Ferrol acolle ‘Un momento precioso’, o novo espectáculo de Elefante Elegante que reflexiona sobre a emerxencia climática

A estrea da obra terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol este venres, 12 de abril, ás 20.30 horas, coas entradas á venda a un prezo de 5 € na plataforma en liña www.ferrol.es

A través do teatro, a danza e a acrobacia, Un momento preciosoimpélenos a reaccionar: quedamos observando como se consome o planeta ou optamos por facer o preciso para alcanzarmos un futuro diferente?

Un momento precioso é unha coprodución de Elefante Elegante e o Concello de Culleredo -onde Elefante Elegante é compañía residente- e conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e o apoio do Concello de Ferrol

O escenario do Teatro Jofre transformarase este venres, 12 de abril, ás 20.30 horas, nunha sorte de xardín idílico para acoller Un momento precioso, a última creación da compañía de teatro físico Elefante Elegante. Desta volta, a troupe liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro vai presentar un espectáculo para público adulto que ten como fío condutor a emerxencia climática. As entradas para poder asistir ao espectáculo están á venda a un prezo de 5 € na web http://www.ferrol.es/jofre/Paginas/SelEvento.aspx.

Esta mañá, xoves 11, os medios accederon en primicia a un avance de Un momento precioso nunha presentación que contou coa presenza de Blanca G. Agulló, responsable da produción executiva do Teatro Jofre; Penélope López, concelleira de Cultura de Culleredo; Cristina Pardo, primeira tenente de alcalde e concelleira Participación Cidadá e Deportes de Culleredo; María Torres, Gonçalo Guerreiro e boa parte do equipo artístico do espectáculo.

Segundo María Torres, a través desta obra “o público vai ter a oportunidade de reflexionar sobre a relación do ser humano co planeta” pero sen renunciar “á ironía, o humor e a poesía e sempre co propósito de emocionar, concienciar e facer rir”. Pola súa banda, Gonçalo Guerreiro salienta que alén da reflexión que desexa provocar no espectador, o seu labor persigue crear no escenario “un momento de gozo e puro pracer”. Para conseguilo conta cun equipo dunha ducia de persoas que levan traballando arreo para facer realidade o proxecto.

Así, Guerreiro e Torres asinan ambos os dous a creación de Un momento precioso. Gonçalo Guerreiro é, tamén, o responsable da dirección e a escenografía da peza, mentres que o elenco está integrado por Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Rodríguez, Sofía Espiñeira, Eloi García e a mesma María Torres. Pola súa banda, a musica está composta por Manuel Fonte, a iluminación é de Nacho Martín e Carolina Díguele é a artífice do vestiario.

Un momento precioso é un espectáculo de teatro de movemento que transita entre o teatro, a danza e a acrobacia. A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revélanse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral.

UNHA DECISIÓN URXENTE

Un momento precioso evoca o imaxinario simbólico do xardín asociado ao ideal da Terra como unha sorte de Arcadia feliz. O xardín simboliza a prosperidade, a paz e a liberdade, pero “un momento precioso” transita entre o soño e o pesadelo, entre o paraíso e o inferno, entre a luz e a sombra, entre a construción arquitectónica intelixente e a catástrofe. O mundo está a arder, da Amazonia a California, de Australia ao Ártico Siberiano. Cómpre escoller: quedamos observando como se consome no lume ou optamos por facer o preciso para alcanzarmos un futuro diferente?

A decisión é, asemade, simple e complexa, pero é, sobre todo, urxente. Esta pode ser a hora final da nosa civilización, pero o noso momento é tamén precioso. É posible resolver a emerxencia climática, mais cómpre actuar axiña. Un momento precioso rescata a idea de xardín como lugar natural estratéxico no deseño das cidades sostibles e, tamén, como un espazo social ideal onde coexisten seres humanos de diferentes idades, xéneros e clases sociais. Pero, como, cando e onde nos sentiremos verdadeiramente libres, en seguridade e en igualdade de dereitos?

Un momento precioso é unha coprodución de Elefante Elegante e o Concello de Culleredo -onde Elefante Elegante é compañía residente- e conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e o apoio do Concello de Ferrol. 

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar en temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, coa música e coas artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.

O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén de seu todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no ano 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica en torno ao xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares.

Este ano son candidatos aos Premios Max á mellor dirección de escena e foron gañadores dos Premios María Casares 2024 á mellor dirección de movemento pola obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.

20240411-NP-Presentacion-Un-momento-precioso-Elefante-Elegante

Colectivo Glovo de Lugo abre a convocatoria de “ATOPÉMONOS BAILANDO” 2024

3ª CONVOCATORIA DE RESIDENCIAS ARTÍSTICAS E DE INVESTIGACIÓN “ATOPÉMONOS BAILANDO” PARA PROFESIONAIS DE GALICIA, RESTO DE ESPAÑA E PORTUGAL

Colectivo Glovo en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Lingua do Concello de Lugo, e o apoio da Agadic – Xunta de Galicia presenta as bases da terceira convocatoria de residencias artísticas e de investigación “ATOPÉMONOS BAILANDO” para profesionais de danza e artes do movemento. 

Obxecto da convocatoria

Chámase a profesionais de danza e artes do movemento con sede en España e/o Portugal a presentar os seus proxectos para a  realización de 8 residencias artísticas e/o de investigación (exclúense residencias técnicas) para ser realizadas entre os meses de abril a novembro de 2024 (cinco delas en Lugo, Galicia, e tres en réxime de intercambio con estruturas de Portugal e Costa Rica).

O programa de residencias artísticas e de investigación “ATOPÉMONOS  BAILANDO” 2024 posibilita tamén o intercambio de tres das residencias seleccionadas a través da presente convocatoria con outros tres programas de residencias internacionais.

Estes intercambios son froito das colaboracións entre as Residencias AB de Lugo con entidades de Portugal e Costa Rica.

Período de solicitude

Do 23 de febreiro ao 10 de marzo de 2024 (ata as 23.59h CET)

Período de realización das residencias

Do 1 de abril ao 30 de novembro de 2024

Duración das residencias

Residencias en Lugo: entre 5 e 10 días (abril – novembro 2024)

Residencia en intercambio con Costa Rica – Taller Nacional de Danza: 15 días (outubro – novembro 2024)

Residencia en intercambio con Portugal – Teatro Experimental Flaviense – Cinema-Teatro Bento Martins – Chaves: 7 días (abril – novembro 2024)

Residencia en intercambio con Portugal – 32.ª Quinzena de Dança de Almada: 7 días (27 setembro – 5 outubro 2024)

Tipoloxía das residencias

Residencias de investigación ou creación de profesionais individuais ou equipos que fundamenten o seu traballo artístico ao redor do movemento e o corpo.

 

Espazos destinados ás residencias

-Museo MIHL de Lugo

-Teatro Experimental Flaviense – Cinema-Teatro Bento Martins – Chaves – Portugal

-32.ª Quinzena de Dança de Almada – International Dance Festival – Almada – Portugal

-Taller Nacional de Danza de Costa Rica 

Compromisos xerais do artista

-Realizar a residencia no período acordado por ambas as partes

-Asina do contrato antes do inicio da residencia

-Realizar unha actividade de mediación: sesión aberta da residencia para a comunidade local e/o comunidade artística do territorio ou realizar un obradoiro (a definir pola solicitante)

-Realizar unha memoria descritiva da residencia (máximo 5 páxinas) e entrega nun prazo máximo de 15 días desde a finalización da residencia

-Autorizar o rexistro en vídeo e foto da residencia

-Incorporar os logotipos de ATOPÉMONOS BAILANDO na documentación que xere o proxecto, así como compartir e etiquetar en redes sociais aos mesmos. As residencias en intercambio engadirán ademais os logotipos das estruturas que os acollen no país anfitrión

-Respectar as instalacións e a contorna

Compromisos dos artista (selección Costa Rica)

-Para concorrer á selección do intercambio coa entidade de Costa Rica é imprescindible ter dispoñible un máximo de 2 semanas consecutivas entre os meses de outubro e novembro de 2024, ademais de cumprir coas bases xerais

Compromisos do artista (selección Portugal – 32.ª Quinzena de Dança de Almada)

-Para concorrer á selección do intercambio coa entidade de Portugal – 32.ª Quinzena de Dança de Almada é imprescindible ter dispoñible do 27 de setembro ao 5 de outubro de 2024, ademais de cumprir coas bases xerais

Para o intercambio con Costa Rica – Taller Nacional de Danza Costa Rica 

-Proporcionaranse e xestionarán os billetes de avión a Costa Rica, ademais dos seus traslados, aloxamentos e manutención, durante toda a residencia (2 semanas)

Para os intercambios con Portugal – Teatro Experimental Flaviense – Cinema-Teatro Bento Martins e 32.ª Quinzena de Dança de Almada – International Dance Festival

-Proporcionaranse e xestionarán os traslados a Portugal, ademais dos seus aloxamentos e manutención, durante toda a residencia, así como diferentes encontros con profesionais e programadores do sector

Achega da entidade a través da convocatoria

-Rexistro audiovisual da residencia

-Remuneración: Entre 700€ e 2000€ (IVE incluído) por residencia. Realizarase o pago nun prazo máximo de 30 días contando desde a entrega da memoria e a factura correspondente ao final do período de residencia.

Todos os gastos das residencias correrán a cargo do solicitante, exceptuando as condicións específicas dos intercambios.

 

Documentación a achegar

1. Dossier descritivo dos obxectivos da residencia, metodoloxía, contidos e links a traballos   anteriores (máximo 5 páxinas)

2. Duración da residencia e estrutura do traballo a desenvolver e proposta de actividade de mediación  (contidos, público destinatario e duración, máximo 2 páxinas)

3. Currículo do equipo artístico do proxecto (máximo 1 páxina por artista)

4. Datos completos da residencia fiscal do solicitante, relación de DNI dxs participantes  na residencia e rol no proxecto

5. Deberá especificar claramente se está intersad@ no intercambio con Costa Rica e con Portugal ou se soamente participa para a súa residencia en Lugo

Toda a documentación achegarase a través do seguinte formulario https://forms.gle/viVcFf2Zo5j4t2st7

Poderá ser enviado en galego, castelán, portugués ou inglés.

Valoración e resolución da convocatoria

Nomearase unha comisión de valoración de proxectos formada por profesionais do sector. Se reserva aproximadamente un 50% das residencias para profesionais de Galicia.

Publicarase a resolución a finais de marzo de 2024 na páxina web de www.atopemonosbailando.com e nas súas redes sociais.

Achega da entidade a través da convocatoria

-Rexistro audiovisual da residencia

-Remuneración: Entre 700€ e 2.000€ (IVE incluído) por residencia. Realizarase o pago nun prazo máximo de 30 días contando desde a entrega da memoria e a factura correspondente ao final do período de residencia.

Todos os gastos das residencias correrán a cargo do 1solicitante, exceptuando as condicións específicas dos intercambios.

 

Documentación a achegar

1. Dossier descritivo dos obxectivos da residencia, metodoloxía, contidos e links a traballos   anteriores (máximo 5 páxinas)

2. Duración da residencia e estrutura do traballo a desenvolver e proposta de actividade de mediación  (contidos, público destinatario e duración, máximo 2 páxinas)

3. Currículo do equipo artístico do proxecto (máximo 1 páxina por artista)

4. Datos completos da residencia fiscal do solicitante, relación de DNI dxs participantes  na residencia e rol no proxecto

5. Deberá especificar claramente se está intersad@ no intercambio con Costa Rica e con Portugal ou se soamente participa para a súa residencia en Lugo

Toda a documentación achegarase a través do seguinte formulario https://forms.gle/viVcFf2Zo5j4t2st7

Poderá ser enviado en galego, castelán, portugués ou inglés.

Valoración e resolución da convocatoria

Nomearase unha comisión de valoración de proxectos formada por profesionais do sector. Se reserva aproximadamente un 50% das residencias para profesionais de Galicia.

Publicarase a resolución a finais de marzo de 2024 na páxina web de www.atopemonosbailando.com e nas súas redes sociais.

CONVOCATORIA-AB-2024-2

O Salón Teatro de Santiago acolle a estrea absoluta de ‘Run Baby Run’ este venres 6 de outubro

A obra, con texto de Fátima Delgado e dirección de Jana Pacheco, representarase os días 6 e 7 ás 20 horas, e o 8 de outubro, ás 18 horas

O elenco desta peza que reflexiona sobre a discriminación de xénero dentro do deporte está composto por Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez

Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia

As entradas para as funcións no Salón Teatro pódense adquirir na web de Ataquilla

O equipo de Run Baby Run presentou esta mañá un petisco da obra que terá a súa estrea absoluta este venres, 6 de outubro no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela e que estará en escena ata o domingo 8. O acto contou coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, do director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, da autora do texto, Fátima Delgado, e da directora da obra, Jana Pacheco, que estiveron acompañados polo equipo artístico do espectáculo.

Nesta peza Fátima Delgado plasma unha das súas teimas, “o persoal é político”, e elabora unha reflexión sobre a discriminación de xénero dentro do deporte feminino que viu a luz logo das súas investigacións de varios casos de mulleres deportistas profesionais. A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser.

O papel da atleta está interpretado por Alba Loureiro e o da adestradora, por Camila Bossa. O elenco complétase con Celina Fernández e Daniel Méndez, e a canda eles atópase un equipo artístico integrado por figuras senlleiras das artes escénicas, como o deseñador Pier Paolo Álvaro, Fernando Epelde en calidade de responsable da música e do espazo sonoro da peza, o escenógrafo Alessio Meloni, o iluminador Juan Gómez Cornejo ou a coreógrafa Greta García, entre outras.

Alén diso, cómpre subliñar o a presenza de Galicia en Run Baby Run como un elemento máis. A atmosfera galega e o entroido ourensán atravesan a obra dun xeito moi especial. Os peliqueiros, unha sorte de coro grego, ocupan a escena cun vestiario inspirado na indumentaria tradicional pero repensado polo devandito Paolo Álvaro. Neste sentido, Jana Pacheco salienta a colaboración da asociación ‘Las tejedoras’ de Vicálvaro, un colectivo de mulleres deste barrio madrileño “que se xuntan para tecer e dialogar sobre a violencia machista e que teceron flor a flor todo o vestiario dos peliqueiros”, materializando un traxe fermoso e cheo de significado.

Logo da súa estrea en Santiago, Run Baby Run contará tamén cunha xira por diferentes espazos da xeografía española e poderase ver na sala Margarita Xirgú do Teatro Español do 22 de febreiro ao 24 de marzo do 2024. Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consejería de Cultura da Comunidad de Madrid. As entradas para as funcións dos días 6, 7 e 8 de outubro no Salón Teatro pódense adquirir na web de Ataquilla.

O equipo

Jana Pacheco é directora escénica, dramaturga visual e historiadora da arte. Fátima Delgado é dramaturga, actriz e poeta. Ambas as dúas son profesionais acreditadas das artes escénicas, con máis dunha década de traxectoria ás súas costas, especializadas en xenealoxía de mulleres, accesibilidade e educación e cun forte compromiso feminista. A posta en escena de Run Baby Run supón a súa primeira colaboración conxunta.

Canda elas, no equipo artístico do proxecto destacan tamén figuras como o deseñador Pier Paolo Álvaro, gañador do Premio Max 2023 ao mellor deseño de vestiario polo espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do CDG; Fernando Epelde, responsable da música e do espazo sonoro da peza; o escenógrafo Alessio Meloni, tamén galardoado este 2023 co Premio Max ao mellor deseño de espazo escénico por La cabeza del dragón; o iluminador Juan Gómez Cornejo, Premio Nacional de Teatro no 2011; ou a coreógrafa Greta García, integrante do grupo Hermanas Gestring, entre outras.

‘RUN BABY RUN’ EN SANTIAGO

•    DATAS: 6 e 7 outubro (20 h) e 8 outubro (18 h)
•    LUGAR: Salón Teatro (Santiago de Compostela)
•    ENTRADAS: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/salon-teatro-de-santiago/16289–run-baby-run.html