O sábado 25 de setembro de 2021, ás 20:00, terá lugar o Concerto-Homenaxe a Manuel María, a cargo do grupo SOL DO FARO BRASS de Chantada, ao carón da escultura de Manuel María, na entrada da Casa da Cultura de Vilalba. Todo elo, dentro do Programa MUSIQUEANDO convocado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
No solemne e multitudinario acto académico celebrado o día 15 de febreiro de 2003 no Auditorio Municipal “Carmen Estévez” de Vilalba, o Ilustrísimo Señor Don Manuel María Fernández Teixeiro, ao que reivindicamos como o noso Manuel María, validou ante os membros da Real Academia Galega a razón de ser para que o seu discurso académico fose pronunciado na capital da chairega. Os que asinamos este manifesto e solicitamos a vosa adhesión, fomos testemuña privilexiada e, como moitos outros vilalbeses, sentímonos orgullosos de que o Cantor da Terra Chá elixira a nosa vila para pronunciar o discurso que o elevaba a membro de Real Academia Galega, convertendo ese día nunha data esculpida en ouro para a nosa historia, ao igual que o Día das Letras Galegas de 2016 no que foi homenaxeado como referencia cultural de Galiza. A demora é longa. Van transcorridos dezaseis anos dende que o noso Manuel María fose traído dende o Panteón de Galegos ilustres en Santiago de Compostela até a súa vila natal de Outeiro de Rei, onde descansan os seus restos á sombra dos castiñeiros e do rumoroso, chairego e universal río Miño. Nos versos do noso Manuel María, no poema “Pranto pola Terra Cha”, o poeta di:
Eu son chairego. E chairegos son os meus. ¡Chairegos meu avó, meu pai, miña muller! Denantes na Chaira reinaba a paz de Deus e eu tiña, na Terra Cha, o meu querer.
¡Agora non podo recoñecer a terra miña! ¡Non podo recoñecer lugares que tripei! Eu amo unha Terra Cha humildosiña cun amor xeneroso, fidel e de boa lei.
De boa lei, os abaixo asinantes considerándonos herdeiros do seu legado. Conscientes da eiva que supón que Vilalba, a Capital da Terra Chá, non preste merecente recoñecemento ao “xeneroso, fidel e de boa lei” Manuel María, sentíndonos co dereito e a obriga moral de reivindicar a súa relevante figura para a historia de Vilalba e a Terra Chá. Considerámolo o noso pai literario e máximo expoñente do que se deu en identificar como “Subescola Poética Vilalbesa” inaugurada polo crego Xosé María Chao Ledo. Porén, dende o respecto e a humildade, pero coa forza moral de ser os seu fillos literarios en Vilalba – Xosé Miguel Barrera e María Xosé Lamas – solicitamos a adhesión de cantos e cantas consideredes coma nós unha xusta reparación na estima da figura de Manuel María. Os abaixo asinantes (poetas, escritores, artistas de Galiza e dos confíns do mundo onde chegou a palabra do noso Manuel), pedimos aos poderes locais de Vilalba que reconsideren o seu rexeitamento para que Vilalba, como capital da Terra Cha, recoñeza ao noso bardo universal aprobando o nome de CASA DA CULTURA MANUEL MARÍA como monumento á concordia, á cultura, e ao home que amou unha Terra Chá humildosiña cun amor xeneroso, fidel e de boa lei.
O 25 de setembro, cuarta feira (mércores), ás 20:30, no Teatro Rosalía Castro, celebrarase unha nova edición de Lúas de Outono, homenaxe anual a Manuel María, que vén acontecendo desde hai once anos na cidade da Coruña.
Para a edición deste ano, aproveitando que hai pouco foron os 50 anos do concerto que se coñeceu como de presentación da Nova Canción Galega, vaise facer un acto de recoñecemento aos cantautores e cantautoras galegas, parte fundamental da cultura de noso e tamén, figuras privilexiadas na difusión da nosa poesía. Aquel concerto histórico do Teatro Capitol de Compostela fora presentado por Manuel María quen, alén disto, a través do selo EDIGSA-XISTRAL, promoveu a difusión desta música en galego que supuña unha ruptura co folclorismo de cariz franquista por aquel momento.
Así nas Lúas de Outono deste ano teremos a oportunidade de escoitar tres voces que, de algún xeito, son mostra de xeracións diferentes e tamén de diversos estilos: MIRO CASABELLA; UXÍA, acompañada por Santi Cribeiro e Sérgio Tannus; e a voz de Xoán Padín, que xunto Alberte Núñez, Alberto Maceiras e Gumer Freire, conforman MOLIME. O espectáculo será guiado por Xurxo Souto.
A entrada é libre até completar o aforo.
*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María.
Como cada 8 de setembro, coincidindo co cabodano de Manuel María, e organizado por Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá, celebramos o programa de actos que comprenden a Memoria da Chaira Enteira.
O vindeiro mércores 17 de maio, Día das Letras, na Feira do Libro de Lugo (Praza Maior), ás 19 horas levarase a cabo unha nova presentación da reedición do poemario de Manuel María, “Ritual para unha tribo capital de concello”.
En dita presentación participarán a profesora de literatura de Ensino Secundario, Eva Teijeiro, e o secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Alberte Ansede. Ao final da mesma, haberá un recitado de poemas deste libro realizado polo público asistente que queira recitar.
Ritual para unha tribo capital de concello é un canto lírico-etnográfico da tribo natal de Manuel María, Outeiro de Rei. A intimidade, as lembranzas e a historia persoal e colectiva, as vivencias, as identificacións coa natureza, os retratos de familia, a denuncia social, as romarías, as lendas, os ritos, os traballos… fanse presentes neste espazo vital dunhas xentes e dun pobo que ama, que sente seu e que ergue poeticamente desde a lembranza da súa infancia para ir avanzando no tempo até o presente-futuro do seu non ser físico.
En definitiva, un acto para seguir facendo Matria, para reivindicar a esencia de noso prestando o manancial da voz que nos define para que non pare de medrar o froito inmarcescíbel que Manuel María deixou sementado neste libro tribal.
*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.