Andanzas do Suso de Lameliña. INAUGURACIÓN

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

INAUGURACIÓN

Chegou o día e aquí estamos cos demais compañeiros da prensa para dar fe de tan relevante acontecemento. Anos agardando e por fin vaise converter nunha realidade o parque infantil tan desexado pola veciñanza. Realmente aínda non está rematado de todo: a sinalización, un par de bambáns e mesmo algunha zona terán que agardar algún tempo máis. Pero a inauguración, en boca do alcalde, xa non podía demorarse:  “Vai para máis de dez anos que os meus predecesores iniciaron esta importante obra e hoxe tócame a min proceder á súa apertura dun xeito oficial. Se ben, os cativos e as cativas terán que esperar para facer uso do mesmo, agardo que por pouco tempo, a que as obras finalicen. Dentro dun mes serán as eleccións e este vai ser un tema prioritario na próxima lexislatura se veciñas e veciños teñen a ben reelixirme.”

Nesta data tan importante para o concello, acompañarán ao alcalde amais dos concelleiros, a Presidenta da Deputación; a música correrá a cargo da  banda de gaitas da citada institución. Logo terá lugar unha gran churrascada de balde para todo aquel que o desexe. Falta case unha hora e isto xa se está convertendo nun auténtico fervedoiro de xente. Iso si, a maioría dos presentes, da terceira idade.

—Señora, señora! Aquí unhas preguntiñas para a TV12. Que me ten que dicir do acto que dentro dunha hora vai ter lugar?

—E que quere que lle diga? Unha tomadura de pelo! A boas horas chega o parque e por riba sen rematar. De todas formas dá igual, poden esperar outros dez anos. Para os nenos que quedan, o neto de Filomena e a sobriña da criada do cura. E quererá o señor alcalde que nos bambeemos nós, agora que imos vellas? Unha vergoña, xa digo, unha auténti…

—Cala, mala pécora. Desagradecida!, que es unha desagradecida! E a que vés logo aquí?  A papar, que é o único que che interesa —interrómpea unha asistente, toda encolerizada—. Non lle faga caso, señor, que esta élle da oposición e non saben máis ca criticar, pero cando hai algo que levar á boca, xa ve, a primeira, coma todas as da súa casta. Estámoslle moi agradecidas ao señor alcalde por esta importante obra. Que non hai nenas? Xa virán, non te preocupes, pendanga, que es unha pendanga.

—Oes, a min ti non me insultas, filla do demo. Vouche dar unha que non vas esquecer na vi…

—Que pasa aquí? —aparece poñéndose polo medio o señor crego—. —Haxa paz, irmás. 

—Mira que che dou, eh! Esta, señor cura, que é unha desagra…

Señoras e señores, devolvemos a conexión aos estudos centrais, a ver se se vai distendendo un pouco o ambiente. Volveremos máis tarde cando o acto dea comezo. 

—Pendanga, que es unha pen…

Andanzas do Suso de Lameliña. MORTE DOCE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

MORTE DOCE

De repente atopouse só en plena rúa do centro da cidade. Coma por ensalmo desapareceron todos os viandantes; non comprendía nada do que estaba a suceder. Continuou o seu camiño, aínda non eran as oito da tarde, e a idea era ir tomar unhas cervexas ao bar do seu parente Xusto. Cambiou de rúa, tamén estaba baleira e todos os locais pechados a cal e canto, por suposto, o do seu parente. Un calafrío percorreu o seu espiñazo, algo grave estaba a ocorrer e semellaba que el era o único descoñecedor.

Decidiu regresar á casa. O silencio era sepulcral, a escuridade total. Estaban a principios de xaneiro e o alumeado público apagado. Nin nas vivendas se vía luz ningunha; talmente parecía que ninguén quedara na cidade. Cando estaba a uns douscentos metros da súa vivenda, pareceulle ver unha sombra nunha xanela que cun aceno lle conminaba a apurar o paso, algo que fixo, poñéndose a correr coma se tras del viñese o demo.

Cando entrou no portal da casa, tampouco había luz comunitaria e, por suposto, non funcionaba o ascensor. Así que tivo que subir ata ao sétimo piso, onde vivía, con serias dificultades, tentando as paredes na escuridade. Xa no piso, o primeiro que fixo foi darlle ao interruptor. Ao ver acenderse a lámpada do corredor, respirou. Dirixiuse, apresurado, ao salón e puxo o televisor. A programación en todos as canles era a habitual; ningunha nova fóra do normal. Cada vez comprendía menos o que estaba a pasar ou a pasarlle —chegou a pensar que era un problema seu, que estaba perdendo a razón—. Puxo en marcha a computadora, por ver se lle aclaraba algo, e ao igual que na televisión, non aparecía ningunha noticia alarmante.

Asomouse á xanela e a rúa seguía completamente deserta, así que decidiu ir ao piso da súa veciña, Amalia, que tamén vivía soa. Premeu o timbre, dúas ou tres veces e non houbo resposta. Á cuarta, cando xa ía meterse no piso, escoitou a voz da veciña: “ Que fas aí?, non sabes o que está a pasar?, métete dentro!”. Por moito que porfiou para que lle contase o que estaba sucedendo, non tivo contestación ningunha. O único que escoitou foi a voz do veciño de enfronte, que moi anoxado, lle ordenaba meterse dentro.

Non lle quedou máis remedio ca entrar no piso e agardar. Algo tería que ocorrer. Espiuse, puxo o pixama e deitouse; perdera totalmente as gañas de cear, o único que desexaba era que rematase dunha vez aquel pesadelo. Puxo a radio, que tiña enriba da mesiña, a súa compañeira de todas as noites. A programación era a habitual en todas as emisoras. Para desconectar un pouco, sintonizou Radio 3.  Juan Manuel Sánchez, acababa de iniciar o seu programa “El vuelo del Fénix”; hoxe, “Leyendas del rock 2”.

Non levaría nin quince minutos e un sono profundo comezou apoderarse del. Foi nese intre cando a viu a carón do leito: Manuela, a Sabia de Refoxo. Manuela levaba morta uns catro anos e na aldea dicíase que tiña tratos co demo, de aí os seus poderes de curandeira. O caso é, que aínda que as xentes do lugar falaban mal da boa muller por non cumprir coma todo o mundo coas obrigas cristiáns, cando tiñan algunha doenza acudían, sen dubidalo, a ela, antes có médico de cabeceira.

Pero chegou o día en que Manuela deixou este mundo, e o crego non permitiu que fose soterrada en lugar sagrado. Tivo que ser Eladio —as malas linguas comentaban que se vían ás agachadas— quen se fixera cargo do corpo e o enterrara ao carón da casoupa da coitada curandeira. Despois agardou medio ano a que lle chegase á hora da xubilación, e marchou para un piso da cidade que conseguira mercar grazas aos aforros de toda unha vida.

Agora, Eladio, recibía a visita de Manuela. Unha Manuela que se lle presentou tal é coma era en vida: A mesma roupa a cores, que ela mesma confeccionaba; o gorro de la, colocado medio atravesado; o sorriso pícaro, que tan ben coñecía, asomando por entre os beizos… E unha voz , un pouco máis rouca do que era a súa en vida, coma vida das entrañas da terra que lle dicía: “Boa noite, Eladio”.

Antes de seguir adiante co relato, cómpre contar o que foi da protagonista tras a súa morte, ocorrida despois de agonizar durante dous días, esquecida por toda a veciñanza, se non contamos a Eladio. Cando a alma se separou do corpo, esta (quen llo dixera ao cura e demais xente da aldea) foi recibida no Paraíso con todos os honores, chegando a formar parte dun selecto clan de espíritos aos que o Ser Supremo acode cando precisa algún consello ou algún tipo de axuda. E iso foi o que fixo esta noite, chamou a sabia de Refoxo e díxolle:

—Necesito que me fagas un favor. Tes que baixar á Terra e axudar a Eladio a morrer, coma el te axudou a ti. O pobre leva dous días agoniando, pero non hai xeito que a alma se desprenda por completo do seu corpo, anda vagando pola cidade sumida na desesperación. Para elo, vou facer que, durante unhas horas, as que precises para levar a cabo a túa misión, que a túa alma volva a formar parte do teu corpo. Non quero que te presentes ante Manuel coma unha pantasma (o habitual por outra parte), quero que te vexa tal e coma fuches en vida.

E niso anda agora. Superada a sorpresa por parte do doente, Manuela, a Sabia de Refoxo, vén de acurruncharse baixo as sabas a carón del e comeza a aloumiñalo. Sabe ben que poucas horas lle restan ao seu Eladio neste mundo, pero está disposta, que Deus a perdoe, a volver facer uso das súas facultades de curandeira para que a morte lle sexa o máis avelaíña e pracenteira posible.

Andanzas do Suso de Lameliña. A MULLER QUE UN DÍA AMEI

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A MULLER QUE UN DÍA AMEI

Non quitaba ollo daquela moza, de rostro  familiar, que, sentada nunha cadeira e en primeira fila, atentamente seguía a súa intervención. Era a primeira presentación da súa última novela “ A muller que un día amei”, en parte autobiográfica e non exenta de certa polémica. Por veces chegou a perder o fío do discurso, ao verse intimidado pola mirada daqueles ollos azuis que lle facían lembrar tempos pasados. Incluso, nun momento dado, tivo que interromper o mesmo e pedir desculpas, alegando estar un pouco nervioso e moi emocionado.

—Levo media vida falando en público e presentando libros, pero non me dou acostumado. Sempre teño as mesmas sensacións e os mesmos medos cá primeira vez. Tedes que me desculpar —dixo mentres aproveitaba para tomar un grolo de auga.

Desexaba rematar xa e, se por el fora, saír daquel agoniante salón de actos  e esquecerse de todo. Apurou o discurso co fin de rematar canto antes, para, deseguido, balbucinte e un tanto alterado,  dar paso á quenda de preguntas.

Ela foi a primeira en tomar a palabra, cunha pregunta un tanto críptica, que sorprendeu aos presentes pero que a el lle confirmou as sospeitas que desde o inicio do acto buligaban polo seu maxín.

—Gustaríame saber, na novela non queda moi claro, que ocorreu con aquela nena, filla da protagonista?

—Perdón, señorita, creo que se confunde, Ester nunca chegou a ter ningunha filla —respondeulle timidamente.

—Tivo, tivo, e vostede ben o sabe. Non me veña con andrómenas e conteste se fai o favor á pregunta que lle veño de facer —retrucou a moza, elevando o ton de voz.

Durante uns segundos, un lacerante silencio inzou de desacougo o abarrotado salón, ata que alguén ergueu a man para facer unha nova pregunta e deste xeito salvar a situación. Outras tres ou catro puxeron fin ao acto e deron paso ás dedicatorias e sinaturas de libros.

Ela foi a primeira en levantarse e, co libro na man dirixíndose á mesa, entregoullo e díxolle:

   —Para Isabel Casas, se fai o favor.

Ao escoitar o apelido, os seus augurios, por se xa o asunto non estaba claro, acabaron por confirmarse; nese intre foi consciente de  que o asunto ía rematar mal. Diante del tiña a súa filla, da que se desatendera desde o primeiro momento que soubo do embarazo de Catalina (Ester na novela). Tentou amosarse todo o sereno que puido e despois de facer unha dedicatoria sinxela, asinou e devolveulle o libro, dándolle as grazas.

Isabel, leu o escrito polo seu pai e agarrando o libro, comezou a rachalo en pequenos anacos, ao tempo cos espallaba pola sala, mentres moi anoxada, e ante o abraio dos presentes, lle reprochaba:

—Ves o que fago coa túa merda de libro, isto. Unha sarta de mentiras é todo isto que contas, malnacido! Cabrón, que es un cabrón! Aproveitarte da miña nai, a quen abandonaches no momento máis delicado para escribir unha novela, non cho perdoo. E que o saiba todo o mundo. Este desgraciado é meu pai, que non quixo saber nada da miña nai cando a deixou preñada, e menos de min.

Dado que o asunto empezaba a tomar carices dramáticos un garda de seguridade tivo que intervir para calmala e convidala a abandonar o salón. Coma non se atiña a razóns, foi preciso obrigala pola forza a saír da Casa da Cultura, onde tiña lugar a presentación da controvertida novela.

  —Cabrón! Fillo de puta! Malnacido! —berraba, mentres abandonaba o local.

Ao día seguinte foi noticia en toda a prensa. O escándalo traspasou fronteiras e, coma adoita suceder nestes casos, a novela tivo unhas ventas prodixiosas. Mais, foi tal a humillación sufrida polo autor, tanto no acto de presentación coma en sucesivos programas televisivos con intervencións de filla e nai, que desde entón, sumido nunha profunda depresión, non foi quen de volver escribir unha liña máis. 

Quen ía para unha das figuras máis salientables deste século no mundo da literatura, acabou no ostracismo total.

Andanzas do Suso de Lameliña. MUDANZA DE ALMAS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

MUDANZA DE ALMAS

Todos os anos, pasados xa uns días do San Froilán, por iso de fuxir da barafunda,  Dositeo e mais eu citámonos nun restaurante de A Milagrosa para comer o polbo e de paso relembrar tempos pasados.

Dositeo, un home xa rondando os oitenta, que na súa época foi tratante de gando, despois de ser albeite ( entenderase máis adiante esta mudanza), é un home moi falangueiro e co que presta estar de parola. Sempre ha saír da súa boca algunha anécdota ou historia, a maioría das veces algo novo; non é dos que ten unha ducia de contos e os repite unha e outra vez.

Pero Dositeo ata os trinta anos foi un home totalmente diferente, nada tiña que ver co que é hoxe. Ía tempo que non falabamos do seu pasado, pero o mércores desta semana (poida que pola proximidade de Todos os Santos), mentres estabamos meténdolle o dente a un exquisito polbo, veu a colación a súa etapa de mozo.

Dositeo, coma xa dixen, antes de ser tratante foi menciñeiro. Xa de pequeno, era fillo de labregos, amosou uns dotes especiais cos animais. Conta que cando tiña oito anos enfermoulle un gatiño a quen lle tiña moito agarimo. Ninguén daba nada por el, ata que colléndoo no colo e despois de facerlle uns masaxes, o gato deu un chimpo e empezou a rebrincar pola aira adiante. Logo virían outras curacións, e dos animais pasaría ás persoas, ata ser o curandeiro máis famoso da bisbarra.

Patricio de Ermida, un mozo da súa idade, tratante de gando, e mais el, eran inseparables. Axudábanse nos traballos do día a día e por suposto cando tocaba xolda, alí estaban os dous. Mesmo ía para dous anos que casaran na mesma data e con dúas irmás, veciñas da aldea do lado, polo que, á parte de amigos, eran cuñados.

Un serán, Patricio, ao chegar da feira de Meira, comezou atoparse mal. Chamaron o médico e cando este chegou, atopouse con un home tumbado na cama que apenas tiña pulso e totalmente inconsciente. Despois de auscultalo, díxolles que non había nada que facerlle, que estaba morrendo, por unha doenza cardíaca e que o mellor que podían facer era chamar o crego. Nisto que se lembraron do cuñado e aló foron con el, que chegou ao mesmo tempo ca Don Eduardo, o párroco. Déixeme un momentiño, díxolle Dositeo, a ver se podo arranxar eu a doenza. Tempo terá vostede para despedilo deste mundo.

Dositeo entrou todo apresurado e ao cabo de media hora saíu abrazado ao seu amigo, e case berrando da ledicia que traía, amosoulles a Patricio, afirmando que estaba coma novo, coma se fose outro home. E nunca mellor dito, Patricio era outro; tamén, desde ese momento, Dositeo era outro.

Desde as primeiras palabras que dixo  Dositeo, os presentes déronse conta de que pasaba algo raro, non parecía o mesmo. Cousa que se confirmou  cando fixo o mesmo Patricio, que xa totalmente restablecido, empezou a falar coma se fose o  seu cuñado e amigo. Resulta que para salvalo, tiveran que intercambiar o espírito.

—Imos ver, Dositeo. Pero que foi o que realmente pasou aquela noite? —pregunteille cando xa estabamos na sobremesa.

—O que sempre dixen. Alguén lle botou o mal de ollo na feira de Meira e a súa alma xa non servía para estar no seu corpo. Ou se ía ao máis alá ou buscaba outro acubillo nestes lares.

E deste xeito foi coma Patricio pasou ser o albeite máis cotizado da zona, ata que hai cousa de dez anos, desta si, deulle un infarto e marchou para o outro mundo. Dositeo, desde aquela empezou ir de feira en feira, ata que se xubilou, tratando, principalmente, con gado vacún. 

—E non volviches a sandar ningunha vaca máis? —inquirinlle.

—Cama cho conto, meu amigo, nin se me pasou pola cabeza tentalo. Sería de loucos. Eu coma xa sabes o que me ía era andar de feira en feira —respondeu cun pícaro sorriso.

Andanzas do Suso de Lameliña. SAN FROILÁN

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

SAN FROILÁN

Estamos no San Froilán, a festa máis importante do outono galego. Desde que teño uso de razón, estas datas de principios de outubro pasaron a ser especiais para min, coma para a maioría dos lucenses.

Primeiro, cando de neno me traían ao Campo da Feira, onde estaban as barracas instaladas; os cabaliños, os carriños eléctricos, os espellos, o pozo da morte, as tómbolas… Cando se achegaban as datas, só pensaba no día en que me levasen á cidade, para poder montar nun daqueles cabaliños ou ver as motos gabeando polo pozo arriba.

Logo, xa de estudante no Instituto masculino, O San Froilán, supuña o remate do verán e o comezo, aínda sendo outono, do inverno e dun novo curso escolar. Xa non existía o Campo da Feira e as barracas cambiaron de sitio: A carón do instituto, no parque e polas costas, coma na actualidade. Daquela, os cabaliños sería trocados polos carriños eléctricos e as verbenas e o ir de viños e comer o polbo cos amigos empezaron a interesarme.

Coma mostra do que veño de dicir, deixo aquí estes dous poemas;

SAN FROILÁN

outubro

tempo de estrea de libros

nunha paisaxe festeira

coches de choque

baixo a choiva

orquestras na Praza de España

cancións de Roberto Carlos

para bailar amarrado

espellos pozo da morte

tiro e viño de Aragón

outubro

adolescencia soportada

baixo o sabre do pecado

e a fusta do represor

outubro

San Froilán 

na espiral dos meus recordos 

LEMBRANZAS DE SAN FROILÁN 

Outubro, luces e cores,

o verán aínda na pel.

San Froilán, vellas lembranzas,

festexos grandes de outono .

Pelúdez e Filomena,

bulideiros, falangueiros.

Con eles retranca e contos

para contar no Progreso.

Nenez montada ao carrelo

de algareiros cabaliños.

Puberdade que viaxa

en eléctricos carriños.

Facianas desfiguradas

por insolentes espellos.

Tómbolas de boa sorte,

emoción… pozo da morte.

Motos en torno á Muralla,

carreiras pra non perderse.

Polbo e viño nas casetas

do vello campo da feira.

Na Praza Maior, orquestras,

fogos de artificio á noite.

Tres días que non se esquecen,

cinco, domingo e doce:

O cinco, día do santo

ninguén a esta cita falta. 

O Domingo, o das Mozas,

rúas de xente ateigadas. 

E o doce, polo Pilar,

que soidosos ficabamos! 

Outubro, fin do verán,

novo curso, amigos vellos