Foliada de Outono de Castiñeiro Milenario o vindeiro 14 de decembro

O sábado 14 de decembro volven as foliadas a Begonte, volve a Foliada de Outono de Castiñeiro Milenario. Nesta ocasión temos unha novidade importante, pois temos un cambio de escenario e por primeira vez, faremos a foliada no Centro Sociocultural de Begonte,

A foliada comezará ás 18 horas cun obradoiro de construción de instrumentos miúdos a cargo de Pablo Pintor. Un obradoiro para pequenos e grandes, onde recomendamos que os máis pequenos veñan acompañados dun adulto. Aprenderemos a facer algún deses instrumentos pequenos de percusión que, por ser pequenos, non deixan de ser ben interesantes na nosa música tradicional. Será un xeito de mellorar as nosas habilidades manuais, coñecer algún deses instrumentos e se cadra tocar algunha peciña con eles. O obradoiro vai ser de balde para todas as persoas socias de Castiñeiro, e terá un custe de 10€ para persoas non socias. É necesario anotarse para ter unha previsión de asistencia no seguinte correo electrónico da asociación begontina castineiromilenario@hotmail.com

Ao remate do obradoiro haberá uns petiscos e a partir das nove da noite comezará a foliada con catro grupos participantes, os residentes Foliadeir@s do Castro e Treitoira que, como sempre, serán os encargados de romper o xeo e despois teremos ao grupo Pena VisoPetaticatúa e Xermolos. Ao remate haberá foliada libre ata que o corpo aguante.

VIII Ciclo de Teatro de Castiñeiro Milenario

Castiñeiro Milenario presenta unha nova edición, a oitava, do Ciclo de Teatro. Nesta edición contarán con tres representacións, todas elas dentro dos circuítos de teatro, tanto do afeccionado coma do profesional, promovidos pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A primeira obra será o 22 de setembro ás seis da tarde no local do Pobo da Asociación Veciñal do Castro. A compañía O Torques de Burela representará a obra titulada “ODT-TIVE“, unha comedia para todos os públicos.

A segunda obra será o 9 de novembro, a partir das sete da tarde, na Casa do Pobo da Asociación Veciñal do Castro a cargo da compañía Grupo de Teatro do Hospital de Lugo que representará a obra “Asasinato na tenda de roupa“, unha comedia, tamén con asasinatos polo medio dirixida a todos os públicos.

Para rematar este Ciclo o 30 de novembro ás sete da tarde na Casa da Cultura de Begonte e dentro do circuíto profesional da Deputación de Lugo, teremos a Bátega Teatro representando a obra “O Pano“, unha obra dramática dirixida a adolescentes e público adulto.

Agradecemos que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo continúe apoiando o teatro, tanto afeccionado como profesional, ao Concello de Begonte por ceder a Casa da Cultura e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por ceder as súas instalacións.

Velaí a ligazón relativa a este ciclo no blog  https://castinheiromilenario.wordpress.com/2024/09/06/viii-ciclo-de-teatro/ 

AC Castiñeiro Milenario
Campo de Arriba, 25. Saavedra 27375 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Castiñeiro Milenario celebra os Maios e a Foliada de Primavera

O sábado un de xuño, no local do pobo da Asociación Veciñal do Castro en Begonte e a partir das seis e media da tarde daremos comezo ao maio de Castiñeiro Milenario. A actividade comezará cun paseo para apañar flores, fentos e xestas para facer un maio bonito e xeitoso. Dirixidos pola nosa querida meiga da Primavera, Branca Villares, faremos un maio e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera e dicir adeus, por fin, a este eterno e gris inverno.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove e media, comezará a festa coa foliada que contará coa presenza dos grupos, Proxecto Consoante, Treitoira e Mestura de Nete, despois foliada aberta ata que o corpo aguante. Trae o teu instrumento e anímate a facer a festa da primavera de Begonte.

Queremos agradecer, como sempre, a Branca Villares, a súa total entrega nesta historia, os maios sen ela non serían o mesmo e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

AC Castiñeiro Milenario
Campo de Arriba, 25. Saavedra 27375 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

XI Edición do Festival 27373 de música en galego

A XI edición do Festival 27373 de música en Galego de Begonte, reúne nun mesmo día, un festival para nenos e nenas durante a mañá e a tarde e concertos para os mozos e mozas pola noite

A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Undécima edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 12 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente ou liderado por mulleres. Unha aposta pola língua e pola visibilización da muller nos escenarios.

O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 13:45 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional a cargo do cuarteto Seimeira, na que poderemos gozar, en exclusiva, das dúas cervexas oficiais do Festival 27373. Ámbalas dúas cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional XI Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, o III campionato de serrador@s da Terra Cha. A partir das sete, o guitarrista Paco Cerdeiras, Pakolas, dará remate ao festival de día co seu espectáculo Rockeando con Ramona pequena, dirixido ao público familiar

Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río Ladra ao tempo que participamos nas distintas actividades.

Abrindo o festival de noite, sobre as 20:30 subirá ao escenario Pauliña, unha muller reivindicativa e chea de vitalidade que fusiona rock, country ou blues, a súa enérxica posta en escena non vai deixar a ninguén indiferente. Os seguintes en subir ao escenario será o Pepe Vaamonde Grupo, un dos mellores gaiteiros do país chega ao escenario do festival 27373, a súa gaita poñerá o torreiro patas arriba. Rematan o festival, Tecor Societário, o seu punk-folk será o remate perfecto para esta undécima edición.

Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Ás empresas e organizacións colaboradoras e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.