Camiño Escena Norte pecha unha edición de resistencia nun ano marcado pola fonda caída das subvencións estatais
O proxecto de intercambio de artes escénicas finaliza a súa programación de 2024 sen poder atender aos públicos de quince localidades de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra; ademais de ter que suspender o programa Cruzamentos
Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural no que participan 15 compañías de danza e artes do movemento, teatro e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, pecha a súa sexta edición. Esta, que comezou como a máis expansiva, finalizou como unha edición de resistencia debido á exclusión do proxecto das Ayudas para la acción y la promoción cultural do Ministerio de Cultura, e á diminución en máis dun 50% da axuda da convocatoria de teatro e circo do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM). As resolucións, coñecidas cando xa arrincara a programación, obrigaron a cancelar quince funcións do Ciclo Constelacións e suspender o proxecto Cruzamentos, ademais de poñer en perigo a continuidade da Oficina CEN de Cooperación Escénica.
Camiño Escena Norte presentaba en 2024 a súa edición máis expansiva, cun incremento de sedes, estreando proxectos e extensións en máis de 60 localidades en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Na edición de 2023, o proxecto foi o segundo máis valorado dos 500 presentados ás Ayudas para la acción y la promoción cultural do Ministerio de Cultura. Cando a sexta edición comezara, chegaron as resolucións provisionais tanto das mencionadas axudas como da convocatoria de teatro e circo do INAEM: o aplaudido proxecto de Camiño Escena Norte quedaba fóra da axuda ministerial e vía reducida en máis dun 50% a achega do INAEM, cun recorte global, no financiamento estatal respecto ao 2023, de 73.530,20 euros.
Este pau económico fixo que a organización de CEN tomase varias decisións drásticas para poder continuar coa sexta edición -coa programación xa presentada e iniciada-: a cancelación de 15 funcións do Ciclo Constelacións (unha por compañía e tres por comunidade), a suspensión do proxecto Cruzamentos (no que estaban implicadas catro compañías) e a anulación da colaboración coa Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud. A situación obrigou tamén a suspender a actividade da Oficina CEN de Cooperación Escénica e pon en perigo a súa continuidade. Así, o traballo de CEN centrouse en ofrecer tanto ás compañías como aos públicos unha edición de resistencia, para non cancelar o programa como sucedeu con outros proxectos de artes escénicasdebido á forte caída nas subvencións estatais.
Os públicos de quince localidades quedaron sen poder gozar da programación CEN: en Galicia afectou as funcións programadas en Sobrado dos Monxes, Ames e Ribadeo; en Asturias canceláronse espectáculos en Soto del Barco, Vegadeo e Corvera; en Cantabria anulouse a programación de Castro Urdiales, Solares e Los Corrales de Buelna; en Euskadi, CEN non chegou ás salas de Muskiz, Zumaia e Eibar e, en Navarra, o recorte afectou ao programa en Tafalla, Villava e Azagra. Esta situación foi especialmente dolorosa para a organización, porque un dos éxitos do proxecto foi a relación directa cos públicos: desde a primeira edición, CEN apostou porque o artístico non quedase limitado ao espazo escénico, e que compañías e espectadores dialogasen e intercambiasen experiencias posfunción.
Ademais, a decisión ministerial danou o programa Cruzamentos, un dos piares do CEN. Nesta rede de estancias -de intercambio escénico, artístico e profesional- ían participar este ano os vascos Hika Teatroa xunto á compañía navarra Led Silhouette (no Centro Cultural Egia de Donostia), e a compañía galega Furia Sotelo en colaboración cos cántabros Babirusa Danza (na Casa Vella, Amiadoso, Ourense). Estes proxectos quedaron suspendidos, mais a organización de Camiño Escena Norte está a buscar vías de financiamento para os mesmos de cara ao ano 2025.
O recorte tamén pon en perigo a continuidade da Oficina CEN de Cooperación Escénica, un programa de consultoría e acompañamento profesional creada en 2024 cuxo obxectivo é reforzar a actividade profesional de Camiño Escena Norte, apoiando a actividade das compañías no ámbito da distribución.
Camiño Escena Norte considera que o actual sistema de subvencións no ámbito estatal, a súa falta de continuidade cos proxectos e os seus prazos de resolución e execución, fan inviable non só o crecemento, senón a propia estabilidade de iniciativas como a súa. Ao tempo, quere agradecer o compromiso co proxecto das asociacións profesionais, patrocinadores e resto de entidades financiadoras nas cinco comunidades de Camiño Escena Norte. Este 2024, o proxecto contou co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Gobierno del Principado de Asturias; Gobierno de Cantabria; Eusko Jaurlaritza; Arabako Foru Aldundia, Bizkaiko Foru Aldundia; Gipuzkoako Foru Aldundia; e Nafarroako Gobernua. No ámbito institucional, colaboraron tamén a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo. Vegalsa-Eroski mantívose como patrocinador oficial e a Fundación Camino Lebaniego (Cantabria) incorporouse ao patrocinio do proxecto. A todas estas entidades, así como ás decenas de localidades que acollen a programación, Camiño Escena Norte agradece o seu apoio real e consistente, que foi fundamental para o mantemento da programación, e non sufrir a mesma sorte que outros proxectos que se viron obrigados a cancelar a súa actividade.
As asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas promotoras de Camiño Escena Norte entran agora nun período de reflexión sobre o proxecto, aínda que o obxectivo de Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra) é continuar co programa. Con todo, non poden ocultar a súa frustración e tristeza pola falta de compromiso estatal cun proxecto que, desde 2019, levou o teatro, a danza e as artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais, ofrecendo a oportunidade de acceder á cultura a públicos de municipios sen acceso a este tipo de espectáculos.
A creación, dirixida a público adolescente e adulto, combina teatro e ciencia para dar a coñecer a vida dunha das mulleres máis relevantes da historia, considerada a impulsora da informática actual
A obra, que se poderá ver o día 24 a partir das 20.30 horas no Pastor Díaz, foi recoñecida no 2023 co Premio Jovellanos á Produción Escénica; e este ano acadou 6 galardóns nos Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias, entre eles, Mellor Espectáculo
A sexta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega este xoves 24, na Mariña lucense, ao seu fin. O Teatro Municipal Pastor Díaz de Viveiro acollerá a representación do espectáculo Ada Byron: la tejedora de números, unha proposta na que a compañía asturiana La Westia Producciones combina teatro e ciencia para dar conta da vida dunha das mulleres máis relevantes da historia da humanidade.
A obra, dirixida a público adolescente e adulto, presenta a Ada Byron moi enferma, na cama, e que no seu delirio ve o seu pai morto (o poeta romántico lord Byron), con quen revisa a súa propia vida, na que as matemáticas adquiren un gran protagonismo. Nesa revisión vital, na que pai e filla se coñecen, xorden revelacións e reproches que fan cambiar a concepción que Ada ten da súa existencia.
O broche dourado desta sexta edición do Camiño Escena Norte vén acompañado, ademais, de numerosos galardóns. Así, Ada Byron: la tejedora de números foi recoñecida o ano pasado co Premio Jovellanos á Produción Escénica, mentres que neste 2024 acadou seis Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias, entre eles, o de Mellor Espectáculo.
As entradas (5€, 3€ prezo reducido) pódense reservar en rbg.cultura@viveiro.es ou no 982560162 de luns a xoves, en horario de 9 a 14 horas, e na billeteira do teatro Pastor Díaz no mesmo día da función desde unha hora antes do inicio.
A entrada para asistir na Capela da Madanela á función, que terá lugar o día 19 ás 18.00 horas, será de balde ata completar a capacidade do espazo
A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta semana a Arzúa. O sábado 19, a partir das 18.00 horas, a Capela da Madanela acollerá a representación de El jardín de Olivia, unha peza para todos os públicos da compañía navarra Pájaros Pintados Creación Teatral. A o acceso será libre ata completar a capacidade do espazo.
Pájaros Pintados é unha compañía de creación escénica, colaboración e mediación artística que nace en 2022 da man de Victoria Musetti. Busca crear un espazo de colaboración entre profesionais novos e outros de maior traxectoria para se enriquecer de experiencias diversas. Interésalle traballar co público a través de proxectos innovadores e actividades de mediación.
El jardín de Olivia comeza no primeiro día da primavera. A protagonista, Olivia, volve ao xardín para velo nacer e para limpar os restos que deixou o inverno. Pero Olivia non está soa, neste xardín florecen os recordos cultivados xeración tras xeración polas mulleres da familia. Unha viaxe a través das ausencias e do paso do tempo, a través da despedida e do reencontro coa mascota da infancia, cos avós, cos pais e coas nosas raíces. Día tras día, ano tras ano e flor tras flor, sempre gardamos a esperanza dunha nova primavera.
Camiño Escena Norte inunda o Gustavo Freire co espectáculo ‘El nadador de aguas abiertas’
CEN desembarca este xoves 17 na capital luguesa cunha obra de teatrosobre a amizade, a zona de confort e a superación protagonizada por Markos Marín e o televisivo Adolfo Fernández
As entradas para asistir á función, con música de Fernando Velázquez -autor das BSO de Lo imposible ou El orfanato– están á venda a través da páxina web www.entradaslugo.es
A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta semana a Lugo. O xoves 17, a partir das 20.30 horas, o auditorio municipal Gustavo Freire acollerá unha función de El nadador de aguas abiertas, das compañías vascas K. Producciones e Tanttaka Teatroa. As entradas para a cita están á venda a través da páxina web www.entradaslugo.es.
El nadador de aguas abiertas é unha obra escrita polo xornalista catalán Adam Martin Skilton e adaptada por María Goiricelaya na que se aborda a amizade e a superación a través da relación que establecen as dúas personaxes protagonistas: Walrus (que leva á escena o televisivo Adolfo Fernández), un experto nadador que agocha un trauma familiar, e Nilo (interpretado por Markos Marín), un home que aprenderá a nadar aos 48 anos da man do primeiro.
Unha impresionante escenografía con cubos de auga e area, cun convertido nun oceáno, será o espazo no que se presente este espectáculo, dirixido por Fernando Bernués, e cuxa banda sonora orixinal é obra do compositor asturiano Fernando Velázquez, autor da músicas das películas Lo imposible e El orfanato, ou de series como Patria e Apaches.
O programa de intercambio regresará o xoves 24 á provincia lucense para pechar a súa cuarta edición en Viveiro, no Pastor Díaz, coa representación de Ada Byron: la tejedora de números; unha peza gañadora do Premio Jovellanos á Produción Escénica 2023 e que tamén acadou seis galardóns nos Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias 2024, entre eles, o de Mellor Espectáculo.
CEN desembarca de novo no FIOT esta fin de semana con ‘Olvido Flores’, de Estefanía de Paz Asín, quen recupera a historia do circo Anastasini, cuxos membros foron asasinados no 1936
O vindeiro sábado 12, o auditorio municipal de Vimianzo acollerá a representación de ‘El nadador de aguas abiertas’, un espectáculo sobre a amizade, a zona de confort e a superación protagonizado por Markos Marín e Adolfo Fernández
O elenco das compañías vascas e navarra participará, ao remate das funcións, en sendos encontros co público asistente
A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana á Costa da Morte. O domingo 6, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá, no marco do FIOT, a única función en teatros galegos deOlvido Flores, da navarra Estefanía de Paz Asín; mentres que o sábado 12 o auditorio municipal de Vimianzo será o recinto no que se represente El nadador de aguas abiertas, das compañías K. Producciones e Tanttaka Teatroa.
A primeira das citas enmárcase no ciclo OTNI do FIOT. A artista multidisciplinar Estefanía de Paz Asín presentará o domingo 6, ás 20.00 horas, Olvido Flores,unha peza que pon sobre a mesa a historia do circo Anastasini, cuxos membros foron asasinados na localidade navarra de Lodosa en xullo de 1936. A creadora rescatou información e relatos da época para dar conta do que pasou aquela noite e iluminar a memoria da troupe circense. Ao remate da función, que terá lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo, celebrarase un encontro coa artista. As entradas para á cita están dispoñibles no espazo web www.fiot.gal.
Xa de cara á semana seguinte, o sábado 12, o CEN adentrarase na Terra de Soneira. O auditorio municipal de Vimianzo acollerá a representación de El nadador de aguas abiertas, peza que conta cos actores Markos Marín e Adolfo Fernández coma protagonistas absolutos, e na que se aborda a amizade e a superación a través da aprendizaxe da natación. A función comezará ás 20.30 horas e, ao remate, celebrarase un encontro cos actores.
As entradas para asistir ao espectáculo, producido polas compañías vascasK Producciones e Tanttaka Teatroa, xa están a venda a través www.woutick.es. Logo da súa representación na Costa da Morte, a peza, candidata a seis Premios Max 2024, poderase ver o 17 de outubro en Lugo.
AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE NA COSTA DA MORTE
06.10, 20.00h | Carballo (Pazo da Cultura)
Olvido Flores, de Estefanía de Paz Asín (NAV)
* Función enmarcada no Camiño Expandido – Vieiros: colaboración co FIOT de Carballo. Unha troupe de máis de 50 artistas facía xira polo norte de España e apagaron as luces bailando coa morte. Achéganos os testemuños das persoas que viviron os acontecementos sucedidos en Lodosa en xullo de 1936. E gardaron o recordo. Olvido quere dar voz aos sen nome, a esas persoas esquecidas ás que ninguén lles levou flores tras a súa morte.
Artista multidisciplinar, profesional das artes escénicas, Estefanía de Paz Asín traballou para outras compañías, institucións e colectivos, combinando a condición de creadora coas habilidades como cantante, bailarina e actriz. É unha muller con formación en circo, teatro, danza e voz. Un dos seus últimos recoñecementos foi o premio Fetén á Mellor Interpretación co espectáculo La Reina del Arga no 2022.
12.10, 20.30h | Vimianzo (Auditorio Municipal) El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa (EUS)
Son dous… pero non son parella. Aínda que o poida parecer en ocasións. Son dous e son homes. Aínda que lles sobra tenrura e ganas de pasalo ben. Son dous e vas rir con eles. Se cadra ata os queres adoptar. Pódese falar. Son dous e necesítanse. Aínda que non o saiban. Son dous en cartel, pero moitos no escenario.
K. Producciones, compañía con sede en Bilbao, nace en 2002 da asociación de Adolfo Fernández, actor e director, e Cristina Elso, produtora, coa intención de levar a cabo proxectos de autores contemporáneos cun marcado contido político e social. Esta aposta decidida pola autoría viuse recompensada con 3 premios Max: En la orilla, Mellor Adaptación 2018; Ejecución hipotecaria, Mellor Autoría Revelación 2015; e Vida y muerte de Pier Paolo Pasolini, Mellor Adaptación 2004.
PROMO | Fotos e vídeos de El nadador de aguas abiertas, dispoñibles aquí