A nova edición do FIOT celebrarase do 30 de setembro ao 31 de outubro e contará con Leo Bassi e a estrea absoluta da última obra de Mofa e Befa
- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo avanza as datas da súa 31ª edición, que presentará ao público o mércores 14 de setembro
- Leo Bassi regresa á Costa da Morte 25 anos despois do seu debut nos escenarios galegos, un fito que incidiu na evolución do FIOT, para presentar a estrea en Galicia do espectáculo no que percorre a súa traxectoria sobre as táboas
- Evaristo Calvo, Xograr de Outono 2022, e Víctor Mosqueira son protagonistas da nova coprodución do FIOT: ‘Pirolíticos’, cuxa dramaturxia asinan Lucía Aldao, Clara Gayo e María Lado, e que propón un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos homes
- O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte fará parada en Carballo coa estrea en Galicia de ‘Beautiful Stranger’, da compañía navarra La Caja Flotante
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, a gran celebración das artes escénicas de Galicia, terá lugar do 30 de setembro ao 31 de outubro. O FIOT, que este ano festexará a súa 31ª edición, presentará a vindeira semana a súa programación no Pazo da Cultura do municipio bergantiñán, mais nesta xornada avanza dous dos pratos fortes deste 2022: o regreso á Costa da Morte de Leo Bassi, quen debutou en Galicia sobre as táboas do FIOT nunha actuación histórica para a localidade, e a estrea absoluta da nova creación de Mofa e Befa, o dúo conformado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, quen este ano recibe o galardón Xograr de Outono.
Carballo acollerá, o 16 de outubro, a estrea en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’, peza na que o irreverente clown italiano fai balance da súa traxectoria de máis de 60 anos sobre as táboas á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria, e do humor, descubre ao público a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.
Leo Bassi, pallaso, bufón e axitador de emocións, reinvindica a risa como a raíz existencial do seu desexo de provocar. O seu instinto creativo e o seu carácter transgresor foron os que, precisamente, marcaron un punto de inflexión na traxectoria do FIOT. Hai 25 anos, cando aínda era un gran descoñecido para a meirande parte do público, o festival convidou ao cómico a participar na súa programación, na que foi a súa primeira actuación en Galicia: naquela función, na que as e os asistentes saíron á rúa guiados por Bassi, agromou o compromiso do FIOT coa sorpresa e a innovación.
Outra das citas máis relevantes da programación do Festival Internacional Outono de Teatro será entrega do Premio Xograr de Outono 2022 e Evaristo Calvo e a estrea absoluta, o 7 de outubro, de ‘Pirolíticos’, unha coprodución do FIOT co dúo cómico Mofa e Befa. Co gallo da celebración do seu 30º aniversario, a compañía emprende o seu proceso creativo máis arriscado e experimental. Sobre as táboas, Calvo e Mosqueira lanzarán un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, poñendo o foco dos que simpatizan coa teoría feminista e aspiran a vivir en consonancia con ela, pero que enfrontan unha cultura e unha sociedade profundamente machista. A obra, dirixida por Clara Gayo, conta coa dramaturxia de Lucía Aldao, a propia Gayo e María Lado, e contará cunha segunda función o sábado 8 de outubro.
Camiño Escena Norte regresa ao FIOT
Carballo volver ser sede neste 2022 do programa Camiño Escena Norte, un proxecto intercambio cultural promovido polas asociacións profesionais de artes escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, como novidade este ano, Navarra. Precisamente desta última comunidade procede La Caja Flotante. A compañía de Ion Iraizoz visitará o FIOT o sábado 8 de outubro para estrear, no territorio galego, a súa creación ‘Beautiful Stranger’, unha comedia de autoficción existencial, ateigada de linguaxe cinematográfica, que aborda as múltiples identidades que poden convivir nunha mesma persoa. Nesta creación, que estará enmarcada no ciclo OTNI, Ion Iraizoz interprétase a si mesmo para tratar de reconstruír, coa complicidade do público, tanto a súa festa de aniversario, á que nomeou ‘O último martes antes de cumprir 40’, como as súas propias lembranzas.
A vindeira semana presentarase o programa completo do 31º FIOT, da que xa se coñecen -ademais das estreas en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’ e ‘Beautiful Stranger’, ou a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’-, os espectáculos que formarán parte da sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das liñas de programación máis queridas polo público ao ofrecer creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. ‘Xeografía dos corpos’, de Compañía Anxela Blanco; ’Viaxar é un pracer’, de Dani Blanco; ‘Actriz, chora’, de Cacharela Teatro; ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili; ‘Menú do día’, de Colectivo #ChamizoBelloVila; e ‘Homeless’, de Mónica Paradela Cuñarro, participarán no certame M2 de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.