No solemne e multitudinario acto académico celebrado o día 15 de febreiro de 2003 no Auditorio Municipal “Carmen Estévez” de Vilalba, o Ilustrísimo Señor Don Manuel María Fernández Teixeiro, ao que reivindicamos como o noso Manuel María, validou ante os membros da Real Academia Galega a razón de ser para que o seu discurso académico fose pronunciado na capital da chairega.
Os que asinamos este manifesto e solicitamos a vosa adhesión, fomos testemuña privilexiada e, como moitos outros vilalbeses, sentímonos orgullosos de que o Cantor da Terra Chá elixira a nosa vila para pronunciar o discurso que o elevaba a membro de Real Academia Galega, convertendo ese día nunha data esculpida en ouro para a nosa historia, ao igual que o Día das Letras Galegas de 2016 no que foi homenaxeado como referencia cultural de Galiza.
A demora é longa. Van transcorridos dezaseis anos dende que o noso Manuel María fose traído dende o Panteón de Galegos ilustres en Santiago de Compostela até a súa vila natal de Outeiro de Rei, onde descansan os seus restos á sombra dos castiñeiros e do rumoroso, chairego e universal río Miño.
Nos versos do noso Manuel María, no poema “Pranto pola Terra Cha”, o poeta di:
Eu son chairego. E chairegos son os meus.
¡Chairegos meu avó, meu pai, miña muller!
Denantes na Chaira reinaba a paz de Deus
e eu tiña, na Terra Cha, o meu querer.
¡Agora non podo recoñecer a terra miña!
¡Non podo recoñecer lugares que tripei!
Eu amo unha Terra Cha humildosiña
cun amor xeneroso, fidel e de boa lei.
De boa lei, os abaixo asinantes considerándonos herdeiros do seu legado. Conscientes da eiva que supón que Vilalba, a Capital da Terra Chá, non preste merecente recoñecemento ao “xeneroso, fidel e de boa lei” Manuel María, sentíndonos co dereito e a obriga moral de reivindicar a súa relevante figura para a historia de Vilalba e a Terra Chá. Considerámolo o noso pai literario e máximo expoñente do que se deu en identificar como “Subescola Poética Vilalbesa” inaugurada polo crego Xosé María Chao Ledo.
Porén, dende o respecto e a humildade, pero coa forza moral de ser os seu fillos literarios en Vilalba – Xosé Miguel Barrera e María Xosé Lamas – solicitamos a adhesión de cantos e cantas consideredes coma nós unha xusta reparación na estima da figura de Manuel María.
Os abaixo asinantes (poetas, escritores, artistas de Galiza e dos confíns do mundo onde chegou a palabra do noso Manuel), pedimos aos poderes locais de Vilalba que reconsideren o seu rexeitamento para que Vilalba, como capital da Terra Cha, recoñeza ao noso bardo universal aprobando o nome de CASA DA CULTURA MANUEL MARÍA como monumento á concordia, á cultura, e ao home que amou unha Terra Chá humildosiña cun amor xeneroso, fidel e de boa lei.
*Enlace ao Manifesto