A compañía galega de distribución alimentaria e a entidade Camino Escena Norte AIE ratificaron hoxe o acordo de colaboración

A sexta edición do proxecto de intercambio de artes escénicas celebrarase do 13 de setembro ao 27 de outubro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra  

Por cuarto ano consecutivo, a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski apoia o proxecto de intercambio de artes escénicas Camiño Escena Norte. Faino como patrocinador oficial desta sexta edición, afianzando así o seu compromiso por esta iniciativa que promove o intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.

Na sinatura do acordo estiveron presentes a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González; e por parte de Camiño Escena Norte o seu coordinador, Diego V. Meizoso. O acto contou tamén con parte do elenco da compañía Píscore-Culturactiva, unha das 3 compañías galegas que participará este ano o programa coa súa montaxe Molto Barroco.

“Desde Vegalsa-Eroski estamos moi contentos de renovar este acordo de colaboración, que nos permite consolidar o noso compromiso co ámbito das artes escénicas en Galicia e nas demais comunidades veciñas. Con esta firma, pretendemos contribuír á promoción da nosa cultura, que constitúe un dos atributos patrimoniais máis importantes e que nos representan como territorio e nos conectan coas sociedade”, destacou Gabriela González.

“Para Camiño Escena Norte é unha satisfacción que Vegalsa-Eroski forme parte do proxecto como o noso patrocinador oficial por cuarto ano consecutivo. A aposta da marca polo noso proxecto cultural e o seu apoio e compromiso foron fundamentais para o desenvolvemento e estabilidade do mesmo, nunha alianza entre o sector cultural e creativo e o mundo da empresa que nos parece fundamental e que posibilita que este ano vaiamos ter actividades en case 30 sedes de Galicia e o Principado de Asturias”, indicou Diego V. Meizoso.

Expansión de Constelacións

Camiño Escena Norte continúa co seu compromiso de promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. A edición de 2024 contará cunha programación especial que se celebrará do 13 de setembro ao 27 de outubro, na que participarán 15 compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo mostrando os seus espectáculos en máis de 60 localidades dos cinco territorios. 

A sexta edición de CEN mantén o número de compañías participantes (un total de 15) no ciclo de representacións, nomeado Constelacións. Galicia exportará talento aos demais territorios grazas á representación das compañías Ibuprofeno Teatro con Deadpan Karaoke; Píscore-Culturactiva con Molto Barroco e Colectivo Glovo con Tabú. Pola súa banda, Asturias intervirá neste intercambio cultural con La Westia Producciones e Ada Byron: A tecedora de números; Adrián Conde Espectáculos e Check out, e Teatro Plus, que representará Geometría del alma.

Cruzamentos, intercambio artístico

O programa Cruzamentos, deseñado para promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías, é unha das pedras angulares de camiño Escena Norte. Nesta sexta edición, esta rede de estancias acollerá dous proxectos, un deles da compañía galega Furia Sotelo, escollido entre os 18 presentados en 2024, e nos que estaban implicadas máis de 30 compañías das cinco Comunidades CEN. Na comisión de avaliación participaron profesionais de prestixio como a dramaturga e directora adxunta do Centro Dramático Nacional, Fefa Noia,  e a bailarina e responsable de desenvolvemento de proxectos de Dantzaz Centro de Creación Coreográfica Internacional, Bertha Bermúdez.

El vacío que llena, da galega Furia Sotelo en colaboración cos cántabros Babirusa Danza, desenvolverase entre o 14 e o 22 de outubro na Casa Vella (Amiadoso, Ourense), un espazo de creación artística, encontro, mediación e dinamización do contexto rural. 

Espectáculo Recomendado, marca de calidade

En 2024, CEN editou a segunda edición do Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha publicación que serve de promoción das trinta producións seleccionadas e apoio á súa distribución fóra do ámbito do proxecto. O obxectivo deste segundo catálogo é que sirva como outra ferramenta máis para a visibilización, difusión e distribución das artes escénicas profesionais galegas, asturianas, cántabras, vascas e navarras fóra das súas fronteiras. A programación do programa Constelacións de 2024 saíu desta selección.

Oficina CEN de Cooperación Escénica

Unha das novidades da edición de 2024 é a Oficina CEN de Cooperación Escénica. Esta nova proposta, que conta co apoio do Ministerio de Cultura, funcionará de maneira permanente como entidade independente de apoio ás compañías e proxectos, dando continuidade durante todo o ano aos obxectivos do proxecto, máis aló das datas da súa programación oficial.

Sobre Vegalsa-Eroski

Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 285 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, supermercados Eroski Center, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. 

Sobre Camiño Escena Norte

CEN naceu co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como referencia e fío condutor os camiños que transitan polo norte da Península Ibérica e que teñen, como destino final, Santiago de Compostela. Desde a súa primeira edición, celebrada en 2019, CEN levou o teatro, a danza, as artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados, en moitos casos, dos circuítos habituais de programación, favorecendo así o acceso a este tipo de propostas á veciñanza de diferentes municipios e localidades.

CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra). Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto.

2024.06.02-NP-GAL-PATROCINIO-CEN-DE-VEGALSA-2024