por Beatriz Dourado | Oct 28, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: O QUE FICA FÓRA
Autor: Manuel Rivas
Editorial: APIARIO
Ano de publicación: 2021
Creo que debo confesar, antes de escribir sobre O que fica fóra, a miña debilidade por Manuel Rivas. El é un dos primeiros autores que comecei a ler en lingua galega. Linlle e léolle narrativa, ensaio, artigos de prensa, e, sobre todo, Poesía –se é que esta última non se filtra tamén no resto de xéneros cultivados polo escritor-. Devezo sempre, sempre, por escoitalo recitar. Aínda hoxe manteño nítida a imaxe do poeta nun dos seráns do pasado xullo, inaugurando o ciclo Versos na Barraca en Lugo, protexido pola nosa muralla, vixiado desde o ceo polos guindastres, mantendo desafiante a flor de toxo na man.
Acáelle ben o branco a esta obra que pouso e aloumiño entre as miñas mans. Quen logra resistir ao branco? Todo está coidado ao detalle na edición de Apiario: a encadernación, a textura e calidade do papel, a distribución entre os poemas imprentados e os manuscritos e, mesmo, a exclusión do paxinado. Este libro, coma o mar, non quere pecharse nin se pecha. Este libro “anda ás ceibas”, moi dentro de quen o le.
O libro respira. O libro é un ser vivo. Déixase acariñar mais non atrapar. Por veces semella un ser mariño –“a náufraga que camiña no mar con pés de la”-, deixándonos algo de salitre na boca. Outras, muda as branquias por pulmóns, “abrindo galerías no manuscrito da terra”, na procura dalgún faro que nos devolva a vista, nesta cegueira perpetua dos nosos días. Porén, a metamorfose non quere ceder e a vida amosa a súa capacidade de redución, case até a extinción, para dicirnos en clave de haiku, que “pobre, pobre/ é non ter/ escuridade ningunha”. Velaí un vagalume.
Premio Follas Novas deste 2022 nas categorías de Poesía e Libro mellor editado, O que fica fóra é, sen dúbida, o único que fica en pé, despois de tantasguerras, crises e pandemias. Imprescindíbel lectura –osíxeno- para as que abrazamos moitas das formas do exilio.
por martinho | Abr 20, 2017 | Autores/as, Creación
MONDOÑEDO é POESÍA 2017
1 de maio de 2017
“Mondoñedo é poesía 2017” chega á súa cuarta edición convocando, como nas edicións anteriores, a máis de dúas ducias de homes e mulleres, poetas e músicos, que recitarán e cantarán os seus poemas o día 1 de maio nas rúas, prazas e espazos culturais da cidade.
Esta actividade enmárcase dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas, que se celebran desde 1541 (hai xa 476 anos) en Mondoñedo, cidade creativa e cultural, capital galega da poesía.
Participarán no evento poético-musical, tanto nos recitados na rúa como no auditorio “Pascual Veiga” voces de gran prestixio na poética galega actual (Manuel Rivas, Eva Veiga, Marta Dacosta e o mariñán Xavier Rodríguez Baixeras) xunto aos gañadores das edicións do ano 2016 dos certames “Leiras Pulpeiro” e “Díaz Jácome” como Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Daniel Irimia Yáñez, promesas da poesía galega actual, xunto aos xa ben coñecidos e recoñecidos Antón Fortes e Modesto Fraga. Acompañaranos poetas mindonienses como Eva García González, Carmen Lage Fernández, Carmen Rodríguez Lage e África Sánchez, da Mariña como a laurentina Marina Oural Villapol, da Terra Chá como Antón de Guizán, lucenses como Montse González e a poeta labrega de Taboada Ana Vila Portomeñe. Á poesía musicada ponlle voz Paloma Suanzes.
Ademais contamos con Trioliro Regueifeiros, un trío composto por Luis “O Caruncho”, Josiño da Teixeira e Bieito Lobarizas, tres expertos na arte da improvisación poética que nos farán rir coas seus diálogos e ocorrencias rimadas.
Tamén intervirá alumnado do IES San Rosendo (Iria Rivas, Silvia García, Carmen Pavón Souto e Chema Merino) e do CEIP Álvaro Cunqueiro.
ACTIVIDADES PROGRAMADAS
»TENDAL DE POESÍA: “Paxaros na cabeza” [Auditorio Pascual Veiga]
Instalación de traballos coordenados polo profesorado con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro.
Horario de visitas: Sábado, 29 de abril, e domingo, 30 de abril: de 17:30 a 21:30 horas. O luns, 1 de maio: de 17:30 ata 21:00 h.
»OFRENDA-HOMENAXE A EDUARDO LENCE-SANTAR
Cemiterio Vello: Luns, 1 de maio, 17:00 h.
Loador: Armando Requeixo
Con motivo de cumprirse o 25 de abril o centenario do nomeamento de E. Lence-Santar como primeiro Cronista oficial de Mondoñedo.
»MONDOÑEDO é POESÍA 2017
Luns, 1 de maio
Nas rúas e prazas coa seguinte orde e horarios:
17:30 h.: Praza da Concello
Daniel Irimia Yáñez, Montse González Álvarez, Marina Oural Villapol, Carmen Pavón Souto e Silvia García. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:00 h.: Praza da Catedral
Antón de Guizán, África Sánchez, Eva García González , Chema Merino e Silvia García Fernández. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:30 h.: Praza Jaime Cabot (ao lado do Auditorio Pascual Veiga)
Carmen Rodríguez Lage, Carmen Lage, Antón Fortes –Torrres, e Iria Rivas. Poema musicado: Paloma Suanzes.
No Auditorio Municipal Pascual Veiga
De 19:00 a 20.30 h.-Recital poético-musical
Música: Paloma Suanzes.
Regueifas: Trioliro Regueifeiros (Luis “O Caruncho”, Josiño da Teixeira e Bieito Lobarizas).
Poetas: Tamara Andrés Padín, Ana Vila Portomeñe, Xavier Rodríguez Baixeras, Eva Veiga, Miriam Ferradáns Ferradás, Modesto Fraga, Marta Dacosta e Manuel Rivas.
Publicacións*
–Papel de color
Publicación conmemorativa de MONDOÑEDO é POESÍA 2017 con deseño e ilustracións de Antón Caxoto e textos poéticos dos e das poetas e músicos participantes.
*Esta publicación entregarase gratuitamente aos asistentes ao final do recital poético-musical no Auditorio Municipal Pascual Veiga.
Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocina: Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Educación, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo.
Colaboran: Concello de Mondoñedo, CEIP Álvaro Cunqueiro e IES San Rosendo.
Redes
En facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks
Canle Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=myCKGuFny9o&feature=youtu.be
Deseño e maquetación: Antón Caxoto
CONTACTOS ORGANIZACIÓN
Fran Bouso: 647468672 / Antonio Reigosa: 655432511 / Francisco Piñeiro: 600717622 /info.mondonedoe@gmail.com
Mondoñedo, abril de 2017
*Información facilitada pola Organización de MONDOÑEDO É POESÍA 2017