Outes acolle o espectáculo ‘O retorno dos homes mariños’ de Xurxo Souto

  • A sesión será este venres, 13 de agosto, na terraza do Naútico do Freixo a partir das 21 horas
  • A entrada é gratuíta pero para asistir cómpre reservar por adiantado en cultura@outes.gal

Este venres, 13 de agosto, os amantes das historias teñen unha cita con Xurxo Souto e ‘O retorno dos homes mariños’ en Outes. A función, dirixida ao público adulto, será na terraza do Náutico do Freixo a partir das 21 horas. O espectáculo é gratuíto pero para asistir cómpre reservar por adiantado no correo cutura@outes.gal. A actividade, organizada polo Festival Atlántica, é posible grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e mais o Concello de Outes.

Neste sesión de contos Souto rescata un mito coruñés esquecido: o dos homes mariños. E quen sabe máis ca ninguén sobre eles? A señora Laura, a sabia do mar, e mais Mercedes, a heavy que traballa nun téxtil e soña con marchar polo mundo co seu grupo de música.

Xurxo Souto autodefínese como “terrícolo redondo”. É escritor, cantante, acordeonista, actor, director e locutor galego. Entre 1990 e 2001 foi o líder e vocalista da banda de rock en galego Os Diplomáticos de Monte Alto. Entre as súas novelas figuran ‘Contos do mar de Irlanda’ (Xerais, 2014) e a novela ‘A gran travesía de Chiruca Macallás’ (Xerais, 2018). ‘O retorno dos homes mariños’ (Xerais, 1999, 2020) foi a súa primeira novela e vén de ser reeditada no 2020 coincidindo cos vinte anos da súa publicación.