ou sexa, entre 2007 e 2016, ambos inclusive.

Tal e como reza na base segunda das normas que regulan a convocatoria: “Serán obxecto da deliberación final os títulos que en prazo e forma decidan os membros do xurado e que só terán opción de propoñer en cada caso un máximo de dúas obras”. Os poemarios seleccionados son:

 

01-Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Edicións Xerais, 2014.

02-Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia, 2013.

03-Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario, 2014.

04-Cráter, de Olga Novo, Toxosoutos, 2011.

05-Duración da penumbra, de Miguel Anxo Fernán Vello, PEN Galicia, Xunta de Galicia, Afundación, 2016.

06-Estirpe de sombras, de Raida Rodríguez Mosquera, Editorial Barbantesa, 2014.

07-Estúrdiga materia, de Luis González Tosar, Editorial Galaxia, 2008.

08-Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através Editora, 2013.

09-Hordas de escritura, de Chus Pato, Edicións Xerais, 2008.

10-Leopardo son, de Pilar Pallarés, Espiral Maior, 2011.

11-Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, Kalandraka, 2011.

12-Profundidade de campo, de Yolanda Castaño, Espiral Maior, 2007.

13-Sextinario: trinta e seis + tres, de Marica Campo, Sotelo Blanco, 2007.

 

O xurado, integrado por representantes do Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, Pen Clube Galicia, Asociación Galega de Editoras, Federación de Librarías de Galicia e Concello de Mondoñedo e no que actúan como presidente Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo e como secretario Fran Bouso por designación da organización, reunirase o vindeiro domingo, día 15 de outubro ás doce do mediodía na Biblioteca do Seminario “Santa Catarina” (*) para escoller a obra gañadora desta segunda edición do certame. Ao remate da sesión farase pública a decisión do xurado.

A entrega do premio celebrarase o domingo, 22 de outubro no Auditorio “Pascual Veiga” no transcurso dun acto solemne que dará comezo ás 12 e media do mediodía. O autor ou autora do poemario seleccionado recibirá unha peza escultórica única realizada polo artista plástico Juan Bautista Puchades Quilis e un diploma acreditativo deseñado por J. Pedro Gómez. Este evento está enmarcado dentro dos actos de celebración das Feiras e Festas das San Lucas que se iniciarán o martes 17 co pregón do escritor e xornalista de ascendencia mindoniense, Miguel Anxo Murado e rematarán o domingo, 22.

Na primeira edición correspondente ao ano 2016 para elixir a mellor obra de Narrativa publicada en galego entre os anos 2006 e 2015 o xurado decidiu outorgarlle o galardón á obra “Os libros arden mal” da autoría de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 20016.

O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes recoñecementos que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado correspondente o merezan.

(*) BIBLIOTECA DO SEMINARIO

O Seminario de Mondoñedo alberga unha das bibliotecas máis importantes de Galicia tanto elevado número de volumes, supera os 30.000, coma polo valor patrimonial de moitos deles. Conta con 22 incunables con certificade de autenticidade (impresos antes do ano 1500) que se conservan en perfecto estado. O máis antigo dos incunables, Leyenda Mayor de San Francisco, data do século XIII. Outra das xoias da biblioteca é unha Bliblia políglota en seis tomos, escrita en grego, persa, latín etíope, caldeo, siriaco, árabe e hebreo que foi realizada en Londres no ano 1657.

Está situada na primeira planta da parte máis antiga do Seminario “Santa Catarina” e ocupa unha superficie de 120 metros cadrados.

En arquivos adxuntos serán remitidas as bases e xustificación deste premio así como unha versión en PDF desta nota.

 

Para máis información e/ou aclaracións:

Antonio Reigosa, Cronista oficial de Mondoñedo e Presidente do Xurado:

655432511 reigosa@mundo-r.com

Fran Bouso, Secretario do xurado:

647468672 (de tarde en días laborais) fbouso76@gmail.com

 

*Información facilitada pola organización do MONDOÑEDO10.