O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, e que ten como obxectivo visualizar novos formatos e experiencias escénicas

O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 15 de xuño e as pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450 euros

Ademais, as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo

As representacións das pezas seleccionadas neste Certame Metro Cadrado do FIOT de Carballo desenvolveranse no mes de outubro en localizacións singulares da localidade bergantiñá, como un taller de olería, unha pista de skate, unha fábrica de chocolate artesanal, unha habitación dunha pensión, uns probadores dunha tenda de moda ou mesmo unha sala común dun balneario

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, recentemente escollido como Mellor Iniciativa Cultural de Galicia pola Fundación Contemporánea, abre a convocatoria para participar na nova edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da sétima edición do certame, no que convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 7 e o 29 de outubro de 2023.

Este ano os espazos ofertados serán unha pista de skate, un balcón do Concello de Carballo, un parque-ximnasio para maiores, unha tenda-fábrica de chocolate artesanal, un taller de olería, un espazo cultural, unha tenda especializada en produtos gourmet e venda de viños, uns probadores dunha tenda de moda, unha habitación nunha pensión e unha sala común do Balneario.

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, procurarase seleccionar, polo menos, unha proposta que se desenvolva ou na que teñan un peso moi claro os medios en liña ou virtuais. 

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 15 de xuño.

216 propostas experimentais recibidas en seis anos

Ao longo dos seus primeiros seis anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (216) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nesta primeira media ducia de anos de actividade, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.

No 2022 o FIOT recibiu un total de 36 propostas para participar no Metro Cadrado, tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As pezas que participaron foron Xeografía dos corpos, presentada pola Compañía Anxela Blanco; Viaxar é un pracer, presentada por Dani Blanco e Antón Coucheiro, Actriz, chora, presentada por Cacharela Teatro (obra pola que Alba Nogueira recibiu galardón do público á Mellor Interpretación), Cinecleta, cinema doméstico a pedais, presentada por Sr.Lili, Menú-do día, presentada por Colectivo #ChamizoBelloVila (e gañadora do premio do público ao Mellor Espectáculo) e Homeless, presentada por Mónica Paradela Cuñarro.

 
Bases VII Certame de Micro-Escenas M2 https://fiot.gal/wp-content/uploads/2023/05/BasesME2023.pdf


Folla inscrición VII Certame de Micro-Escenas M2 https://fiot.gal/wp-content/uploads/2023/05/InscricionME2023.pdf    

20230511-NP-Metro-Cadrado-32FIOT