por Miguel Díaz | Jul 18, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: O PETO
Eles, alleos, os outros, na súa estendida indiferenza, non queren abrazarme nin ferirme. Pero desde a inconsciencia achegan a min os seus coitelos afiados, abrindo brecha nova ou furgando na vella. E sei que, cando o tallo é grande, cicatriz só é outro xeito de nomear a ferida.
Mais non o fan á mantenta. Ignoran. Simplemente non consideran o escenario no que, de cando en vez, son vulnerable.
Simplemente non saben que aínda latexa o teu poema no peto do pantalón do meu cadáver.
por Miguel Díaz | May 16, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: QUE DEFENDO?
Co coitelo entre os dentes, que defendo? Asoman hordas que me varrerán e defendo se cabe ruínas. Ruínas que son pero que non deben ser defendidas. Porque na súa memoria non habita xa ningún corazón á espera.
por Miguel Díaz | Abr 26, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: MIRÁMONOS
Mirámonos, amor,
no que xa non somos.
E asemade somos
mirados polo abismo.
Polo abismo estendido
de ollos interrogadores.
Polo abismo que ignora
que non temos respostas.
Que aínda non ou xa non.
E que as que posuímos
forman parte do espazo
que acedo nos observa.
Que nos observa xélido
coas súas cuncas baleiras.
Que observamos efémeros
cos nosos ollos ardentes.
por Miguel Díaz | Abr 10, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: ASUBIANDO
O verso e o amor, na súa expresión torpe, insuficientes. Se cabe pola súa limitación, sexa en modo, tempo ou dimensión. O verso e o amor, con potencial infindo pero acotío debuxados con trazo dubidoso, en esbozo inútil, en expresión indecisa. Temerosos ambos, reducidos a un tecido infame de situacións que os devoran. O verso, teimudo pero exiguo. O amor, persistente pero silenciado. Os dous da man, asubiando na primavera, como asubían as flores da cerdeira neste oído meu desencantado pero insurrecto.
por Miguel Díaz | Mar 28, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: EXPECTATIVA
En nós habita e non fóra, a substancia que nutre a decepción. Nun proceso de espera e esixencia que non sempre é xusto con quen non dá. Porque non pode dar, porque non o ten, porque non sabe, porque non quere, porque non debe, porque non o ten que dar… Coas mans nosas embrollada, a aramada egocéntrica. Por nós alimentada, por nós conformada. Desprezando acotío as loitas alleas. As loitas cotiás de cadaquén. As descoñecidas batallas que cada un emprende alén da nosa vulgar expectativa.