Inauguración da exposición EXCÉNTRICAS, de Álvaro de la Vega, no Castelo de Pambre

O IEU organiza a exposición EXCÉNTRICAS, de Álvaro De la Vega, que se inaugurará o vindeiro sábado, 22 de outubro, ás 12 h. na Sala de exposicións do Castelo de Pambre.

Dita exposición permanecerá aberta desde o 22 de outubro ao 17 decembro de 2022.

Diptico-Excentricas-Alvaro-de-la-Vega-castelo-de-Pambre-Instituto-de-Estudos-Ulloans

FESTIULLOA en Antas de Ulla e homenaxe a Marisol Soengas en Agolada

A próxima fin de semana terá lugar unha das celebracións máis importantes e esperadas do verán da Ulloa: FESTIULLOA, o festival que organizan desde Quercus Sonora. Os concertos serán o venres 5 e o sábado 6 de agosto, pero o programa vai de xoves a sábado con diferentes actividades.

Por outra parte, o sábado 6 de agosto celebrarase en Agolada, en sesión de mañá e tarde, unha homenaxe e o nomeamento de filla predilecta á eminente científica Marisol Soengas, que ten vínculos tamén con Antas de Ulla. O director e socios do IEU de Antas asistirán á homenaxe en representación do propio instituto ulloán.

A Noite das Donas 2022 na igrexa de San Salvador de Vilar de Donas

O sábado 23 de xullo  poderase desfrutar da NOITE DAS DONAS 2022 que organiza na igrexa de San Salvador de Vilar das Donas (Palas de Rei) a asociación Orde dos Cabaleiros e Donas do Priorato de Vilas das Donas Os Lobos en colaboración con grupos de teatro e musicais e outras asociacións, entre elas o Instituto de Estudos Ulloáns.

Trátase dun espectáculo de relatorios, música, proxeccións e visita nocturna que comezará a partir das 20,30 h. Unha das relatoras é a historiadora do IEU María José Gómez Alvite.

Tamén hai que lembrar que ás 19 h dese mesmo día realizarase en Antas de Ulla a presentación do libro de Xosé Lois García Achegas á simboloxía do románico da Ulloa no que se estuda tamén a igrexa de Vilar das Donas.

Inauguración da exposición colectiva “Pambre, a arca de pedra”, no Castelo de Pambre

O venres 10 de xuño ás 12,00 h o IEU inaugura no castelo de Pambre a exposición colectiva PAMBRE, A ARCA DE PEDRA, comisariada pola galerista Cristina Carballedo Penelas e coordinada por Braulio Vilariño, que xira en torno á figura animal e a actividade agrícola desenvolvida no propio castelo durante séculos.

Dende ángulos moi diferentes, os artistas que participan neste proxecto amósannos a súa particular visión do mundo animal con estilos e soportes moi diversos. Poderedes ver esculturas de Álvaro de la Vega, Camilo Seira,  Óscar Aldonza, Paulo Neves, Xoán Vila e Alberto Gulías; pinturas de Julio Sanjurjo, Seara, Correa Corrredoira, Jorge Espiral, Xer Refojo,  Miguel Anxo Macía,  Peña Romay, Adolfina Mesa, Lomarti e Andrés. G. Shuttleworth, e fotografías de Edu Valiña, Peter Schneider e Xosé Reigosa.

Os carteis e dípticos, como en anteriores exposicións organizadas polo IEU no castelo de Pambre, foron deseñados por Azucena Souto (Dú-as).

O IEU presenta o libro “Antas de Ulla no Centro Xeográfico de Galicia” na igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla

O sábado 26 de marzo ás 18 h o IEU presentará en Antas de Ulla o libro Antas de Ulla no Centro Xeográfico de Galicia, coordinado por Aldara García Gómez e María José Gómez Alvite e editado pola Deputación de Lugo e o propio Instituto de Estudos Ulloáns.

Realizarase a presentación na  igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla, cedida para esta ocasión polo Bispado e Lugo e a Parroquia de Antas, que xa colaboraron co IEU en anteriores actividades culturais. Intervirán no acto Pilar García Porto, deputada provincial e responsable da Área de Turismo da Deputación de Lugo; María José Gómez Alvite, coordinadora da edición e coordinadora da sección de Historia do IEU; e Francisco Pardo, director do IEU. E contarase coas interpretacións dun grupo de músicos e músicas de Antas de Ulla.

Trátase do segundo libro monográfico do IEU sobre a comarca da Ulloa. O primeiro foi As Feiras de Monterroso, e no ano próximo publicarase outro centrado en Palas de Rei, coordinada toda a colección por María José Gómez Alvite. 

O libro Antas de Ulla no Centro Xeográfico de Galicia abrangue temas moi diversos, dende historia, xornalismo, xeografía, bioloxía, persoeiros, etnografía, arte, musica, ata creación literaria, referidos todos eles ao concello de Antas de Ulla. Son tamén moitos e representativos os autores e autoras deste libro monográfico:: Ana Moure Soengas, Asociación Cultural e musical Tesmenteira, Cristina Varela Cadahía, Fernando García Penas (Fernando da Serra), Francisco Pardo Teijeiro, Hilda García Cabanas,  María José Gómez Alvite, Mercedes Somoza López, Paco Ledo, Sandra GodedMillán, Técnicos de ordenación do territorio do IEU, Toño Núñez,  Xesús Antonio Gulías Lamas, Xulio Pardo de Neyra, e Xurxo Mouriño Lourido, a maior parte deles socios e socias do Instituto de Estudos Ulloáns.

Podedes consultar o índice en   http://ieu.gal/libros/