DEZ ANOS DE ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO

DEZ ANOS DE ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO

Música, palabra, aceno,…, arte no hall do teatro.

Non son precisas tarimas, caixóns negros nin panos de veludo vermello.

Só facianas e voces, sentires profundos e bágoas e risos a eito.

O acto, único, por senlleiro;

as escenas, multiplicadas en espazos,

por sorpresa e suxestivas, abranguían un ambiente de festexo

no que as lembranzas campaban ao seu aire de memoria en memoria.

Canta amizade e agarimo! Cantas horas gozadas na mellor compaña!

Canta maxia…!

Cantos rostros ausentes e presentes

debuxados cos pinceis do agradecemento!

Cantas vidas dun “second life” contaxioso en cada nova tempada;

peza a peza urdindo a tea de Penélope, facendo e desfacendo,

mais medida xa en decenios.

Estreiteces, avatares, ditas, desgustos, aplausos,

nomes que van e que veñen,

que se achegan, que experimentan, que agora permanecen

dando consistencia ao que un día foi proxecto desexado.

Dende aquel seis do once do dous mil seis en que naceu para medrar,

día a día, despois dalgún aborto benquerido e bagoado.

Hoxe é presente xa maduro e será futuro con certeza!

Feliz aniversario, Escola Municipal de Teatro!

O TEATRO EN VILALBA DE ANIVERSARIO

O TEATRO EN VILALBA DE ANIVERSARIO

A Escola de Teatro vilalbesa vai celebrar os seus dez primeiros anos de existencia. Comezará a celebración cunha exposición que se realizará na sala de Exposicións do Auditorio Municipal Carmen Estévez, dende o vindeiro 10 de marzo até o 31 deste mesmo mes. Nesta exposición amosaranse os carteis de todas as obras que estreou a escola vilalbesa nesta década, de todos os grupos (nenos ou adultos), ademais de obxectos de atrezo, vestiario e unha colección de fotografías das representacións, os seus ensaios e outras actividades nas que participou na capital chairega, en distintos eventos como as feiras medievais, o San Xoán ou o Enterro da Sardiña.

Por outra banda, o concelleiro de Cultura vilalbés,  José Antonio Pita, salientou, durante a presentación de ditos actos de celebración, o agradecemento «polo traballo dos últimos anos a María Xosé Lamas, a través do Centro Dramático Vilalbés, Teresa Castro, Cristina Mariño e, agora, Guillermo Cancelo e Iria Acevedo», que permitiu levar a cabo «un gran labor a nivel social e, tamén, de integración, xa que participan rapaces do centro ocupacional».
Engadiu que dende o Concello están «encantados» co funcionamento da Escola de Teatro e a boa disposición que manifestan os seus compoñentes ante calquera acto que lles demandan. Na actualidade, a Escola de Teatro de Vilalba conta cuns 40 alumnos, que se reparten en dous grupos infantís, un xuvenil e outro de adultos.
Asemade, nesta mesma fin de semana celebrarase a XVIII Mostra de Teatro de Vilalba, que contará con dúas representacións. A primeira, o sábado 11, ás 21.00 horas, a cargo da escola municipal de A Pontenova, que representará a peza A horta das cerdeiras. Mentres que o grupo de teatro municipal de Castro de Rei escenificará o domingo 12, a partir  das 19.00 horas, a obra Full Monte. A entrada para asistir como espectador a ámbalas dúas pezas será de balde.