O sábado 11 de marzo temos unha cita ineludible coa nosa música, o baile tradicional e coa festa arredor do noso.
Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un obradoiro cun deses instrumentos galegos tan propio da montaña como é a trompa ou birimbao. Daniel do Pando, recoñecido tocador da trompa, impartirá un obradoiro de iniciación a este instrumento. O obradoiro, de nivel iniciación, ten unha duración aproximada de catro horas e consta dunha parte teórica para tratar temas como a historia, afinación, limpeza… e outra práctica como o agarre, ritmos básicos, melodía, etcétera. A cada participante deixaráselle un instrumento para o obradoiro. O inicio está programado para as cinco de tarde. O prezo é de 15€ para as persoas asociadas de Castiñeiro e de 20€ para o público en xeral. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou por calquera das nosas redes sociais.
Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente Xaora será o grupo encargado de continuar a festa. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.