O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, e que ten como obxectivo visualizar novos formatos e experiencias escénicas
O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 15 de xuño e as pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450 euros
Ademais, as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo
As representacións das pezas seleccionadas neste Certame Metro Cadrado do FIOT de Carballo desenvolveranse no mes de outubro en localizacións singulares da localidade bergantiñá, como un taller de olería, unha pista de skate, unha fábrica de chocolate artesanal, unha habitación dunha pensión, uns probadores dunha tenda de moda ou mesmo unha sala común dun balneario
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, recentemente escollido como Mellor Iniciativa Cultural de Galicia pola Fundación Contemporánea, abre a convocatoria para participar na nova edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.
O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.
Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da sétima edición do certame, no que convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 7 e o 29 de outubro de 2023.
Este ano os espazos ofertados serán unha pista de skate, un balcón do Concello de Carballo, un parque-ximnasio para maiores, unha tenda-fábrica de chocolate artesanal, un taller de olería, un espazo cultural, unha tenda especializada en produtos gourmet e venda de viños, uns probadores dunha tenda de moda, unha habitación nunha pensión e unha sala común do Balneario.
As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, procurarase seleccionar, polo menos, unha proposta que se desenvolva ou na que teñan un peso moi claro os medios en liña ou virtuais.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 15 de xuño.
216 propostas experimentais recibidas en seis anos
Ao longo dos seus primeiros seis anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (216) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nesta primeira media ducia de anos de actividade, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
No 2022 o FIOT recibiu un total de 36 propostas para participar no Metro Cadrado, tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As pezas que participaron foron Xeografía dos corpos, presentada pola Compañía Anxela Blanco; Viaxar é un pracer, presentada por Dani Blanco e Antón Coucheiro, Actriz, chora, presentada por Cacharela Teatro (obra pola que Alba Nogueira recibiu galardón do público á Mellor Interpretación), Cinecleta, cinema doméstico a pedais, presentada por Sr.Lili, Menú-do día, presentada por Colectivo #ChamizoBelloVila (e gañadora do premio do público ao Mellor Espectáculo) e Homeless, presentada por Mónica Paradela Cuñarro.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo encabeza a lista de mellores iniciativas culturais de Galicia que anualmente elabora o prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ e obtén a distinción de ‘Insignia Cultural’ de honra da comunidade galega
O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o mellor proxecto cultural galego de 2022. O FIOT recibiu, ademais, a distinción de ‘Insignia Cultural’ de honra da comunidade galega e sube nove postos respecto da clasificación do pasado ano, superando así outros destacados proxectos culturais do país, como Festival Sinsal, Cidade da Cultura, Cineuropa, CGAC, Festival de Cans ou WOS Festival, entre outros.
As ‘Insignias Culturales’, que recoñecen as propostas máis salientables en cada comunidade autónoma, conforman un cuadro de honra nesta edición con 17 proxectos: o Museo del Prado en Madrid; o Festival de Almagro en Castilla-La Mancha; o Festival de Cine de San Sebastián no País Vasco; o Festival de Málaga en Andalucía; Periferias, que comparte a distinción co Festival Asalto en Aragón; o Festival de Cine de Xixón en Asturias; Es Baluard en Baleares; Temporada Alta en Cataluña; o Museo Helga de Alvear en Extremadura; o FIOT de Carballo en Galicia; o Festival Actual e a Sala Amós Salvador na La Rioja; o Festival de Molina del Segura en Murcia; o Phe Festival en Canarias; o Centro Botín en Cantabria; a Seminci en Castilla y León; o IVAM na Comunidade Valenciana e Baluarte en Navarra.
‘OBSERVATORIO DE LA CULTURA’
O mellor da cultura 2022
Fundación Contemporánea presentou este 31 de xaneiro os resultados da súa consulta anual correspondente ao ano 2022. O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora desde 2009 unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, ás institucións e acontecementos culturais máis destacados do ano.
O obxectivo principal de ‘Observatorio de la Cultura’ é visualizar a unha oferta cultural moi ampla, diversa e de gran calidade ao longo de toda a xeografía española e en constante renovación, achegando o aval das e dos profesionais máis destacados do sector. Para facer esta consulta, enviouse un cuestionario a un panel conformado por 1.040 profesionais e figuras de primeiro nivel: escritoras, artistas, directoras e creadoras de todos os campos; responsables de fundacións, directoras de institucións culturais; produtoras e responsables de industriais culturais, comisarias de exposicións, directoras de festivais, xestoras culturais e profesionais do sector; así coma responsables de áreas e institucións culturais da administración pública central, autonómica e municipal.
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 31 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas 31 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, perto de 300 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais desta recente ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
O FIOT celebrará o domingo 13 de novembro a gala final e acto de entrega de premios do XXI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, certame que procura achegar, dun xeito próximo e entretido, a lectura dramatizada ás novas xeracións, e que estas leven o teatro ás casas a través das ondas radiofónicas.
Este 2022 participaron nenas e nenos de 13 de centros escolares da comarca de Bergantiños. En total, entre alumnado e profesorado, o certame contou coa participación de 216 persoas agrupadas en 31 colectivos. Un xurado escolleu este martes, día 8, as catro propostas finalistas, que tamén se poderán escoitar ao vivo o día 13, a partir das 18.00 horas, no auditorio do Pazo da Cultura. O acto contará co Mago Teto como mestre de cerimonias.
1ª CATEGORÍA
– GRUPO: TRALLEIR@S MEDIOAMBIENTAIS, do CPI CABO DA AREA, coa obra Lixum Marítimus.
– GRUPO: AS CONTEIRAS E CONTEIROS , do CEIP FOGAR, coa obra A vaca que puxo un ovo.
2ª CATEGORÍA
– GRUPO: OS VIQUINGOS DO PENDÓN, do CPI AS REVOLTAS, coa obra Atraco no banco.
– GRUPO: TEATREIROS, do IES ALFREDO BRAÑAS, coa obra A verdadeira historia do secuestro de Rapuncel.
Durante a gala do día 13, os grupos volverán intepretar os seus fragmentos teatrais. Tras unha nova deliberación do xurado, o propio domingo, realizarase a entrega de premios nas dúas categorías. A cita pecharase cunha actuación do Mago Teto destinada a público familiar e, ao remate, haberá unha gran chocolatada.
Alén das catro propostas finalistas, todas as iniciativas participantes pódense ver ou escoitar na canle de Youtube do FIOT. Unha vez teña lugar a gala final, as propostas gañadoras tamén estarán dispoñibles na sección Onda FIOT da web oficial do festival, www.fiot.gal.
CONVOCATORIA
Data: Domingo 13 de novembro Hora: 18.00 horas Lugar: Auditorio do Pazo da Cultura Acto: Gala Final co XXI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís
A 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT entregou o seu galardón Premio do Público 2015 a Blanca Portillo, que gañou polo espectáculoEl testamento de María. O acto tivo lugar na noite de onte 30 de outubro trala función da súa nova obra ’Silencio’, do dramaturgo Juan Mayorga, no Pazo da Cultura de Carballo.
O Premio do Público é un galardón que, como o seu nome indica, conceden os espectadores do FIOT a través da súa valoración dos espectáculos ao rematar cada función. celébrase desde hace 26 anos e entrégase cando a compañía ou artista premiado regresa ao festival coa súa nova producción, xa que este regreso é o compromiso que o FIOT adquire co público que vota: traer o próximo espectáculo do galardoado ou galardoada de novo a Carballo.
Na 24º edición do FIOT participaron no Premio do Público 13 espectáculos do programa de sala e do ciclo OTNI e El testamento de María obtivo unha puntuación de 4,65 sobre 5 puntos.
O FIOT fecha a súa 31ª edición con todas as entradas esgotadas para as últimas funcións do Programa de Sala
‘La voluntad de creer’, de Pablo Messiez; ‘Silencio’, de Juan Mayorga; e ‘Recortes, caneos e otras formas de driblar’, dirixida por Tito Asorey e cuxa función será inclusiva, pechan a última fin de semana de programación do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo
A actriz Blanca Portillo recollerá o domingo 30, ao finalizar a función de ‘Silencio’, o Premio do Público do FIOT 2015 por ‘El testamento de María’
Aínda quedan entradas dispoñibles para asistir á estrea en Galicia de ‘Mundo para lelos’, monólogo do humorista vasco Óscar Terol, creador de programas como ‘Vaya semanita’ da ETB; ou para as últimas funcións do Certame Metro Cadrado, que terán lugar no despacho do alcalde e na sala de xuntanzas dunha empresa local
O Salón social do Pazo da Cultura acollerá tamén o sábado, a partir das 13.15 horas, a derradeira sesión da primeira tempada do Escola do espectador nas ondas, aberta ao público, e na que a xornalista Paloma Cortina conversará con Pablo Messiez e o elenco de ‘La voluntad de creer’, o último éxito da nova tempada escénica madrileña
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, bota o pano esta fin de semana con todas as entradas esgotadas para o seu Programa de Sala, que ofrecerá tres espectáculos das grandes voces das escenas galega e estatal: Juan Mayorga, Blanca Portillo, Pablo Messiez, Tito Asorey e Xosé A. Touriñán.
O sábado 29 acollerá representacións de catro montaxes, todas elas estreas galegas ou absolutas; ademais da derradeira sesión ao vivo da Escola do espectador nas ondas. O día comezará coas últimas funcións das pezas que participan no VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado: ’Viaxar é un pracer’, de Assircópatas (Dani Blanco e Antón Coucheiro), unha comedia do absurdo que reflexiona sobre o noso papel coma turistas e que se poderá ver no despacho do alcalde; e ‘Actriz, chora’, a peza de Cacharela Teatro (Alba Nogueira e Irene Lorenzo) que critica, desde a comedia, os estereotipos e os desafíos do sector artístico, en especial das mulleres novas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas) e, coma sempre, recoméndase reservar previamente a praza en fiot.microteatroentrada@gmail.com.
Tamén pola mañá terá lugar a derradeira sesión da primeira tempada da Escola do espectador nas ondas, os encontros abertos ao público, con vermú e petiscos, para coñecer desde a proximidade as propotas escénicas do FIOT. A partir das 13.15 horas no Salón social do Pazo da Cultura, a xornalista Paloma Cortina (Dramedias, de RNE) manterá unha conversa co elenco de ‘La voluntad de creer’ e co seu director e creador, Pablo Messiez, quen participará vía telemática na gravación do podcast. A obra, unha coprodución do Teatro Español e Buxman Producciones, terá precisamente esa tarde (20.30) a súa estrea en Galicia.
‘La voluntad de creer’, escrita e dirixida por Pablo Messiez, indaga na relación entre vontade, fe e suxestión a partir da historia dunha familia, cuxo irmán menor sostén ser Xesús de Nazareth. A peza, que inicia a súa xira estatal en Carballo logo da súa estrea en Naves del Matadero do Teatro Español -converténdose no último gran éxito da tempada escénica madrileña-, inspírase na película ‘Ordet’, de Carl Theodor Dreyer, quen á vez adaptou a obra ‘La palabra’, de Kaj Munk. Xa en horario nocturno, a partir das 23.00 horas, o humorista Óscar Terol, creador de ‘Vaya semanita’ ou ‘Allá abajo’, presentará no Mercado municipal o seu último monólogo: ‘Mundo para lelos’, no que revelará ao público, desde a comedia, un gran tesouro: nin existe o listo integral, nin o intelixente a tempo completo, todas escondemos miserias e encrucillados sen resolver. As últimas entradas para o espectáculo do actor vasco están dispoñibles en www.ataquilla.com.
O domingo 30 terá lugar o regreso de Blanca Portillo a Carballo, logo da súa aclamada interpretación de ‘El testamento de María’ na edición de 2015, e que as asistentes do FIOT recoñeceron co Premio do Público 2015. Desta quenda a actriz volve coa aclamada ‘Silencio’, do recoñecido dramaturgo Juan Mayorga, a quen se lle outorgou estes días, precisamente, o Premio Princesa de Asturias; galardón que se suma aos Premio Nacional de Teatro e Literatura Dramática, ademais de diversos Max. ‘Silencio’ parte do discurso de ingreso de Mayorga na Real Academia Española, un texto que converteu en teatro e no que pon de manifesto o valor do tempo e do silencio. Unha vez remate a función, o director do FIOT, Alberto Sueiro, fará entrega do Premio do Público 2015 a Blanca Portillo.
Peche inclusivo con ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’
Finalmente, a última función do Programa de Sala deste 2022 será o 31 de outubro. Chegará da man de Tito Asorey, Xosé A. Touriñán e Ainé Producións, desta quenda en coprodución co Centro Dramático Galego. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, fará a primeira parada da súa xira en Carballo cunha función que porá o broche dourado á 31ª edición do FIOT. Precisamente esta última representación afondará nun dos retos principais deste ano do festival, como é a sustentabilidade e, particularmente, e inclusión e atención ás diversidades. Coa colaboración do CDG, o público asistente poderá gozar do espectáculo con audiodescrición. como xa aconteceu na función de ‘Pirolíticos’, e interpretación en lingua de signos, ao igual que nas pezas da Rúa dos Contos ‘Habito terra’ ou ‘Contando polos dedos’, que nesta ocasión será proxectada sobre os lateriais do escenario. Aquelas persoas con diversidade visual ou auditiva -ou portadoras de audífono- que queiran facer uso do servizo do dispositivo de lazo magnético ou coñecer o funcionamento do sistema, poden escribir un correo electrónico a fiot.carballo@gmail.com.