A XI edición do Festival 27373 de música en Galego de Begonte, reúne nun mesmo día, un festival para nenos e nenas durante a mañá e a tarde e concertos para os mozos e mozas pola noite
A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Undécima edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 12 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.
O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente ou liderado por mulleres. Unha aposta pola língua e pola visibilización da muller nos escenarios.
O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 13:45 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional a cargo do cuarteto Seimeira, na que poderemos gozar, en exclusiva, das dúas cervexas oficiais do Festival 27373. Ámbalas dúas cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional XI Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, o III campionato de serrador@s da Terra Cha. A partir das sete, o guitarrista Paco Cerdeiras, Pakolas, dará remate ao festival de día co seu espectáculo Rockeando con Ramona pequena, dirixido ao público familiar
Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río Ladra ao tempo que participamos nas distintas actividades.
Abrindo o festival de noite, sobre as 20:30 subirá ao escenario Pauliña, unha muller reivindicativa e chea de vitalidade que fusiona rock, country ou blues, a súa enérxica posta en escena non vai deixar a ninguén indiferente. Os seguintes en subir ao escenario será o Pepe Vaamonde Grupo, un dos mellores gaiteiros do país chega ao escenario do festival 27373, a súa gaita poñerá o torreiro patas arriba. Rematan o festival, Tecor Societário, o seu punk-folk será o remate perfecto para esta undécima edición.
Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Ás empresas e organizacións colaboradoras e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.