Presentación do libro ‘intraGUERRAS’, de Beatriz Dourado, na Casa da Cultura de Vilalba

O vindeiro venres, 18 de novembro, ás 19:30 h celebrarase no salón de actos da Casa de Cultura de Vilalba a Presentación-Recital do poemario intraGUERRAS, de Beatriz Dourado. O acto organizado por Culturalia GZ, coa colaboración do Concello de Vilalba, contará coa participación da citada autora, acompañada de Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ.

intraGUERRAS, publicada pola Editora Urutau neste 2022 e con prólogo da artista multidisciplinar Luz Darriba, foi a obra coa que a escritora Beatriz Dourado resultou gañadora no VII Premio Maria Mariño de Poesía.

De xeito simbólico, no transcurso do acto haberá o reparto de mazás combativas, nun proceso de interacción co público asistente.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O QUE FICA FÓRA

Autor: Manuel Rivas

Editorial: APIARIO

Ano de publicación: 2021

Creo que debo confesar, antes de escribir sobre O que fica fóra, a miña debilidade por Manuel Rivas. El é un dos primeiros autores que comecei a ler en lingua galega. Linlle e léolle narrativa, ensaio, artigos de prensa, e, sobre todo, Poesía –se é que esta última non se filtra tamén no resto de xéneros cultivados polo escritor-. Devezo sempre, sempre, por escoitalo recitar. Aínda hoxe manteño nítida a imaxe do poeta nun dos seráns do pasado xullo, inaugurando o ciclo Versos na Barraca en Lugo, protexido pola nosa muralla, vixiado desde o ceo polos guindastres, mantendo desafiante a flor de toxo na man.

Acáelle ben o branco a esta obra que pouso e aloumiño entre as miñas mans. Quen logra resistir ao branco? Todo está coidado ao detalle na edición de Apiario: a encadernación, a textura e calidade do papel, a distribución entre os poemas imprentados e os manuscritos e, mesmo, a exclusión do paxinado. Este libro, coma o mar, non quere pecharse nin se pecha. Este libro “anda ás ceibas”, moi dentro de quen o le.

O libro respira. O libro é un ser vivo. Déixase acariñar mais non atrapar. Por veces semella un ser mariño –“a náufraga que camiña no mar con pés de la”-, deixándonos algo de salitre na boca. Outras, muda as branquias por pulmóns, “abrindo galerías no manuscrito da terra”, na procura dalgún faro que nos devolva a vista, nesta cegueira perpetua dos nosos días. Porén, a metamorfose non quere ceder e a vida amosa a súa capacidade de redución, case até a extinción, para dicirnos en clave de haiku, que “pobre, pobre/ é non ter/ escuridade ningunha”. Velaí un vagalume.

Premio Follas Novas deste 2022 nas categorías de Poesía e Libro mellor editado, O que fica fóra é, sen dúbida, o único que fica en pé, despois de tantasguerras, crises e pandemias. Imprescindíbel lectura –osíxeno- para as que abrazamos moitas das formas do exilio.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Un elefante na sala de estar

Autor: Berta Dávila

Editorial: XERAIS

Ano de publicación: 2022

Repito autora. Desta vez cunha obra que forma parte do catálogo Fóra de xogo, de Xerais, e que acadou o XIII Premio Jules Verne. Con todo, coido que pode ser de interese, tamén, para o público adulto –se é que existe fronteira algunha entre estes dous territorios-.

A trama xira ao redor do suicidio. Déixase claro desde o inicio e evítase, en calquera momento, camuflar ou subordinar este tema a outros. Un punto elemental da obra é o rigor desde o que se narra este feito e se abordan cuestións relacionadas coa saúde mental. A autora, desde o meu punto de vista, sae ben parada deste reto.

Outro dos acertos sitúase na maneira en que se constrúe unha protagonista ausente. Imos sabendo dela a través da mirada poliédrica do resto de personaxes, que dan contan do universo de Rosa.

Un elefante na sala de estar non é tan só un libro que fale de temas que estamos a recuperar no espazo público. Non. É moito máis. É memoria, reparación e afecto, entre outras moitas cousas.

Gustoume, especialmente, o peche da obra coa parábola hindú, que a seguir vos deixo:

“Catro sabios cegos querían saber como era verdadeiramente un elefante e pedíronlle ao rei que lles deixase tocar un.

Un tocou a cola do elefante e dixo: un elefante é coma unha corda.

Outro tocou o bandullo e dixo: un elefante é coma un tambor.

Outro tocou a orella e dixo: un elefante é coma un abano.

O último tocou unha das patas e dixo: un elefante é coma o tronco dunha árbore.

Como non se poñían de acordo preguntáronlle ao rei quen deles os catro dicía a verdade e o rei contestou así: o que cada un de vós dixo é unha cousa certa, pero todos estades equivocados. Un elefante é a suma de todo iso e, se ademais de vós houbese aquí catro sabios máis, outras catro cousas máis sería”.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: El amante

Autor: Marguerite Duras

Editorial: Círculo de Lectores

Ano de publicación: 1987

Chego a Marguerite Duras tarde. Demasiado tarde, tal e como adoita sucederme con moitas das autoras que nos últimos anos vou descubrindo, grazas, case sempre, ao diálogo que establezo con outras lectoras. Digo isto sen deixar atraparme pola culpa, tan só coma evidencia do labor de busca que imos realizando para recuperarmos distintas voces femininas, máis ou menos consagradas.

Durante este verán asisto a un proxecto de biblioterapia con mulleres, que se desenvolve na Fundación Uxío Novoneyra. Na segunda sesión, que guía Lucía Miranda, falamos de “lembrar e reconstruírse”, transitando por diferentes textos, entre os que atopamos fragmentos desta obra.

Recoñezo unha forza atraínte na narrativa de Marguerite Duras. Pois parece que a protagonista desta novela autobiográfica, malia a súa xuventude, gozase dunha asombrosa determinación en cada un dos seus actos. E a pesar diso, non pode haber máis fraxilidade en toda ela, exposta a diferentes violencias, que unha identifica perfectamente a medida que avanza na lectura. “Nunca buenos días, buenas tardes, buen año. Nunca gracias. Nunca una palabra. Nunca la necesidad de pronunciar una palabra”.

Coido que El amante consegue atravesarnos, precisamente, por todo aquiloque non se conta de maneira explícita e que envolve netamente a secuencia dos encontros amorosos entre unha adolescente e un adulto adiñeirado. Así a todo, o tempo e o espazo, situados na Indochina de principios do século XX,xogan un papel decisivo para comprendermos o modus operandi dos personaxes, que esixe, pola nosa parte, unha mirada afastada do presente.

Aventuraríame a dicir, abraiada aínda polo pouso desta experiencia lectora,que detrás do desexo latente nestas páxinas existe unha ferida aberta que sangra, que non deixa de sangrar. Dela non podemos nin poderemos fuxir, quizais, porque como sinala a poeta Chantal Maillard, “la herida nos precede”.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Lo que hay

Autor: Sara Torres

Editorial: Penguin Random House

Ano de publicación: 2022

Comezo a ler esta novela tras as recomendacións dalgunhas amizades. Non coñeces a Sara Torres? Non –digo con certa vergoña infantil-. Leopausadamente mentres deixo atrás a miña casa para pasar uns días de descanso polo sur. Resulta curioso a sincronía que se produce entre a propia viaxe e a da narrativa, que tamén está marcada por idas e voltas a diferentes lugares. 

É fácil mergullarse en Lo que hay. Existe ese algo que nos permite conectar, desde un principio, cunha historia que recende, por veces, a poesía –así a todo, a autora posúe unha ampla traxectoria como poeta-.

Gústanme os libros que rompen ou disolven realidades cotiás con certa delicadeza, coma unha brisa imprevista que empurra unha copa e faina desaparecer en po cristalino. Este lógrao sen caer no xuízo gratuíto. Simple ou ousadamente cuestiona os moldes desde os que se asentan as nosas relacións, as condicións que establecemos nelas, abrindo, asemade, unha fenda que merece ser transitada. 

Eu diría que é un libro do corpo, que chega profundamente porque o sentimos na propia pel. Sentimos a dor da perda coma unha lousa nas costas, mais tamén o desexo inminente en forma de remuíño sobre o ventre espido.Pasamos, así, de estadios de baleiro a plenitude coa naturalidade que esixe un corpo afastado de convencionalismos. 

Lo que hay é, sen dúbida, un convite á vida, que non agarda, que está a suceder mentres pretendemos aferrarnos a un absurdo control de amores e emocións. Lede a Sara Torres, que nos di “la herida me avala, lo que doy es total”.