O dúo lanza unha advertencia en forma de reggaeton no que chama a facer da noite e dos locais de festa espazos propios e seguros para as mulleres 

Fillas de Cassandra lanza mañá, 28 de xullo, o seu novo sinxelo, Tola, un tema bailable, en forma de reggaeton, e que reivindica a noite e os locais de festa como espazos propios e seguro para as mulleres. A peza, habitual nos directos da banda, poderase escoitar a  partir das 00:00 horas deste venres nas principais plataformas dixitais.

MaríaSOA e Sara Faro alíanse de novo con Berto -produtor do seu LP Acrópole– para sorprender ao público co seu lado máis bailable e urbano, sen perder parte da súa esencia: a reivindicación, propia e colectiva, dos éxitos acadados e dos espazos conquistados. Tola -un tema anterior a Acrópole– mudou en varias ocasións, desde a súa concepción e até a súa publicación, ata acadar a edición final que se lanza este venres 28.  O resultado, unha canción que se pode inserir no contexto do lecer nocturno e cun discurso do que se poden apropiar as mulleres, e cun retrouso no que salienta unha sentencia: “o perreo ata abaixo pero a autoestima no ceo”

“Queriamos facer un tema distendido, cun ritmo bailable, e que puidese formar parte do ocio nocturno, un ambiente que moitas veces é hostil para as mulleres e que queremos sentir coma un espazo seguro”. Así, Tola parte da propia experiencia das autoras e de tantas mulleres que, en discotecas ou recintos vinculados ao ocio nocturno, sofren actuacións machistas. A letra, neste sentido, é explícita: “non te pegues tanto, non quero movida”, “non te raies tío, non. Perreo sola”, “impórtame unha merda que te boten fóra”. 

“Con Tola o que pretendemos é reapropiarnos dese termo que moitas veces se emprega contra as mulleres. Nós o que queremos é bailar, ser rebeldes, gozar, perrear, estar soas, coas amigas, sen máis. Queremos que Tola motive e dea forzas ás mulleres a cantar, bailar e experimentar desde outro lugar”, apuntan María e Sara. 

SOBRE FILLAS DE CASSANDRA

María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro son Fillas de Cassandra, creadoras e protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron xa nos seus directos ao longo dos últimos meses. O dúo toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica ou do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.

O pasado mes de febreiro publicaron nas principais plataformas dixitais Acrópole, un álbum conceptual no que Fillas de Cassandra viaxa polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música. O traballo, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo Lisístrata. 

Nas últimas semanas, nas que Fillas de Cassandra está a percorrer numerosos escenarios, o dúo sorprendeu ao público co lanzamento de dous novos temas: Tataravoa, unha muiñeira electrónica producida por Galician Army, e o seu novo sinxelo: Tola.

20230727-NP-Tola-novo-sinxelo-de-Fillas-de-Cassandra