OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Celso Emilio Ferreiro. Escolma poética

Edición literaria: Ramón Nicolás

Ilustracións: Baldo Ramos

Editorial: Faktoría K de Libros

Ano de publicación: 2008

Hai xa máis dunha década que recibín este libro coma agasallo das familias da miña primeira promoción de alumnxs. Coido que deberon pensar, despois de tratar comigo durante tres anos, que coa poesía acertaban de pleno. E vaia que si acertaron. 

Á marxe de formar parte dun recordo persoal moi fermoso, este é un dos libros ao que volvo varias veces. E é que Celso Emilio é un deses autores que segue vixente malia o inevitábel paso do tempo. O berro contra a criminalización da inmigración, a precariedade laboral ou o desmantelamento dos servizos públicos, que padecemos na actualidade, está vivo na voz deste célebre celanovés. Tamén a defensa pola lingua, testemuño que recollemos, conforma parte do seu legado poético. E mesmo os versos que chaman por Moraima, polo amor, seguen arrecendendo á frescura coa que nos recoñecemos, irremediabelmente, no campo dos afectos.

O marabilloso desta edición é a elegancia coa que se dispón a excelente escolla de trece poemas, coma trece lúas, coas ilustracións de Baldo Ramos nun ceo de papel, que chega a despregarse para ampliar os horizontes de quen aquí se asoma. Asemade, a combinación das cores, co predominio do negro e o vermello, amósanos o latexo incesante dun universo que non se apaga, que segue prendendo a vindeira alborada. Contra a inxustiza e a indiferenza, velaquí o universo de Celso Emilio Ferreiro.

Chove, chove na casa do probe 

e no meu corazón tamén chove.