O FIOT celebra o 30º aniversario de Mofa e Befa coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, unha exposición e un mural en Carballo
- ‘Pirolíticos’, a nova coprodución do FIOT e Producións Teatrais Excéntricas, verase o venres 7 ás 21.00 horas o sábado 8 ás 20.30 horas no Pazo da Cultura na apertura do Programa de Sala
- Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, quen recollerá o galardón Xograr de Outono 2022 este venres, son protagonistas dunha peza dirixida por Clara Gayo; cuxa dramaturxia asinan a propia Gayo, María Lado e Lucía Aldao, e que pon o foco no impacto do patriarcado
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a gran celebración das artes escénicas de Galicia, renderá homenaxe esta semana ao dúo cómico Mofa e Befa, conformado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. Serán os protagonistas da estrea absoluta de ‘PIrolíticos’, a nova coprodución de FIOT e Producións Teatrais Excéntricas, presentada esta mañá no Pazo da Cultura de Carballo. No acto, no que o reparto estivo presente, contou coa participación da directora da obra, Clara Gayo; do director do certame Alberto Sueiro; do concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo; e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil.
Alberto Sueiro, quen salientou a “felicidade” que supón para o FIOT volver colaborar con Mofa e Befa, foi o responsable de dar a coñecer a programación de actividades vinculada á celebración do 30 aniversario do dúo e que, ademais de incluír a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’ este venres 7 de outubro (21.00 horas) e unha segunda función o sábado 8, (20.30 horas), acompañarase da inauguración dunha exposición (xoves 6. 20.00 horas) sobre as tres décadas de traxectoria conxunta de Calvo e Mosqueira, e da creación dun mural en Carballo asinado polo artista plástico galego Yoseba MP coa colaboración do proxecto “Deburrando Muros”que impulsa a Concellería de Turismo.
Evaristo Calvo, nomeado Xograr de Outono 2022 o pasado mes de agosto -galardón que recollerá precisamente o venres 7- afirmou que “Carballo é o mellor sitio para celebrar o noso 30 aniversario”. “Estar aquí sempre foi un talismán para Mofa e Befa e agardamos que este ano sexa así de novo, e que a xira con ‘Pirolíticos’ teña moi boa acollida”, expresou o intérprete. Con esta obra, o dúo emprende oseu proceso creativo máis arriscado e experimental. Tal e como expuxo Calvo, trátase dunha proposta “rupturista” respecto á súa liña habitual, mais non na forma: “haberá humor, sarcasmo, ironía e, por suposto, perrallada”, apuntou. Ao fío, Víctor Mosqueira salientou que “gozaron moito do proceso creativo” e que teñen “curiosidade” por ver a resposta do público.
Un dos elementos máis destacados da proposta é que ‘Pirolíticos’ conta con tres mulleres na dirección e no texto: Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao. Elas asinan este convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, que pon o foco no home que simpatiza coa teoría feminista, pero que se ten que enfrontar á cultura machista profundamente instalada na nosa sociedade. “Para nós foi un desafío, como autoras, falar do feminismo con dous homes como protagonistas”, sinalou a directora. “O público verá unha serie de escenas nas que retratamos diversas masculinidades, unha especie de álbum de retratos no que os homes tamén se verán reflictidos”, apuntou Gayo.
Neste sentido, Evaristo Calvo expresou que ‘Pirolíticos’ é unha “revisión das actitudes machistas, micro e macromachistas, coas que convivimos cada día”. “Non pretendemos impartir doctrina nin revolucionar nada, pero si entreter e poñer o foco desde a comedia, con forza e vehemencia, sobre unha idea compartida: o feminismo levará este mundo a ser mellor e máis equilibrado para todas e todos”, aseverou Calvo.
Antes da estrea absoluta do venres 7, ‘Pirolíticos’ pre-estrearase para o alumnado de secundaria dos centros escolares de Bergantiños cunha función o xoves 6, ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura, no marco da liña de programación dirixida a público adolescente: FIOTeen. Unha vez finalice a función, celebrarase un encontro coa compañía.
Exposición Trinta anos de Mofa e Befa e mural con Derrubando muros.
Co gallo da celebración do 30 aniversario sobre as táboas do dúo de comedia, o xoves 6, ás 20.00 horas, terá lugar a inauguración da exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que percorre a traxectoria desde os seus inicios desafiantes nos primeiros anos 90 até a actualidade, nun camiño no que se atreveron con clásicos como Shakespeare ou Rosalía de Castro. A exhibición, comisariada pola artista Natasha Lelenco, poderase visitar no Andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo.
Completa a programación especial sobre Mofa e Befa a creación dun mural conmemorativo, coa colaboración do proxecto de Arte Urbana de Carballo Derrubando Muros con Pintura asinado polo artista Yoseba MP; un dos máximos expoñentes da pintura contemporánea en Galicia, de marcado estilo realista. O autor está a traballar estes días no mural, situado na rúa Barcelona -moi próxima ao Pazo da Cultura- e que inmortalizará a dúas figuras imprescindibles da escena contemporánea galega.