Parladoiro con… ABRAHAM PÉREZ

“Entendo o compromiso non coma algo separado da nosa vida; máis ben ao contrario, como algo propio da existencia. Todas as persoas, a cada momento, estamos obrigadas a actuar, aínda que a nosa acción sexa non facer algo concreto. Pero isto xa é un modo de acción, e unha encarnación dunha serie de valores que lexitiman ou poñen en cuestión elementos da realidade. Por iso, para min, cada obra, sen ter nin un sentido pedagóxico, nin moral, nin normativo, si ha de interpelar á época na que está. (…)”

1.- Partindo da ontoloxía serías quen de definir a Abraham Pérez?

Empezamos forte!!! (Risas). Ben, calquera definición propia que dea pode soar falsa, arbitraria e/ou narcisista, precisamente porque un móvese nese triángulo do que quere ser un, de como é percibido polos demais, e do que realmente é. Polo que axustar eses tres puntos paréceme complicado. Mais, direi que son escritor: con todo o que implique, para ben ou para mal (Risas).

2.- Que chanzo na escada conceptual ocuparía, segundo a túa opinión, o compromiso no eido literario?

Entendo o compromiso non coma algo separado da nosa vida; máis ben ao contrario, como algo propio da existencia. Todas as persoas, a cada momento, estamos obrigadas a actuar, aínda que a nosa acción sexa non facer algo concreto. Pero isto xa é un modo de acción, e unha encarnación dunha serie de valores que lexitiman ou poñen en cuestión elementos da realidade. Por iso, para min, cada obra, sen ter nin un sentido pedagóxico, nin moral, nin normativo, si ha de interpelar á época na que está. É evidente que hai unha separación entre a persoa que crea e a creación: é algo intrínseco ao arte, pero non implica que a obra sexa un elemento aséptico. A obra non ten que ser exemplo de nada: a iso refírome cando falo de que non ten que ser normativa; pero sendo un produto creado nunha época baixo unhas condicións e unhas características específicas, non se pode subtraer dos discursos que emana e dos que lexitima ou pon en cuestión, aínda que esa non sexa a súa intención directa e primaria. Coido que nin para unha lado nin para outro, a obra pode ser inocente. Como tampouco o é quen a crea.

3.- Se foses un lector que se achega por primeira vez á lectura de FRAGMENTO/CREBA, ¿que suscitaría en ti entrar no seu universo poético?

Para min FRAGMENTO/CREBA é unha tentativa, unha cartografía incompleta e provisional. Tal e como o vexo, cada fragmento, cada físgoa, é a parte visíbel dun magma que conecta, se cadra por ocultamento ou por ausencia, todos os seus puntos. Entón, o que se está intentando problematizar é a nosa época e a nós mesmos coma individuos e suxeitos inseridos nunha rede complexa que é o que chamamos real.

Mais, velaquí está a miña intención; outra cousa é que quen se achega ao libro o comprenda así… (risas).

4.- Tes publicadas obras en galego e en castelán: o proceso creativo é singular en cada lingua na que te expresas literariamente ou hai unha premisa lingüística nuclear?

Respecto ao propio proceso creativo: é certo que cada obra exixe unha intensidade distinta, uns ritmos, se cadra, tamén diferentes. Malia isto, para min si hai unha premisa que as recolle todas. É certo que conto con textos publicados en galego e castelán, mais neste último caso, cando menos o publicado, foron textos que naceron en galego, pero que por circunstancias acabaron cunha versión en castelán. Aínda así, a lingua coa que traballo é o galego. Quero sinalar isto porque escoller unha lingua non é un elemento meramente accidental, senón que no meu caso é froito dun compromiso, dun xeito de entender certas cousas; en definitiva, dunha maneira de comprender e de se relacionar coa realidade.

Agora ben, volvendo á pregunta inicial: a miña poética trata de traballar cun elemento que reúna todo. Podo escribir poesía ou narrativa, con certas liñas estéticas que a priori poden estar afastadas ou parecer opostas, mais tal e como as concibo, non é así. Sempre hai unha preocupación, unha tematización dun problema que pode verter (e que adoita facelo) cara a outras problemáticas. Entón, é a partires de aí desde onde se vai configurando cada obra, cada texto; deste xeito, permíteme velos coma un tecido, coma unha rede que remiten uns aos outros. Logo, claro, cada creación ha de facer un escorzo, ha de gañar autonomía, para que se poida considerar como delimitado e, por tanto, independente. Pero insisto, sempre comprendido como unha parte dun todo. Isto non implica, loxicamente, que non se produza un proceso de madureza, é dicir, pretensións de mellorar o traballo, e algunhas variacións estéticas en cada obra.

5.- Cando escribes, hai unha fiestra fronte túa na procura dunha recepción colectiva da túa escrita ou, coma nun efecto espello, escribes para ti mesmo?

Semella que redundo no mesmo, porén considero que son diferentes puntos dun idéntico problema. Explícome: cada obra nace dunha preocupación; dita preocupación, vaise concretando na indagación que levará (ou non) ao proceso de escritura. Deste xeito, coagula e configúrase o que vai ser o proxecto delimitado para cada unha individualmente. Evidentemente as obras, os textos, nacen cunha vocación comunicativa, posúen en si mesmas a característica esencial de tender pontes; entón, seguindo esta liña comunicativa, son para ser lidas e pensadas por alguén que non son eu. E é aquí onde está, ao meu ver, a riqueza: a posibilidade de establecer diálogo con alguén que se está a mover fóra das miñas dinámicas (e xa que logo, pretensións) creativas. É nesa intersección onde se produce unha dobre autonomía da obra: en primeiro lugar, a independencia respecto de quen a crea porque xa é algo externo, algo alleo; e por outro, ao ser recibido por unha lectora ou por un lector, aparece unha nova lectura, unha nova interpretación e, en consecuencia, amplíase o campo de discusión coa conseguinte apertura de perspectivas. Mais este feito que se ha de producir de xeito necesario, na miña opinión, non pode ser unicamente pensado desde a posición do público, e menos pensar o público coma un elemento homoxéneo.

6.- Canto de filosofía hai no proceso literario?

Ben, realmente non sabería delimitar exactamente cal é o receptáculo de cada cousa; máis que nada porque para min non hai tal separación. Antes falabamos da preocupación ontolóxica de FRAGMENTO/CREBA e tamén da rede que, cando menos para min, é o conxunto das obras. Entón, para min a filosofía é tamén, entre outras cousas -por suposto- fundamentais, un exercicio artístico; de tal modo que, cando comezo a traballar nun texto, parte dunha preocupación, dunhas premisas concretas e dunha pretensión, o cal non quere dicir que sempre remate por ser tal e como fora pensado nun primeiro momento.

7.- Narrativa, poesía, guión, artigos… Existe un elo que conecte todas estas disciplinas citadas?

Parece obvio que cada xénero ten unhas regras determinadas, mais non determinantes. É certo que cando se está a escribir un artigo cunha vocación máis xornalística, non é o mesmo que unha indagación formal poética, aínda que o soporte sexa tamén a linguaxe. Isto acentúase máis se, no canto de utilizar a linguaxe como vehículo de sentido e significado co fin de ser lido (como sucede nas obras literarias), a linguaxe é un elemento mediato que remite a unha especie de elemento final. Estou pensando na escrita dun guión cinematográfico: por moito que poidan evocar as palabras, o que vai primar é a imaxe, entón o cinema require dunha linguaxe propia, dunha linguaxe fílmica que se cadra non acaba de encaixar plenamente coa palabra escrita.

Agora ben, certo é que as estruturas formais na posmodernidade non son nin inamovíbeis nin puras, senón que tenden á mestura, á disolución de fronteiras. Aquí tamén se produce un punto de contacto, un elemento de com-partición. Permite xogar, xa non con varias cartas, senón con barallas diferentes creando así un novo marco.

Ademais, volvo ao que expresei anteriormente: existe ou pode existir, coma no meu caso, un elemento que conecte as obras, que estableza vencellos entre elas. Entón é aquí onde o punto cero agroma novamente, xa que é o que vai permitir, utilizando distintos recursos formais e mesturando diferentes elementos estéticos, poder abordar unha ou varias preocupacións e que vaian reflectíndose no desenvolvemento da obra artística.

8.- Somos memoria, mais, ás veces, semella que nada aprendemos desa memoria que nos viste por dentro, dado que temos a estúpida tendencia a repetir erros do pasado. Como curar esta imperfección humana?

É unha cuestión complexa e se cadra demasiado longa para responder aquí. Ben, vou intentar ser breve e claro. Desde o meu punto de vista, unha das características desta época é o pouco valor que ten o coñecemento. Parece que o único coñecemento que ten relevancia é o que pode ser aplicado a algo e do cal se pode sacar beneficio, principalmente económico. Agora ben, se pensamos no eido literario ou no artístico en xeral, semella que o seu valor é unha cousa etérea. Só se calcula en número de exemplares vendidos, no número de visitantes a unha exposición, etc.; mais isto, ao meu modo de ver, é só unha pequena vertente. En primeiro lugar, porque a unha obra de arte, o valor económico que poida ter (por dicilo suavemente) élle pouco relevante. Principalmente porque a súa valía e a súa calidade non está aí. O valor que ten desborda as categorías do mercado. Entón, a obra pode ter unha carga de valor cognoscitivo, de valor existencial, de valor estético, moito máis importante que o da primacía pecuniaria. A que conduce isto? A se que só é un tipo de valor o que mide a valía, entón as obras quedan en meras mercancías, en simples produtos de consumo. O que conduce, ao meu modo de ver, a unha situación de degradación, funxíbel, a unha situación onde todo semella fragmentado e onde non se pode percibir a necesidade de comprensión do conxunto. Noutras palabras: se a Historia, por poñer un exemplo, só serve para ser consumida (en ventas de libros, en exposicións, e artigos de colección, etc.), lévanos a non ser conscientes da importancia que pode ter para nós noutros ámbitos políticos, existenciais, afectivos, etc. Sinalo isto porque ás veces atopámonos con certos relatos emitidos por parte de algúns elementos e persoas con poder que falsean claramente feitos históricos relevantes que obxectivamente non podemos defender a nivel ético. Por exemplo, se a un ditador lle chamamos xeneral, entón, sen ser falso, non é completamente verdadeiro. Por que? Porque a utilización de certos termos en ámbitos específicos que teñen proxección política, lévanos a ver como se lexitiman discursos onde o coñecemento é claramente desvirtuado, o que pode poñer en cuestión as bases dun sistema democrático. Créase deste xeito un imaxinario colectivo cheo de crenzas subxectivas –e non de verdades obxectivas- fundamentado no irracional e na ignorancia.

Por iso, defendo que o coñecemento é un valor, aínda que o coñecemento non sexa útil para certas prácticas. E as obras de arte, sen ser elementos morais (porque non o teñen que ser, ollo!), si permiten repensar tanto as categorías e os valores como as posicións políticas e existenciais que un ten. A obra de arte abre e posibilita o diálogo. Que acontece? Que unha obra, a súa lectura, o seu visionado, require, amais de sensibilidade, tempo e esforzo (o que choca de fronte coas dinámicas propias da nosa época no que todo ten que ser consumido en pouco tempo e con aparente pouco esforzo).

9.- Sen eufemismos, con sincera crueza, se che parece pertinente, cara a onde camiñamos como seres culturais?

A prognose é un ámbito descoñecido para min (risas). Agora ben, botando man do que expuxen antes (e sendo consciente de que se podería matizar moito máis todo o dito), a nosa época posmoderna que mestura e elimina fronteiras e desfai estruturas ten unha dobre lectura: por unha banda negativa, no senso exposto na pregunta anterior, onde promove posicións acríticas por deslexitimar o coñecemento como tal; pero por outra banda, permite, apoiándonos no coñecemento, na arte, en definitiva: na cultura e na racionalidade, moldear a realidade e enfocala cara onde queremos. Deste xeito, si considero que camiñamos cara ao que cada un de xeito individual e colectivo eliximos. Non falo dunha capacidade absoluta de elixir, pero si coido que a responsabilidade é a outra face da liberdade. Precísase facer unha reflexión ética continua, insisto, tanto a nivel individual coma colectivamente. E para iso, a educación, a cultura e o coñecemento son esenciais.

10.- Ben sei que quedaron moitas dúbidas ou preguntas que che puiden ter feito. Mais vou deixar que sexas ti quen peche este parladoiro formulando e contestando a que desexes.

Como creador gústame falar do que fai, vou ser egoísta e aproveito a sinalar que os próximos proxectos, inminentes, van ser a publicación de dous textos que, na miña mente, marcan continuidade co inmediatamente anterior como foi FRAGMENTO/CREBA. Trátase de dous libros de poemas: o primeiro levará por título O CORPO TRANSPARENTE DAS HORAS e que saíra coa Editorial Galaxia en poucos meses, e do cal apareceron recentemente escolmas na Revista Luzes e na Dorna, Expresión Poética Galega; e UNHA TEORÍA PARA OS ESPECTROS, texto agraciado co 2º Premio no III Certame Torre de Caldaloba, que sairá contra finais de ano con Alvarellos Editora. Ambos textos, como digo, son puntos de continuidade do proxecto poético que estou a desenvolver e que agardo que interesen, na medida do posíbel, ao público.

Aproveito tamén para agradecer a Culturalia GZ (e ao seu responsáel: Martiño Maseda) este interese na miña obra e amabilidade mostrada nesta entrevista.