Presentación do libro “IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria” na Casa da Cultura de Vilaba [Galería fotográfica]

Onte o salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba acolleu, con notable afluencia de público, a presentación do libro IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria, editada por Alvarellos Editora, coa colaboración do Concello de Vilalba. Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e baixo a coordinación de Beatriz Dourado.

En IRMÁS oito autoras actuais renden homenaxe a outras tantas mulleres silenciadas da época das Irmandades da Fala (1916-1936).

As autoras participantes no libro son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.

As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.

No acto deste sábado, presidido pola alcaldesa de Vilaba, Elba Veleiro, tomaron a palabra, ademais da propia alcaldesa, Beatriz Dourado, en calidade de coautora e coordinadora da obra; Martiño Maseda, representando a Culturalia GZ, entidade promotora desta iniciativa; Henrique Alvarellos, como editor da obra; e seis das oito coautoras participantes: Cecilia Fernández Santomé, Rochi Nóvoa Vázquez, Beatriz Dourado, Eilún del Pazo Moa, Lupe Bao e Patricia Torrado Queiruga. Nas súas respectivas intervencións, todas amosaron a súa congratulación por formar parte desta obra que tece irmandade reivindicativa e literaria, ademais de manifestaren o desexo plausible de que teña continuidade no tempo.

Lembrar que a capa do libro é autoría de Adolfina Mesa.

Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos durante a presentación de onte:

*A imaxes foron facilitadas polo propio Concello de Vilalba.

Presentación da obra “IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria”, de varias autoras, na Casa da Cultura de Vilalba

Este sábado presentarase en Vilalba, ás 12 h. na Casa da Cultura, o libro IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria. Nesta obra, editada por Alvarellos Editora, coa axuda económica do Concello de Vilalba, oito autoras actuais renden homenaxe ás mulleres silenciadas das Irmandades da Fala (1916-1936).

As autoras participantes son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.

As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.

Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e coordinado por Beatriz Dourado. A capa é obra de Adolfina Mesa.

NP_G_Irmas_alvarellos-ed_2023

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Agosto

Autora: Míriam Ferradáns

Editorial: Apiario

Ano de publicación: 2019

Aos poucos días de inaugurarse abril, a poeta catalá Anna Gual publicaba nas redes unha fotografía de tulipáns, que acompañaba cun breve texto, animando a mercar flores de tempada. Polo visto, estes turbantes vexetais nacen de maneira natural despois do frío invernal, xa que os bulbos soamente florecen nestas condicións. Inmediatamente pensei en Agosto de Míriam Ferradáns –saltando dunha poeta a outra- e volvín ás súas páxinas tras varios meses desde o primeiro contacto coa plaquette.

Achegueime ao pétalo da portada e ulino. Pareceume que o olor do papel perdera intensidade e pensei que, quizais, dalgunha maneira, o contido do seu interior non chegaría a afectarme tanto. Mais non foi así. De novo, a fenda íase abrindo coma flor, resistíndose á cicatrización. Porque a fenda está moi presente neste poemario tan breve coma delicadamente fermoso. Composto por unha ducia de poemas curtos, Agosto é violentamente cativador, igual que os tulipáns que atrapan a vida. “Os tulipáns obsérvanme, seguen os meus pasos”.

Así, entre a auga que os conserva e o aire que consomen, vai aflorando unha ausencia que manca. Ausencia que a autora constrúe habilmente a partir do que conta e, sobre todo, do que non conta, aquilo que imaxinamos nas amplas marxes en branco. E con todo, acompáñanos o afecto que compartimos coas cómplices que eliximos, as amizades. Aínda que non nos digamos nada. Aínda que falte unha.

A beleza non é inocente. Ás veces a levidade duns versos poden atravesar varias capas da pel. Por iso, este Agosto chega até límites impensábeis. Así, sen permiso, coma se nada. Flúe. Cómpre deixalo sangrar.