O Festival Atlántica leva a Vigo os contos da colombiana Carolina Rueda

·        Rueda, mestra de contadores con máis de trinta anos de experiencia, brindará unha sesión do espectáculo infantil e familiar ‘Contos cantados, cantos contados’

·        O espectáculo será na Biblioteca Pública Juan Compañel este sábado ás 12 horas e terá entrada gratuíta pero cómpre reservar previamente o convite

Os cativos de Vigo van ter a oportunidade de gozar coas historias da colombiana Carolina Rueda, unha das narradoras máis importantes do seu país. O espectáculo familiar ‘Contos cantados, cantos contados’ será na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e chega a cidade olívica grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e mais a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Aínda que a actividade é gratuíta, para asistir cómpre reservar o convite na biblioteca ou ben no teléfono 886 120 445.

En ‘Contos cantados, cantos contados’ Carolina Rueda mestura cantos e historias colombianas e universais. Nun espectáculo divertido e brincador, a contadora establece un dialogo cos nenos e cos pais en homenaxe á memoria, aos medos, á familia e á amizade. Historias da tradición oral caribeña, cashinagua e española alternaranse con contos de Kipling e dos irmáns Grimm, entre outros.

Carolina Rueda ten máis de trinta anos de traxectoria profesional no mundo dos contos pero tamén como impulsora da narración oral como instrumento de xestión e ferramenta social en ámbitos educativos, políticos e artísticos. Como artista adoita realizar adaptacións, obras derivadas e versións libres, de autores da literatura universal e versións de relatos da tradición oral do mundo.

Como xestora e programadora coordina desde 1990 a mostra de contadores do Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá. Tamén participa como profesora convidada e regular en programas de adquisición do idioma español como segunda lingua en programas de literatura, educación a distancia e artes escénicas nas universidades estadounidenses de Cornell, Miami, e Denison, pero tamén en institucións de España, Perú e Chile.

Ao longo destes trinta anos de carreira xa pasou por escenarios como a Casa de América, o Teatro Cuarta Parede, o Centro Cultural da Villa, o Círculo de Bellas Artes en Madrid, o Teatro Nacional, o Teatro Leonardus, o Auditorio León de Greiff, o Teatro Municipal de Cali, o Teatro de Bellas Artes Medellín e as feiras do libro de Madrid, Valencia, Torrent, Bogotá e Bos Aires. Alén diso, é unha artista habitual de festivais de narración oral en países como Estados Unidos, México, Costa Rica, Venezuela, Perú, Ecuador, Brasil, Chile, Arxentina, Portugal, España, Francia e, por suposto, Colombia.

Contos por todas Galicia

O Festival Atlántica vaise inaugurar oficialmente o vindeiro 30 de xuño e desenvolverá un intenso programa de actividades ata o 9 de xullo. Ao longo deste encontro internacional de narración oral, 42 artistas protagonizarán as 94 funcións programadas que chegarán a 24 concellos de toda Galicia. Nesta edición, ademais de Vigo, haberá actuacións nas localidades de Ferrol, Teo, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Padrón, Paderne, Zas e Santiago de Compostela.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.

20220617-NP-CarolinaRueda_Festival-Atlantica

Presentación da X Edición do FESTIVAL ATLÁNTICA DE NARRACIÓN ORAL

O Festival Atlántica celebra dez anos cun programa que se vai desenvolver entre o 30 de xuño e o 9 de xullo e cunhas características (número de funcións e narradores, duración e dimensión xeográfica) que o consolidan como un dos encontros de narración oral máis importantes da Península Ibérica e nun referente da lusofonía. Os detalles sobre este programa especial de aniversario vanse proporcionar na rolda de prensa.


▪ DATA E HORA: mércores 15 de xuño do 2022 ás 12:30 h.

▪ LUGAR: Auditorio 2 Edificio CINC da Cidade da Cultura.


▪ INTERVEÑEN:
• Anxo Lorenzo Suárez | Secretario Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia.
• Xurxo Couto | Deputado de Cultura da Deputación da Coruña.
• Mercedes Rosón | Concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela.
• Soledad Felloza | Directora do Festival Atlántica.


▪ ASISTEN:
• Xosé Lois Piñeiro García | Alcalde do Concello da Pobra do Caramiñal.
• Juan Domingo de Deus | Alcalde do Concello de Mugardos.
• Manuel Campos Velay | Alcalde do Concello de Cuntis.
• María José Sampedro Fernández | Primeira Tenente de Alcalde e Concelleira
Delegada de Cultura, Infraestructuras e Urbanismo do Concello de Ribeira.
• María López Álvarez | Concelleira de Cultura, Educación e Turismo de Teo.
• María Outeiral | Concelleira de Cultura do Concello de Boiro.
• Begoña Blanco | Concelleira de Cultura do Concello de Lalín.
• Mª Paz lago Martínez | Concelleira de Educación e Cultura de Sanxenxo
• Begoña Roldós | Concelleira de Cultura e Turismo de Mugardos.
• Abel Tarrío Abuín | Concelleiro de Deportes e Emprego de Dodro.
• Xoán Xosé Vicente Franco | Concelleiro de Cultura e Patrimonio de Dodro.
• José Manuel Ramos Caamaño | Concelleiro de Cultura de Outes.
• Carmen Cajide Hervés | Presidenta de Fundación Terra Termarum Castrolandín.
• Elena Cerviño Ferrín | Vicepresidenta da Asociación Amigos dos Castros (Cuntis).
• Xilberto Caamaño Beiro | Presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
• Carlos Delgado | Presidente da Asociación Cultural Rocha Forte.
• Covadonga Rodríguez del Corral | Directora Xerente da Fundación Pública Galega Camilo José Cela.
• Fany Gómez García | Técnica da Biblioteca Municipal do Concello de Ferrol.

• Mercedes Vázquez Fernández | Técnica da Biblioteca Municipal do Concello de Sanxenxo.
• Emilia Cagiao Sánchez | Tesoureira Asociación R.C.D. Entroido de Samede.

ATLANTICA-2022-CONVOCATORIA-ROLDA-PRENSA

O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral con espectáculos e lectura do Manifesto

O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral con espectáculos e lectura do Manifesto

·       As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo e nela colaboran Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes do Colectivo NOGA

·       Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo

A X edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, o 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.

As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Marín, A Laracha, Narón, Culleredo, Portonovo, Cangas, Alfoz, Soutomaior, Oleiros, Fene, Brión, Ribeira e Ourense. Será un día de festa e tamén de reivindicación.

Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo e Penadique, José Luis Gutierrez ‘Guti’, Erica González, Raquel Queizás, Dani Blanco, Cristina Collazo, Charo Pita, Pablo Díaz, Atenea García, Celso F. Sanmartín, Anxo Moure, Servando Barreiro, Ramiro Neira, Larraitz Urruzola, Mirari Urruzola, Cris de Caldas, Iseo a Moura, Candido Pazó, Quico Cadaval, Sole Felloza, Paula Carballeira, Tarabelos, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.

Ademais, nesta edición o escritor, investigador e creador da web Galicia Encantada Antonio Reigosa é o autor do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

A información sobre as diferentes actividades vaise difundir a través das redes sociais das entidades participantes.

Unha arte de sempre e moi viva

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións que o colectivo de narradores e narradoras galegas insta a ser retomadas, principalmente naqueles concellos e espazos que permanecen pechados dende o comezo da pandemia.

Para os eventos culturais e para os artistas en particular estes dous anos foron moi duros, de reinventarse e adaptarse a mil situacións diferentes e conmemoran o seu día coa alegría e coa ilusión de tempos novos ubicando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

CRÉDITOS | Manifesto: Antonio Reigosa | Deseño do cartel do 20M: Ekinocio.

IMAXES EN ALTA | bit.ly/NarracionOral2022

Festival Atlántica.- Outes acolle o espectáculo ‘O retorno dos homes mariños’, de Xurxo Souto

Outes acolle o espectáculo ‘O retorno dos homes mariños’ de Xurxo Souto

  • A sesión será este venres, 13 de agosto, na terraza do Naútico do Freixo a partir das 21 horas
  • A entrada é gratuíta pero para asistir cómpre reservar por adiantado en cultura@outes.gal

Este venres, 13 de agosto, os amantes das historias teñen unha cita con Xurxo Souto e ‘O retorno dos homes mariños’ en Outes. A función, dirixida ao público adulto, será na terraza do Náutico do Freixo a partir das 21 horas. O espectáculo é gratuíto pero para asistir cómpre reservar por adiantado no correo cutura@outes.gal. A actividade, organizada polo Festival Atlántica, é posible grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e mais o Concello de Outes.

Neste sesión de contos Souto rescata un mito coruñés esquecido: o dos homes mariños. E quen sabe máis ca ninguén sobre eles? A señora Laura, a sabia do mar, e mais Mercedes, a heavy que traballa nun téxtil e soña con marchar polo mundo co seu grupo de música.

Xurxo Souto autodefínese como “terrícolo redondo”. É escritor, cantante, acordeonista, actor, director e locutor galego. Entre 1990 e 2001 foi o líder e vocalista da banda de rock en galego Os Diplomáticos de Monte Alto. Entre as súas novelas figuran ‘Contos do mar de Irlanda’ (Xerais, 2014) e a novela ‘A gran travesía de Chiruca Macallás’ (Xerais, 2018). ‘O retorno dos homes mariños’ (Xerais, 1999, 2020) foi a súa primeira novela e vén de ser reeditada no 2020 coincidindo cos vinte anos da súa publicación.

O Festival Atlántica supera con nota unha novena edición marcada polos desafíos da pandemia

O festival Atlántica supera con nota unha novena edición marcada polos desafíos da pandemia

·       Boa parte das 80 funcións programadas colgaron o cartel de entradas esgotadas

·       A celebración no verán permitiu o uso cultural seguro de espazos de gran valor natural e patrimonial

·       A organización planea xa a edición do 2022 como unha gran festa para celebrar os dez anos de vida de Atlántica

A novena edición do festival Atlántica pechou as súas portas o pasado domingo 11 de xullo logo dunha intensa programación desenvolvida por todo o país. O festival superou os esixentes desafíos loxísticos e técnicos da pandemia e da cambiante climatoloxía e foi quen de levar os contos ata unhas cinco mil persoas. Unha cifra considerable tendo en conta as restricións de aforo impostas pola situación sanitaria.

Segundo Soledad Felloza, directora do festival, “o pequeno formato dos espectáculos de narración oral e a súa capacidade de adaptación demostran que é posible facer cultura segura tomando as medidas apropiadas” e que “ese é o camiño polo que Atlántica vai seguir apostando”.

Foi unha edición marcada polas novidades: nova estación, novos espazos e novas propostas. O festival trasladouse ao verán por mor das restricións sanitarias e aproveitou para ocupar lugares onde nunca estivera antes. Unha elección de espazos que estivo marcada polo desexo de vincular o patrimonio material co patrimonio inmaterial da tradición oral. Esta busca tivo como resultado, en palabras de Felloza, “o redescubrimento de lugares singulares como espazos culturais, unha oportunidade de poñelos en valor e probar a súa idoneidade para espectáculos”.

Felloza salienta “a rede de colaboración tecida con asociacións, colectivos, fundacións, bibliotecas, concellos… que permitiron que o festival estivera por todo o país cunha organización impecable”. Tampouco esquece a alegría amosada polo público pola celebración do festival, un sentimento constatado “in situ nos propios espectáculos e tamén a través das redes sociais”.

Con ese sentimento de ledicia a organización do festival xa está a traballar no encontro de 2022, unha cita que planean como unha gran festa para celebrar os dez anos de vida de Atlántica.

Velaquí unha galería gráfica da presente edición do Festival Atlántica