MEA CULPA

Son culpábel…

porque pertenzo á caste do macho

que domina a terra

co seu brazo de lume

e o seu verbo tiránico

 

 

porque vou na ralea dos opresores

que constrúen campos de concentración

para encarcerar a disidencia

dos seres libres

 

porque sentencio a morte

cos ollos abertos

e sen escoitar os laios

do ser maltratado

e des que xace morto

lavo as mans

na inocencia do seu sangue

 

porque cando declaro QUERER

non digo AMAR

digo POSUÍR

digo ASOBALLAR

digo PROHIBIR

digo NON SER

 

Son culpábel…

porque nacín home

na oligarquía dos homes

onde a igualdade é unha mentira

proclamada en leis

prostituídas por homes

onde as palabras só teñen semántica

na lingua dos homes

onde, ti, muller, vives en estado

de excepción vilmente declarado

pola autocracia dos homes

 

Son culpábel…

mais busco redención

neste circundo global

afogado polo alento do home

 

Son culpábel…

 

MEA CULPA, Martiño Maseda

Setembro 2016

A Chaira e Ferrolterra unidas coa poesía pola igualdade e contra a violencia machista.

A Chaira e Ferrolterra unidas coa poesía pola igualdade e contra a violencia machista.

POESÍA EN FEMININO

Así se chama a iniciativa que a Concellaría de igualdade de San Sadurniño organiza para o dia 16 de setembro ás 18:30 no patio do prazo municipal um recital poético musical no que ten unha importante participación a poesía chairega.

Varias das persoas integrantes da Nova Poesía Galega achegaranse a San Sadurniño para intervir neste evento que ten como finalidade visibilizar a creatividade literaria feminina e o seu compromiso pola igualdade e contra a violencia machista.

Ao evento asistirán da NPG Nova Poesia Guitirica, Xelo Teijido, Mar Beres, Pas Veres e Antón de Guizán,  así como os vilalbeses María  Xosé Lamas e Martiño Maseda, a poeta do rural de Quiroga Ana Vila Portomeñe e a  pontesa Silvia Pardo Galdo. Tamén estará a poeta de Labrada, Luz Campello García (NPG) que ademais de ser unha profesional no ámbito do social tamén acaba de publicar “Inventario do prohibido” no que se fai unha chamada á igualdade real entre mulleres e homes.

Todos e todas traerán os seus versos ao patio interior da Casa do Concello, onde tamén poderemos escoitar as interpretacións da nativa de San Sadurniño Noreia Hermida Pérez ao piano e a frauta traveseira. O acto pecharao a cantautora Sandra Tenreiro e como peche contaremos coa actuación da profesora de Guitiriz co seu último traballo “InfuSons”.

*Información achegada dende a asociación Os Vilares, Lareira de Soños.

Os Vilares, Lareira de Soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

Fallo do V Certame de poesía en lingua galega “Manuel María”

Fallo do V Certame de poesía en lingua galega “Manuel María”

En San Sebastián, a 3 de xuño de 2017, na sede social da Casa Galicia en Gipuzkoa, reunidos os membros do xurado: Don Xosé Estévez, Dona Rosalía Ferreiro e Dona Ana Bastos e, actuando como secretario sen voz nen voto, Don Manuel Gómez; acordan que os premiados do V Certame de poesía en lingua galega “Manuel María” sexan:
1º premio: Rocío Leira Castro (CEE – A Coruña)
Poema número 55 – Obra: O TEU EXTERMINIO SOBRE MIN
2º premio: Martiño Maseda Lozano (Vilalba – Lugo)
Poema número 72 – Obra: TI, (DES)AMOR
3º premio: Lucía Amaro Losada (Monforte de Lemos – Lugo)
Poema número 65 – Obra: EGÓLATRA

 

O xurado quere facer constar o importante nivel de calidade acadado por tódolos participantes.

CRACK

CRACK

Fusión de música e poesía. Un músico, Marcos Maoxu, e un poeta, Martiño Maseda, xúntanse para que o son e a palabra rachen os muros de calquera convencionalismo artístico. Retorcer o poema até sacarlle a cada verso todo o zume da emoción, e iso mesturado co acompañamento harmónico ou non da linguaxe musical.

E neste casamento entre música e poesía nace a sublimación de sentimentos: Amizade, Palabra, Comunicación… CRACK

https://www.youtube.com/watch?v=g-eYLxxIwiw

Días de palabras e sanshi

Días de palabras e sanshi

No solpor do verán un vai facendo memoria dos momentos vividos ao longo da época estival. E case que sempre xorde en nós unha lamentación por non ter realizado todos os nosos propósitos. Mais, eu prefiro escoller os instantes que realmente enriquecen o meu espírito e me fan desexar que ditos instantes se repitan novamente.

No verán de 2013, os días viñeron cargados de amizade e palabras, ou, máis ben, de amizade a través das palabras. A palabra ben construída, sen eivas que deformen ou prostitúan a súa substancia. A palabra sen espiñas que manquen o espírito de quen as pronuncia nin de quen as escoita. A palabra transparente, do corpo espido que non se deixa cubrir polas perversas roupaxes da mentira e a hipocrisía. A palabra en si. Cando menos, esa foi a miña intención no transcorrer deste pretérito estío, fuxindo do lamazal no que puidesen luxarse os sintagmas do meu discurso. E coido que o conseguín.

A palabra ceibe que procura o achegamento a outras verbas nacidas en remotas terras ou a aquelas que, sendo da mesma esencia idiomática ca miña, se manteñen pese a esa longa noite de pedra que se quere deitar sobre nós, os que pensamos libremente e de xeito distinto á putrefacta ideoloxía do poder establecido. Esa palabra, que tanto eu amo, levoume a afondar nos vencellos de amizade con seres vidos do afastado Oriente, os cales me ofreceron o influxo do seu acougo, ou de terras máis aló do Atlántico, que, aínda que afincados dende hai anos no territorio que nos comprende, conservan o frescor natural do seu sorriso.

Emocionoume manter un diálogo na miña lingua nai, o galego, cunha persoa que veu dende o Xapón. E dito proceso emocional provoca en min un exercicio de exaltación do natural recendo que mana desta terra. Un aroma que nos contaxia aos que o respiramos e nos fai sentir que somos herdeiros dunha cultura que debemos preservar contra a ditadura dos necios.

Daquela, ao ritmo das notas interpretadas sobre o corpo dun sanshi, eu reivindico a lingua universal das emocións non prostituídas.