O Festival Atlántica, NOGA e Sete Falares celebran o Día Internacional da Narración Oral con espectáculos solidarios e un manifesto de Paula Carballeira

As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo co obxectivo de visibilizar e poñer en valor a arte de contar en galego

Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país nesta gran festa da narración oral

Aínda que Atlántica vaise a celebrar no verán, estes días xunta esforzos co festival Sete Falares de Pontevedra e co Colectivo Narración Oral Galega (NOGA) para situar no mapa dos manifestos e reivindicacións a lingua do país e ás historias que nos identifican. Así, coincidindo co 20 de marzo, data de celebración do Día Internacional da Narración Oral, as tres entidades están a preparar unha axenda ateigada de propostas contratadas por diferentes concellos en bibliotecas, teatros, auditorios e tamén sesións solidarias en hospitais e residencias da terceira idade.

A autoría do manifesto desta cuarta edición do Día da Narración en Galicia é de Paula Carballeira, recoñecida escritora, actriz, dramaturga e unha das pioneiras da narración oral do país. No seu texto convida a todos a contar e contarse, poñendo o foco na importancia de dar luz ás voces silenciadas, agochadas, perdidas. Un convite a ser parte da historia, a ser inmortal… “se queres”.

O manifesto xa está a ser distribuído en centros de ensino, bibliotecas e concellos e pódese compartir desde ás redes sociais do Festival Atlántica, Sete Falares e Noga. Tamén nas devanditas redes estará dispoñible o programa completo de actividades que se van desenvolver nos concellos de Ares, Arteixo, Carballeda de Avia, Barco de Valdeorras, Betanzos, Boiro, Cambados, Campolongo, Chantada, Dodro, Fene, Lugo, Mañón, Marín, Mazaricos, Meis, Moaña, Monfero, Monterroso, Mugardos, Muros, Narón, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Ribeira, Rubiá, Sandiás, Santa Comba, Santiago de Compostela, Soutomaior, Tordoia, Vigo e Ponte de Lima (Portugal).

Entre a vintena de artistas participantes figuran Aida Cobas, Alba de Vales, Amor Herrera, Ana Meilán, Ángeles Goás, Bea Campos, Brais das Hortas, Cándido Pazó, Carlos Rebolo, Charo Pita, Cris Collazo, Cris de Caldas, Inma Soto, Larraitz Urruzola, María Iglesias, Marta Ortíz, Monicreques de Kukas, Olga Abad, Pablo Díaz, Paco Nogueiras, Paula Carballeira, Pavís Pavós, Quico Cadaval, Raquel Queizás, Sole Felloza, Vero Rilo e Xabi do Camiño.

A ARTE MÁIS ANTIGA DO MUNDO

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que NOGA insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes. Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio situando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz e celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

20240315-Dia-Internacional-da-Narracion-Oral-20M

Quico Cadaval celebra trinta anos de conto cun espectáculo especial no Teatro Principal de Santiago

A función será ao mesmo tempo unha homenaxe ao mestre de mestres e unha festa das boas historias

O público está convidado a preparar preguntas para Cadaval que vai respondelas durante o espectáculo

A cita será o martes 26 de setembro, ás 20:30 horas, e os convites poderán retirarse dúas antes do comezo do espectáculo

Quico Cadaval, referente internacional da narración oral, comeza a celebración dos seus trinta anos contando historias cun espectáculo especial o vindeiro martes, 26 de setembro, no Teatro Principal de Santiago ás 20:30 horas. A Asociación Memoria Atlántica, organizadora do Festival Atlántica, argalla coa colaboración da Agrupación Cultural O Galo e o patrocinio do Concello de Santiago unha función única que aspira a ser unha homenaxe, un agradecemento e unha celebración das boas historias. A entrada será gratuíta e os convites, que estarán limitados a dous por persoa, poderanse retirar dúas horas antes do comezo do espectáculo.



En 30 anos a contar historias. Notas de rodapé, alén de agasallar aos asistentes cun feixe dos seus mellores contos, Cadaval vai deixar aberta a porta á participación do público, que está convidado a depositar na entrada do Teatro as preguntas que desexen. No transcurso da noite, algunhas delas serán seleccionadas ao chou e respondidas sobre a marcha por Cadaval. Así pois, o que aconteza no escenario vai ser unha mestura da habilidade improvisadora do artista e das características da propia pregunta. Todo pode pasar nesta noite única e moito do que ocorra dependerá da capacidade creativa do público.

Mestre de mestres

Quico Cadaval é contador de historias, director de escena e dramaturgo. Comezou o seu traballo a mediados dos anos 80 baixo o mestrado de Xoán Cejudo, que estimulou o seu autodidactismo. Como contador de historias saíu do café Atlántico e dende aquela espallou a narrativa galega por festivais tan importantes como o Iberoamericano de Bogotá, o FILBA de Bos Aires e as Palavras Andarilhas de Beja.

Cadaval leva desenvolvendo desde os anos noventa un tipo de espectáculo unipersoal a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaré literario. Un espectáculo de narración oral que se foi transformando nos últimos quince anos para se ir acomodando ás circunstancias ambientais, ás inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público.

Asociación Memoria Atlántica é a impulsora do Festival Atlántica e da celebración do Día Internacional da Narración Oral en Galicia. Con esta festa das historias pretende retomar os ciclos de contacontos que antes da pandemia tiñan lugar ao longo do ano e nos que participaban artistas non só galegos, senón tamén do resto da Península e da outra beira do mar. Fiel ao seu espírito colaborativo, nesta primeira función do Ciclo de Outono xunta esforzos coa Agrupación Cultural O Galo.

QUICO CADAVAL | 30 ANOS A CONTAR HISTORIAS. NOTAS DE RODAPÉ
Martes 26 de setembro | 20:30 h
Teatro Principal (Santiago de Compostela) | Entrada gratuíta (2 convites por persoa)
Público adulto | Galego
Convites: Retirada 2 horas antes do espectáculo na taquilla do Teatro Principal

Máis fotos de Quico Cadaval: https://flic.kr/s/aHBqjAMSUn (Créditos: Miguel Muñiz)

Galicia sobe ao escenario de Atlántica este mércores en Santiago

Pola maña está previsto un roteiro con Sole Felloza que xa ten as súas prazas esgotadas

Na tarde e no serán haberá espectáculos de Vero Rilo e de Bea Campos con interpretación en lingua de signos no CSC Maruxa e Coralia

Toda a programación do festival pódese consultar na web festivalatlantica.gal 

As voces de tres mulleres galegas encherán de historias a terceira xornada do Festival Atlántica en Santiago de Compostela: Sole Felloza, Vero Rilo e Bea Campos. O programa do día inclúe un paseo narrado pola contorna da cidade e mais un espectáculo para nenos e outro para adultos, ambos os dous con interpretación en lingua de signos. Todas as actividades son de carácter gratuíto con entrada libre ata completar o aforo agás o roteiro, que xa ten as súas prazas esgotadas desde hai varios días. Atlántica ten presenza na cidade compostelá grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais á colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

A primeira actividade do día, ‘Contos para bos paseantes’, consistirá nun paseo narrado polos sendeiros de Santiago na compaña de Sole Felloza a partir das 10 horas. A actividade, que colgou o cartel de ‘prazas esgotadas’ hai tempo, é un convite para camiñar por lugares coñecidos sen contar calorías pero descubrindo as historias agochadas nun castiñeiro, nunha fonte ou nunha ruína.

Xa pola tarde, ás 18.30 horas, os nenos maiores de tres anos e as súas familias teñen unha cita co ‘Animalario’ de Vero Rilo no CSC Maruxa e Coralia, unha sesión de narración oral fresca e despreocupada para recargar enerxías e para gozar cun feixe de animais e animaladas. Un chisco despois, ás 21 horas, será Bea Campos quen deleite o público adulto con ‘Marcho que teño que marchar’, unha escolma de contos onde as mulleres son as protagonistas, desde meigas artúricas ata avoas misteriosas.

A actividade na cidade picheleira vai continuar ata o sábado 8 de xullo e completará unha vintena de espectáculos. Fiel á súa filosofía, Atlántica vai programar un amplo abano de funcións tan variadas como os públicos aos que se dirixe. Haberá espectáculos para todas as idades, de temática diversa, en horarios variados e en diferentes puntos da cidade. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Máis contos en Ferrol

No tocante a Ferrol, o mércores 5 será a quenda do cubano Pedro Mario López, quen tamén contará para cativos (18 h, Biblioteca Municipal, ‘Do monte veño e ao monte vou’) e para maiores (20.30 h, Capela C. Torrente Ballester, ‘Sen destinatario’). Dúas oportunidades para achegarse ata as historias deste cubano, neto de galegos emigrado a Colombia. A súa fala desbordante, chea de retranca, engaiola con historias nas que mestura a gran literatura coa tradición oral: realismo máxico e humor no escenario.

Sobre os artistas

Sole Felloza. Actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga. Esta polifacética narradora xa é case máis galega ca uruguaia e no seu xeito de contar nótase ben que é unha apaixonada das historias da terra. Unha “galeguaia” de raza pura, como a define Quico Cadaval.

Vero Rilo. Rilo conta do cotián e faino por non calar e por necesidade, por non perder a memoria das outras nin a súa. Conta (d)a vida e tamén (d)a morte, mentres unha vén e ata que a outra non chegue.

Bea Campos. Teatreira e contacontos, Bea Campos é integrante de Migallas, unha das familias históricas do teatro galego. Moi coñecida polo público infantil, sobe por fin ao escenario cunha chea de historias para adultos nas quen non falta o humor. Haina que aproveitar e escoitar antes de que marche ao Festival Internacional de Cabaret de México.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica están a se espallar por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición van chegar ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Santiago de Compostela e Ferrol, este ano participan en Atlántica os concellos de Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.

20230704-NP-Programacion-Atlantica-5-xullo-Santiago

A tradición oral lusa protagoniza o arranque do Festival Atlántica este luns 3 de xullo en Santiago

O portugués Luis Correia Carmelo e a galega Raquel Queizás ‘tomarán’ o CSC Maruxa e Coralia con tres espectáculos

Atlántica vai estar presente en 24 concellos ata o vindeiro 9 de xullo

Toda a programación do festival pódese consultar na web festivalatlantica.gal

O Festival Atlántica inaugura a súa actividade en Santiago de Compostela, a súa principal sede, este luns, 3 de xullo, con tres actividades a cargo de Raquel Queizás e Luis Correia Carmelo. Todas elas van ser no CSC Maruxa e Coralia e terán carácter gratuíto con entrada libre ata completar o aforo. Atlántica ten presenza na cidade compostelá grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais á colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

O programa comezará ás 18 horas con ‘Chimpo de ra’, unha proposta da galega Raquel Queizás concibida para os bebés con idades entre un e tres anos. A historia de dous irmáns, Nano e Nona, da relación entre eles, con celos e afectos, aventuras e desventuras, é o fío condutor deste espectáculo.

Un chisco máis tarde, ás 18:45 horas, será a cita do portugués Luis Correia Carmelo coa cativada maior de cinco anos e as súas familias. En ‘Nin dúas nin tres… era unha e só unha vez’ os protagonistas son as adiviñas, trabalinguas, lerias e os contos acumulativos da tradición oral portuguesa. Todos eles mestúranse para convidar aos máis pequechos a xogar, comprender e pensar.

Esta primeira xornada de Atlántica en Santiago rematará con outro espectáculo do narrador portugués pero, desta volta, dirixido ao público adulto. Trátase de ‘Contantinas’, historias acompañadas dunha concertina nunha performance onde palabra e música van da man. Localizadas nun imaxinario de principios do século XX, estas historias falan da misteriosa ligazón entre as persoas e dos seus encontros e desencontros.

A actividade na cidade picheleira vai continuar ata o sábado 8 de xullo ata completar unha vintena de espectáculos. Fiel á súa filosofía, Atlántica vai programar un amplo abano de funcións tan variadas como os públicos aos que se dirixe. Haberá espectáculos para todas as idades, de temática diversa, en horarios variados e en diferentes puntos da cidade. Tamén están previstos pases con interpretación en lingua de signos. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Sobre os artistas

Luis Correia Carmelo. Este artista portugués emigrou a Brasil de neno e ao seu regreso, comezou no mundo dos contos a estudar e recoller historias e músicas tradicionais. Hoxe en día é un dos grandes referentes da narración oral lusa e trae a Santiago un espectáculo onde o humor, o marabilloso e o cotián palpitan ao ritmo da súa concertina.

Raquel Queizás. É actriz, monicrequeira e, sobre todo, contadora de historias. O seu repertorio inclúe contos tradicionais, lendas, adaptacións de contos de autor e historias propias. Os contos formaron parte da súa vida desde pequecha e leva xa vinte anos inmersa profesionalmente no mundo da narración oral e do teatro.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica están a se espallar por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición van chegar ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Santiago de Compostela, este ano participan en Atlántica os concellos de Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Ferrol, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.

20230701-NP-Programacion-Atlantica-3-xullo-Santiago

Ferrolterra consolídase como a segunda sede do festival Atlántica

Ferrol volve apostar con forza polos contos e recibe once espectáculos entre os días 4 e 8 de xullo

Mugardos recunca como sede e acolle dous espectáculos no Centro de Interpretación de Caldoval, un deles estrea absoluta

Entre as novidades, a incorporación dun roteiro narrado polo Ferrol ilustrado na compaña de Guillermo Llorca

O concello de Ferrol convértese de facto na segunda sede do Festival Atlántica grazas aos once espectáculos que acollerá entre os días 4 e 8 de xullo. Ademais, o concello de Mugardos repite este ano con dúas propostas, o que fará de Ferrolterra un epicentro da narración oral cun total de trece funcións gratuítas para grandes e cativos. Esta intensa actividade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos de Ferrol e Mugardos e mais do Centro de Interpretación de Caldoval.

A programación vai comezar o vindeiro martes, 4 de xullo, con dúas funcións do portugués Luis Correa Carmelo. A primeira, ‘Nin dúas nin tres… era unha e só unha vez’, será ás 18 horas na Biblioteca Municipal e está concibida para público infantil maior de 5 anos. Un chisco máis tarde, ás 20.30 horas e no Centro Cívico de Canido, os adultos poderán gozar coas historias de ‘Contatinas’. O mércores 5 será a quenda do cubano Pedro Mario López, quen tamén contará para cativos (18 h, Biblioteca Municipal, ‘Do monte veño e ao monte vou’) e maiores (20.30 h, Capela C. Torrente Ballester, ‘Sen destinatario’).

O xoves 6 de xullo María da Pontragha protagonizará tamén un programa dobre. Ás 18 h, na Biblioteca Municipal, os nenos descubrirán que historias se agochan dentro de ‘Un saco de contos’ e ás 20.30 h, na Capela C. Torrente Ballester, serán os adultos os que coñezan quen son as ‘Donas do lugar’.

En canto ao venres 7, o Festival Atlántica programa tres actividades. A primeira, ás 17.30 horas na Biblioteca, vai ser o concerto sensorial para bebés ‘Son no berce’ de Cris Collazo. A propia Collazo recuncará ás 19 horas co espectáculo infantil ‘A corva’ no Centro Cívico de Canido, e a esa mesma hora comezará o ‘Roteiro polo Ferrol ilustrado’ con Guillermo Llorca.

Atlántica despedirase de Ferrol o sábado 8 de xullo con dous dos narradores galegos máis veteranos: Charo Pita (12 h, Centro Cívico de Canido, ‘Mares de conto’) e Cándido Pazó (21 h, Cruceiro de Canido, ‘Unha chea de contos’). Cómpre sinalar que aínda que todas as actividades son gratuítas, algunhas delas precisan reserva previa vía web ou retirada de convites. Toda a información ao respecto pódese atopar na web de Atlántica ou da Biblioteca Municipal de Ferrol.

Estrea absoluta en Mugardos

Pola súa banda, o Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos vai recibir o xoves, 6 de xullo, o espectáculo ‘Urdimbres’ de Pedro Mario López. O venres 7 o enclave mugardés vai ser o escenario que acolla a estrea absoluta do espectáculo ‘Ida e volta’ do dúo ‘En branca e negra’ integrado pola galega Cris de Caldas e a cubana Amor Herrera. Ambas as dúas actividades serán ás 21.30 horas.

Algúns narradores: petiscos de arte

Luis Correia Carmelo. Este artista portugués emigrou a Brasil de neno e ao seu regreso comezou no mundo dos contos a estudar e recoller historias e músicas tradicionais. Hoxe en día é un dos grandes referentes da narración oral lusa e trae a Santiago un espectáculo onde o humor, o marabilloso e o cotián palpitan ao ritmo da súa concertina.

Pedro Mario López. Cubano, neto de galegos emigrado a Colombia. A súa fala desbordante, chea de retranca, engaiola con historias onde mestura a gran literatura coa tradición oral. Realismo máxico e humor no escenario.

María da Pontragha. Coñecida como María Iglesias na vida civil, a Pontragha é unha das voces máis persoais da nova narración oral galega. Nas súas contadas deixa clara a súa paixón pola tradición oral, tanto a través da música como da palabra en si. É quen de recuperar e actualizar as historias populares, atrapando ao público con sesións de contos que destilan un gusto especial polos que se centran nas mulleres do país.

Guillermo Llorca. Este profesor de instituto xubilado, namorado de Ferrol, atesoura máis de trinta libros, de autoría individual e compartida, e centos de artigos en numerosos xornais e revistas. No 2022 participou como coordinador local da exposición ‘Cidades no Tempo: Ferrol’.

Cris de Caldas e Amor Herrera. Cris, galega e branca coma o leite, é narradora oral. Amor, cubana e negra coma o café, é música profesional e escritora ocasional. Ambas as dúas xúntanse no espectáculo de narración oral e música en directo ‘Ida e volta’. Un convite para viaxar no espazo e no tempo a través de historias de migracións, sabedoras da importancia da riqueza da diversidade cultural e de non perder a memoria. Porque hai historias e contos que teñen billetes de ida e volta, coma a vida mesma.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica vanse estar espallando por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición chegarán ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Ferrol e Mugardos, este ano participan en Atlántica os concellos de Santiago de Compostela, Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Mondoñedo, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Ao seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano cos anos foise agregando a posta en valor e difusión de espazos patrimoniais do país e a clara vocación de levar espectáculos de calidade a cidades e vilas das catro provincias. O número e a calidade de artistas e propostas escénicas foi medrando ata convertelo nunha cita ineludible da narración oral da Península.

20230628-NP-Festival-Atlantica-Ferrolterra