A obra, con texto de Fátima Delgado e dirección de Jana Pacheco, representarase os días 6 e 7 ás 20 horas, e o 8 de outubro, ás 18 horas

O elenco desta peza que reflexiona sobre a discriminación de xénero dentro do deporte está composto por Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez

Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia

As entradas para as funcións no Salón Teatro pódense adquirir na web de Ataquilla

O equipo de Run Baby Run presentou esta mañá un petisco da obra que terá a súa estrea absoluta este venres, 6 de outubro no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela e que estará en escena ata o domingo 8. O acto contou coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, do director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, da autora do texto, Fátima Delgado, e da directora da obra, Jana Pacheco, que estiveron acompañados polo equipo artístico do espectáculo.

Nesta peza Fátima Delgado plasma unha das súas teimas, “o persoal é político”, e elabora unha reflexión sobre a discriminación de xénero dentro do deporte feminino que viu a luz logo das súas investigacións de varios casos de mulleres deportistas profesionais. A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser.

O papel da atleta está interpretado por Alba Loureiro e o da adestradora, por Camila Bossa. O elenco complétase con Celina Fernández e Daniel Méndez, e a canda eles atópase un equipo artístico integrado por figuras senlleiras das artes escénicas, como o deseñador Pier Paolo Álvaro, Fernando Epelde en calidade de responsable da música e do espazo sonoro da peza, o escenógrafo Alessio Meloni, o iluminador Juan Gómez Cornejo ou a coreógrafa Greta García, entre outras.

Alén diso, cómpre subliñar o a presenza de Galicia en Run Baby Run como un elemento máis. A atmosfera galega e o entroido ourensán atravesan a obra dun xeito moi especial. Os peliqueiros, unha sorte de coro grego, ocupan a escena cun vestiario inspirado na indumentaria tradicional pero repensado polo devandito Paolo Álvaro. Neste sentido, Jana Pacheco salienta a colaboración da asociación ‘Las tejedoras’ de Vicálvaro, un colectivo de mulleres deste barrio madrileño “que se xuntan para tecer e dialogar sobre a violencia machista e que teceron flor a flor todo o vestiario dos peliqueiros”, materializando un traxe fermoso e cheo de significado.

Logo da súa estrea en Santiago, Run Baby Run contará tamén cunha xira por diferentes espazos da xeografía española e poderase ver na sala Margarita Xirgú do Teatro Español do 22 de febreiro ao 24 de marzo do 2024. Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consejería de Cultura da Comunidad de Madrid. As entradas para as funcións dos días 6, 7 e 8 de outubro no Salón Teatro pódense adquirir na web de Ataquilla.

O equipo

Jana Pacheco é directora escénica, dramaturga visual e historiadora da arte. Fátima Delgado é dramaturga, actriz e poeta. Ambas as dúas son profesionais acreditadas das artes escénicas, con máis dunha década de traxectoria ás súas costas, especializadas en xenealoxía de mulleres, accesibilidade e educación e cun forte compromiso feminista. A posta en escena de Run Baby Run supón a súa primeira colaboración conxunta.

Canda elas, no equipo artístico do proxecto destacan tamén figuras como o deseñador Pier Paolo Álvaro, gañador do Premio Max 2023 ao mellor deseño de vestiario polo espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do CDG; Fernando Epelde, responsable da música e do espazo sonoro da peza; o escenógrafo Alessio Meloni, tamén galardoado este 2023 co Premio Max ao mellor deseño de espazo escénico por La cabeza del dragón; o iluminador Juan Gómez Cornejo, Premio Nacional de Teatro no 2011; ou a coreógrafa Greta García, integrante do grupo Hermanas Gestring, entre outras.

‘RUN BABY RUN’ EN SANTIAGO

•    DATAS: 6 e 7 outubro (20 h) e 8 outubro (18 h)
•    LUGAR: Salón Teatro (Santiago de Compostela)
•    ENTRADAS: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/salon-teatro-de-santiago/16289–run-baby-run.html