O FIOT celebra o 30º aniversario de Mofa e Befa coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, unha exposición e un mural en Carballo

O FIOT celebra o 30º aniversario de Mofa e Befa coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, unha exposición e un mural en Carballo

  • ‘Pirolíticos’, a nova coprodución do FIOT e Producións Teatrais Excéntricas, verase o venres 7 ás 21.00 horas o sábado 8 ás 20.30 horas no Pazo da Cultura na apertura do Programa de Sala
  • Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, quen recollerá o galardón Xograr de Outono 2022 este venres,  son protagonistas dunha peza dirixida por Clara Gayo; cuxa dramaturxia asinan a propia Gayo, María Lado e Lucía Aldao, e que pon o foco no impacto do patriarcado

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a gran celebración das artes escénicas de Galicia, renderá homenaxe esta semana ao dúo cómico Mofa e Befa, conformado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. Serán os protagonistas da estrea absoluta de ‘PIrolíticos’, a nova coprodución de FIOT e Producións Teatrais Excéntricas, presentada esta mañá no Pazo da Cultura de Carballo. No acto, no que o reparto estivo presente, contou coa participación da directora da obra, Clara Gayo; do director do certame Alberto Sueiro; do concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo; e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil.

Alberto Sueiro, quen salientou a “felicidade” que supón para o FIOT volver colaborar con Mofa e Befa, foi o responsable de dar a coñecer a programación de actividades vinculada á celebración do 30 aniversario do dúo e que, ademais de incluír a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’ este venres 7 de outubro (21.00 horas) e unha segunda función o sábado 8, (20.30 horas), acompañarase da inauguración dunha exposición (xoves 6. 20.00 horas) sobre as tres décadas de traxectoria conxunta de Calvo e Mosqueira, e da creación dun mural en Carballo asinado polo artista plástico galego Yoseba MP coa colaboración do proxecto “Deburrando Muros”que impulsa a Concellería de Turismo. 

Evaristo Calvo, nomeado Xograr de Outono 2022 o pasado mes de agosto -galardón que recollerá precisamente o venres 7- afirmou que “Carballo é o mellor sitio para celebrar o noso 30 aniversario”. “Estar aquí sempre foi un talismán para Mofa e Befa e agardamos que este ano sexa así de novo, e que a xira con ‘Pirolíticos’ teña moi boa acollida”, expresou o intérprete. Con esta obra, o dúo emprende oseu proceso creativo máis arriscado e experimental. Tal e como expuxo Calvo, trátase dunha proposta “rupturista” respecto á súa liña habitual, mais non na forma: “haberá humor, sarcasmo, ironía e, por suposto,  perrallada”, apuntou. Ao fío, Víctor Mosqueira salientou que “gozaron moito do proceso creativo” e que teñen “curiosidade” por ver a resposta do público.

Un dos elementos máis destacados da proposta é que ‘Pirolíticos’ conta con tres mulleres na dirección e no texto: Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao. Elas asinan este convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, que pon o foco no home que simpatiza coa teoría feminista, pero que se ten que enfrontar á cultura machista profundamente instalada na nosa sociedade. “Para nós foi un desafío, como autoras, falar do feminismo con dous homes como protagonistas”, sinalou a directora. “O público verá unha serie de escenas nas que retratamos diversas masculinidades, unha especie de álbum de retratos no que os homes tamén se verán reflictidos”, apuntou Gayo.

Neste sentido, Evaristo Calvo expresou que ‘Pirolíticos’ é unha “revisión das actitudes machistas, micro e macromachistas, coas que convivimos cada día”. “Non pretendemos  impartir doctrina nin revolucionar nada, pero si entreter e poñer o foco desde a comedia, con forza e vehemencia, sobre unha idea compartida: o feminismo levará este mundo a ser mellor e máis equilibrado para todas e todos”, aseverou Calvo.

Antes da estrea absoluta do venres 7, ‘Pirolíticos’ pre-estrearase para o alumnado de secundaria dos centros escolares de Bergantiños cunha función o xoves 6, ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura, no marco da liña de programación dirixida a público adolescente: FIOTeen. Unha vez finalice a función, celebrarase un encontro coa compañía. 


Exposición Trinta anos de Mofa e Befa e mural con Derrubando muros. 

Co gallo da celebración do 30 aniversario sobre as táboas do dúo de comedia, o xoves 6, ás 20.00 horas, terá lugar a inauguración da exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que percorre a traxectoria desde os seus inicios desafiantes nos primeiros anos 90 até a actualidade, nun camiño no que se atreveron con clásicos como Shakespeare ou Rosalía de Castro. A exhibición, comisariada pola artista Natasha Lelenco, poderase visitar no Andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo. 

Completa a programación especial sobre Mofa e Befa a creación dun mural conmemorativo, coa colaboración do proxecto de Arte Urbana de Carballo Derrubando Muros con Pintura asinado polo artista Yoseba MP; un dos máximos expoñentes da pintura contemporánea en Galicia, de marcado estilo realista. O autor está a traballar estes días no mural, situado na rúa Barcelona -moi próxima ao Pazo da Cultura- e que inmortalizará a dúas figuras imprescindibles da escena contemporánea galega.

20221003-NP-Estrea-absoluta-Piroliticos

O FIOT celebrarase do 30/09 ao 31/10 e contará con Leo Bassi e a estrea absoluta da nova obra de Mofa e Befa

A nova edición do FIOT celebrarase do 30 de setembro ao 31 de outubro e contará con Leo Bassi e a estrea absoluta da última obra de Mofa e Befa

  • O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo avanza as datas da súa 31ª edición, que presentará ao público o mércores 14 de setembro
  • Leo Bassi regresa á Costa da Morte 25 anos despois do seu debut nos escenarios galegos, un fito que incidiu na evolución do FIOT, para presentar a estrea en Galicia do espectáculo no que percorre a súa traxectoria sobre as táboas
  • Evaristo Calvo, Xograr de Outono 2022, e Víctor Mosqueira son protagonistas da nova coprodución do FIOT:  ‘Pirolíticos’, cuxa dramaturxia asinan Lucía Aldao, Clara Gayo e María Lado, e que propón un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos homes
  • O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte fará parada en Carballo coa estrea en Galicia de ‘Beautiful Stranger’, da compañía navarra La Caja Flotante

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo,  a gran celebración das artes escénicas de Galicia, terá lugar do 30 de setembro ao 31 de outubro. O FIOT, que este ano festexará a súa 31ª edición, presentará a vindeira semana a súa programación no Pazo da Cultura do municipio bergantiñán, mais nesta xornada avanza dous dos pratos fortes deste 2022: o regreso á Costa da Morte de Leo Bassi, quen debutou en Galicia sobre as táboas do FIOT nunha actuación histórica para a localidade, e a estrea absoluta da nova creación de Mofa e Befa, o dúo conformado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, quen este ano recibe o galardón Xograr de Outono.

Carballo acollerá, o 16 de outubro, a estrea en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’, peza na que o irreverente clown italiano fai balance da súa traxectoria de máis de 60 anos sobre as táboas á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria, e do humor, descubre ao público a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.

Leo Bassi, pallaso, bufón e axitador de emocións, reinvindica a risa como a raíz existencial do seu desexo de provocar. O seu instinto creativo e o seu carácter transgresor foron os que, precisamente, marcaron un punto de inflexión na traxectoria do FIOT. Hai 25 anos, cando aínda era un gran descoñecido para a meirande parte do público, o festival convidou ao cómico a participar na súa programación, na que foi a súa primeira actuación en Galicia: naquela función, na que as e os asistentes saíron á rúa guiados por Bassi, agromou o compromiso do FIOT coa sorpresa e a innovación.

Outra das citas máis relevantes da programación do Festival Internacional Outono de Teatro será entrega do Premio Xograr de Outono 2022 e Evaristo Calvo e a estrea absoluta, o 7 de outubro, de ‘Pirolíticos’, unha coprodución do FIOT co dúo cómico Mofa e Befa. Co gallo da celebración do seu 30º aniversario, a compañía emprende o seu proceso creativo máis arriscado e experimental. Sobre as táboas, Calvo e Mosqueira lanzarán un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, poñendo o foco dos que simpatizan coa teoría feminista e aspiran a vivir en consonancia con ela, pero que enfrontan unha cultura e unha sociedade profundamente machista. A obra, dirixida por Clara Gayo, conta coa dramaturxia de Lucía Aldao, a propia Gayo e María Lado, e contará cunha segunda función o sábado 8 de outubro.


Camiño Escena Norte regresa ao FIOT


Carballo volver ser sede neste 2022 do programa Camiño Escena Norte, un proxecto intercambio cultural promovido polas asociacións profesionais de artes escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, como novidade este ano, Navarra. Precisamente desta última comunidade procede La Caja Flotante. A compañía de Ion Iraizoz visitará o FIOT o sábado 8 de outubro para estrear, no territorio galego, a súa creación ‘Beautiful Stranger’, unha comedia de autoficción existencial, ateigada de linguaxe cinematográfica, que aborda as múltiples identidades que poden convivir nunha mesma persoa. Nesta creación, que estará enmarcada no ciclo OTNI, Ion Iraizoz interprétase a si mesmo para tratar de reconstruír, coa complicidade do público, tanto a súa festa de aniversario, á que nomeou ‘O último martes antes de cumprir 40’, como as súas propias lembranzas.

A vindeira semana presentarase o programa completo do 31º FIOT, da que xa se coñecen -ademais das estreas en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’ e ‘Beautiful Stranger’, ou a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’-, os espectáculos que formarán parte da sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das liñas de programación máis queridas polo público ao ofrecer creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. ‘Xeografía dos corpos’, de Compañía Anxela Blanco; ’Viaxar é un pracer’, de Dani Blanco; ‘Actriz, chora’, de Cacharela Teatro; ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili; ‘Menú do día’, de Colectivo #ChamizoBelloVila; e ‘Homeless’, de Mónica Paradela Cuñarro, participarán no certame M2 de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.

DÚAS PEDRAS NO CAMIÑO, de Mofa & Befa, na Casa-Museo Manuel María

Este próximo sábado, día 31 de outubro, o auditorio da Casa-Museo Manuel María ten a sorte de acoller, ás 20 hrs, o dúo Mofa & Befa que levarán a cabo un espectáculo antolóxico titulado Dúas pedras no Camiño.

Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo representarán pezas que se manteñen na memoria do público, comezando por “Os 33 reiseñores da Porqueira”, que é o prólogo ideal para calquera evento e un dos números máis sutís e celebrados do dueto. Após deste virán números culinarios, de homenaxe ás grandes figuras do cinema ou escritores inmorredoiros. O título, Dúas pedras no Camiño, xoga coas alusións á música popular e a súa fiosofía, que nos lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e nos transforme, aídna que tamén lembra a función dos cómicos de seren unha pedra no zapato…

Mofa & Befa son dous clowns para adultos que foron creados por Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo á volta do ano 92 do século pasado. O talento da composición cómica, a vinculación co real, a confidencia co público e as dotes adxectivas, como o canto e a pantomima, que posúen os dous artistas fixeron deles unha referencia da comedia e do que se dá en chamar o cabaret literario.

É imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. A actividade é gratuíta.