- Intervención artística: “Só nos sobrevivirán os nosos acenos” de Abraham Pérez
- Lugar: Fundación Eugenio Granell, Praza do Toural s/n, Santiago de Compostela
- Data: martes 14 de maio, ás 19:00h
Este martes 14 de maio ás 19:00h, terá lugar a intervención artística “Só nos sobrevivirán os nosos acenos” do poeta lucense Abraham Pérez, dentro da actividade “A miña peza favorita” da Fundación Granell de Santiago de Compostela.
“A miña peza favorita” é unha actividade que se iniciou no ano 1997 que consiste en seleccionar unha peza, entre todas as que forman parte da colección da Fundación Eugenio Granell, para que o invitado elabore un comentario persoal cunha nova visión desde unha perspectiva actual.
Nesta ocasión, Abraham Pérez e a Galería NÉBOA, seleccionaron as pezas Así é como o museo asasina ao artista, de Eugenio Granell (1981) e Nazis brindando, de Saul Steinberg (1940) dos fondos da colección Eugenio Granell; xunto cunha selección de poemas de Abraham Pérez: o corpo transparente das horas, Liñas do cuestionamento, unha teoría para os espectros e o manifesto poético Incursión diagonal.
Abraham Pérez (Lugo, 1990) é escritor. Autor da novela O paso en falso (Editorial Galaxia, 2023), do ensaio Sacho de seda (Menino Morreu, 2023) e dos poemarios o corpo transparente das horas(Editorial Galaxia, 2022), unha teoría para os espectros (Toxosoutos, 2021) e Fragmento/Creba(Editorial Galaxia, 2020). No ano 2022 acadou o accésit no XXV Certame Francisco Añón de Poesía pola súa obra toxicidade. Foi un dos artistas seleccionados para desfrutar da Residencia Artística Mariñán de literatura e pensamento no ano 2022 convocada pola Deputación da Coruña; e da Residencia de creación literaria Illa de San Simón no 2023, convocada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Amais, ten colaborado con distintos medios e revistas especializadas como Grial, Luzes, Praza Pública, Dorna: expresión poética galega ou Xistral, entre outras. A súa obra está recollida en distintas antoloxías.