por martinho | Feb 15, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
María SOA e Sara Faro estarán acompañadas de Tania Camaño e Marina Vidal sobre o escenario, nunha cita que contará coa presenza de diversas colaboradoras que serán toda unha sorpresa para o público asistente
O concerto dará comezo ás 22.00 horas no hall do Auditorio Mar de Vigo, mentres que a apertura de portas terá lugar ás 21.30 horas
Fillas de Cassandra iniciara mañá venres, 16 de febreiro, a xira Últimas Dionisíacas na súa cidade natal, Vigo. Tras esgotar, en menos de 10 días, os 1.400 billetes dispoñibles para a cita no Auditorio Mar de Vigo, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro estreará no hall do recinto o seu novo directo.
O concerto, que comezará ás 22.00 horas (a apertura de portas será ás 21.30 horas), contará coa colaboración de diversas bandas e solistas cuxa participación será toda unha sorpresa para o público asistente.
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. Tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público.
Neste directo, a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante; mais unha das principais novidades é que Fillas de Cassandra están acompañadas sobre o escenario dunha banda, que integran Tania Caamaño e Marina Vidal. Desde xeito, e con esta formación, o grupo relevación do panorama musical galego no 2023 aposta pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.
Logo da estrea viguesa, Fillas de Cassandra levará as Últimas Dionisíacas á cidade da Coruña o vindeiro 22 de febreiro, nunha cita enmarcada na celebración do Día dos Medios en Galego (que terá lugar na sala INN e para a que tampouco quedan billetes dispoñibles). Despois actuarán o 3 de marzo en Arzúa (Festa do Queixo), o 12 de abril en Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun), o 13 de abril no ZEID FEST de Barakaldo e, máis adiante, nos festivais Ourensound, Ortigueira ou SonRías Baixas, entre outros.
CONVOCATORIA PRENSA E MEDIOS GRÁFICOS ACREDITADOS
Data: 16 de febreiro de 2024.
Lugar: Hall do Auditorio Mar de Vigo.
Hora: 21.45 horas (recollida de acreditacións e acceso de prensa a través da porta situada xunto á billeteira do recinto. A entrada do público será a partir das 21.30 horas pola porta principal e a hora de inicio do concerto será ás 22.00 horas).
Acto: Fillas de Cassandra inicia a xira ‘Últimas Dionisíacas’.
Protocolo de fotos e vídeo
Sen limitación de número de cancións.
Os primeiros temas poderanse facer desde o foso (o acceso ao mesmo farase acompañado polo equipo de prensa desde a billeteira).
A continuación poderanse tomar imaxes e vídeos por todo o hall do Mar de Vigo, agás sobre o escenario e nas zonas de acceso privado.
20240215-NP-Fillas-de-Cassandra-inicia-a-xira-Ultimas-Dionisiacas
por martinho | Ene 15, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
’
O dúo conformado por María SOA e Sara Faro vendeu en menos de dez días os 1.400 billetes dipoñibles para a cita do 16 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo
Fillas de Cassandra vén de pendurar o cartel de “entradas esgotadas” para a presentación no seu novo directo, Últimas Dionisíacas, que terá lugar o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. En menos de 10 días, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro vendeu os 1.400 billetes dispoñibles para a cita; o que dá boa conta do momento que está a vivir o grupo, a gran revelación da escena musical do pasado 2023 tanto polas súas letras directas como pola forte conexión co público.
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas farán unha revisión dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público. Neste novo directo, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante; e o dúo estará acompañado por outras dúas músicas sobre o escenario (Tania Caamaño e Marina Vidal). Alén deste formato, na estrea das Últimas Dionisíacas o vindeiro 16 de febreiro, Fillas de Cassandra contará coa colaboración de diversas artistas cuxas identidades aínda non saíron á luz.
por martinho | Ene 6, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Fillas de Cassandra presenta Últimas Dionisíacas, o seu novo directo, “un convite ao festexo colectivo e catártico” que verá a luz o 16 de febreiro en Vigo
A presentación do novo show de María SOA e Sara Faro, no que estarán acompañadas doutras dúas músicas, terá lugar o venres 16 de febreiro ás 22.00h no Auditorio Mar de Vigo e as entradas xa están á venda en www.teuticket.com
Nestas Últimas Dionisíacas, Fillas de Cassandra revisitará os temas máis recoñecidos de Acrópole, o seu álbum debut, desde unha electrónica máis escura e potente, mais tamén dará a coñecer temas inéditos que formarán parte do seu próximo LP
Logo de derrubar a Acrópole e subir aos altares das grandes salas de concertos e festivais do país coas súas letras directas e a forte conexión co público, Fillas de Cassandra bota unha última ollada á polis. Este 2024 o dúo regresa cun novo directo, Últimas Dionisíacas, unha proposta na que demostrará que a mestura entre o tradicional, o pop e o techno ten un efecto catártico. A presentación terá lugar o venres 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo e as entradas están á venda desde esta mesma mañá a través da plataforma www.teuticket.com
Fillas de Cassandra, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro, subirase de novo aos escenarios o vindeiro mes de febreiro cunha nova proposta escénica e musical, na que fará unha nova lectura dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público.
“Últimas Dionisíacas é un espectáculo que aposta polo inédito, que existe só no aquí e agora do directo, sen chegar a reproducirse nunca. Cantos efímeros, revisitacións da Acrópole e parte do que ha de ser o noso próximo traballo discográfico convive nunha única escena atravesada pola luz, a escenografía e moito do in-desvelable”, explica o dúo.
Así, neste novo directo, concibido por Sara Faro e María SOA como un “festexo colectivo e catártico, que só pode acontecer na convivencia entre o público e o palco”, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante. Ademais, entre as novidades da proposta, o dúo estará acompañado doutras dúas músicas (Tania Caamaño e Marina Vidal), apostando así pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.
A presentación de Últimas Dionisíacas, a nova proposta musical e escénica de Fillas de Cassandra, terá lugar o venres 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. A apertura de portas será ás 21.30 horas e o concerto comezará ás 22.00 horas. As entradas pódense adquirir desde esta mesma mañá, desde 18 euros, a través de www.teuticket.com
20240104-NP-Fillas-de-Cassandra-presenta-Ultimas-Dionisiacas
por martinho | Jul 28, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O dúo lanza unha advertencia en forma de reggaeton no que chama a facer da noite e dos locais de festa espazos propios e seguros para as mulleres
Fillas de Cassandra lanza mañá, 28 de xullo, o seu novo sinxelo, Tola, un tema bailable, en forma de reggaeton, e que reivindica a noite e os locais de festa como espazos propios e seguro para as mulleres. A peza, habitual nos directos da banda, poderase escoitar a partir das 00:00 horas deste venres nas principais plataformas dixitais.
MaríaSOA e Sara Faro alíanse de novo con Berto -produtor do seu LP Acrópole– para sorprender ao público co seu lado máis bailable e urbano, sen perder parte da súa esencia: a reivindicación, propia e colectiva, dos éxitos acadados e dos espazos conquistados. Tola -un tema anterior a Acrópole– mudou en varias ocasións, desde a súa concepción e até a súa publicación, ata acadar a edición final que se lanza este venres 28. O resultado, unha canción que se pode inserir no contexto do lecer nocturno e cun discurso do que se poden apropiar as mulleres, e cun retrouso no que salienta unha sentencia: “o perreo ata abaixo pero a autoestima no ceo”.
“Queriamos facer un tema distendido, cun ritmo bailable, e que puidese formar parte do ocio nocturno, un ambiente que moitas veces é hostil para as mulleres e que queremos sentir coma un espazo seguro”. Así, Tola parte da propia experiencia das autoras e de tantas mulleres que, en discotecas ou recintos vinculados ao ocio nocturno, sofren actuacións machistas. A letra, neste sentido, é explícita: “non te pegues tanto, non quero movida”, “non te raies tío, non. Perreo sola”, “impórtame unha merda que te boten fóra”.
“Con Tola o que pretendemos é reapropiarnos dese termo que moitas veces se emprega contra as mulleres. Nós o que queremos é bailar, ser rebeldes, gozar, perrear, estar soas, coas amigas, sen máis. Queremos que Tola motive e dea forzas ás mulleres a cantar, bailar e experimentar desde outro lugar”, apuntan María e Sara.
SOBRE FILLAS DE CASSANDRA
María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro son Fillas de Cassandra, creadoras e protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron xa nos seus directos ao longo dos últimos meses. O dúo toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica ou do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.
O pasado mes de febreiro publicaron nas principais plataformas dixitais Acrópole, un álbum conceptual no que Fillas de Cassandra viaxa polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música. O traballo, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo Lisístrata.
Nas últimas semanas, nas que Fillas de Cassandra está a percorrer numerosos escenarios, o dúo sorprendeu ao público co lanzamento de dous novos temas: Tataravoa, unha muiñeira electrónica producida por Galician Army, e o seu novo sinxelo: Tola.
20230727-NP-Tola-novo-sinxelo-de-Fillas-de-Cassandra
por martinho | Jul 13, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O tema, o primeiro que o dúo lanza após a publicación do seu álbum Acrópole, está producido por MaríaSOA e os djs Galician Army
A relación entre o presente e o pasado atópase tanto a nivel textual coma no corpus formal da canción, na que se mestura música tradicional, electrónica e pop contemporáneo
Fillas de Cassandra, un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente, vén de publicar nas principais plataformas dixitais o seu novo sinxelo: Tataravoa. No tema, producido por MaríaSOA e os djs Galician Army (Sergio Vallejo e Alberto Prado), as creadoras renden tributo ás devanceiras e ás formas que elas atoparon á hora de poder rebelarse contra o establecido. A peza, cun retrouso pegadizo no que entoan a “tatara tatara tatara tatara avoa” a ritmo de muiñeira, xa se pode escoitar nos directos que Fillas de Cassandra está a ofrecer este verán no marco da xira de presentación do seu primeiro álbum, Acrópole.
Tataravoa, composta e escrita por Fillas de Cassandra, nace da intención poñer en valor o papel e a importancia das avoas e das antepasadas nas nosas vidas, “desas pequenas loitas e conquistas que acadaron, que quedaron e que chegaron a día de hoxe”, segundo afirman as artistas. Precisamente, as voces das avoas de María Pérez e Sara Faro pechan un tema no que a relación entre pasado e presente é explícita. Atópase tanto a nivel textual, cando cantan “se nos visen no palco / coa forza dun vendavale / non sei ben se chorarían / ou ben subirían con nós a cantare”, así coma no corpus formal da canción, que aúna elementos chave da música tradicional co piano, a música electrónica ou o pop contemporáneo.
Tataravoa é o primeiro tema que Fillas de Cassandra lanza, precisamente, logo da publicación de Acrópole o pasado mes de febreiro. A estrea en directo do mesmo, con voz e pandeireta, foi no marco do ciclo coruñés Vangal, no ateigado patio da Fundación Luis Seoane. Nese momento, o dúo Galician Army -que publicou recentemente o seu primeiro álbum, Nós- interésase nunha colaboración para a produción do mesmo e, dous meses despois, ambas formacións interpretan ao vivo o sinxelo durante unha actuación no Arde Lucus. A pasada semana a súa actuación conxunta tamén foi moi celebrada no Atlantic Pride coruñés.
SOBRE FILLAS DE CASSANDRA
María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro son Fillas de Cassandra, creadoras e protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron xa nos seus directos ao longo de 2022. O dúo toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.
O pasado mes de febreiro publicaron nas principais plataformas dixitais Acrópole, un álbum conceptual no que Fillas de Cassanda viaxa polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música. O traballo, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo Lisístrata.
20230712-NP-Tataravoa-novo-sinxelo-de-Fillas-de-Cassandra