O proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra pecha a súa programación oficial con récord de asistencia nas súas propostas artísticas, profesionais e formativas, cun 22% máis de participantes

Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural entre compañías de danza e artes do movemento, teatro e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, alcanzou os 8.330 participantes na súa quinta edición, tanto nas funcións e encontros coas compañías como nos programas profesionais e formativos, o que supón un 22% máis de asistentes que no 2022. Así, o resultado desta quinta edición converte a Camiño Escena Norte nun proxecto único dentro do panorama escénico estatal, con centenares de profesionais implicados nunha coidada programación que chega a públicos de áreas rurais e urbanas.

No caso galego, comunidade na que o proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a participación ascendeu a 1.800 persoas, tanto nas 11 funcións programadas  nas localidades de Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vimianzo e Viveiro (no caso de Portomarín a función cancelouse en contra da vontade de CEN e da compañía), coma nos encontros entre artistas e público. Foi o caso, por exemplo, de Telmo Irureta e Miren Arrieta (intérpretes de Sexpiertos, da compañía vasca Tanttaka Teatroa) no marco de Vieiros, a rede de colaboración con proxectos locais que se estreou, este ano, no caso galego, co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT; ou no taller co alumnado da Escola Supertior de Arte Dramática de Galicia realizado pola compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance, no marco da programación expandida ESADS en camiño. 

Ademais das actividades co público, Galicia acolleu a celebración dunha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO, celebrado en Lugo os días 19  e 20 de setembro, cita na que se xuntaron representantes de case 40 compañías das cinco comunidades. “O balance é moi positivo”, indica Diego Vazquez Meizoso, coordinador de Camiño Escena Norte. “O proxecto afianzouse. Esta foi a edición máis expansiva, con 130 actividades en case 60 localidades de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, en cinco semanas de programación”, sinala. 

Un dos éxitos de Camiño Escena Norte é a relación cos públicos. Desde a primeira edición, o programa apostou porque o artístico non quedase limitado ao espazo escénico, e que compañías e espectadores dialogasen e intercambiasen experiencias posfunción. “Este ano reforzamos este aspecto con máis encontros, máis coloquios e máis talleres, e a resposta do público foi moi positiva: encontros cheos e moi participativos; talleres sen prazas libres e un diálogo enriquecedor entre creadores e público. Estamos moi contentos porque vemos que a nosa aposta funciona: os profesionais agradécennolo e o público responde”, asevera Meizoso. 

CEN 2023 pecha a súa programación oficial, pero o seu labor continúa a través do web www.escenanorte.com. Neste espazo pódese descargar o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha ferramenta moi útil para profesionais, que complementa o labor realizado nos cinco territorios nas últimas semanas.

Sobre Camiño Escena Norte 

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra). Todas elas únense na supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto, que toma o roteiro histórico dos Camiños de Santiago como referencia para ofrecer unha intensa programación escénica.  

Camiño Escena Norte conta co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Agadic; Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba; Deputación Foral de Bizkaia; Deputación foral de Gipuzkoa e o Goberno de Navarra. O programa tamén conta co apoio do Goberno de España a través do Instituto Nacional das Artes Escénicas e a Música (INAEM) e do Ministerio de Cultura e Deporte; e a colaboración da Deputación provincial da Coruña, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo. 

Vegalsa-Eroski é patrocinador oficial de Camiño Escena Norte e o proxecto contou nesta quinta edición coa colaboración especial da marca lucense Cafés Candelas e da asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

2023.10.26-NdP-BALANCE-QUINTA-EDICION-CEN