Título do libro: Los galgos, los galgos
Autora: Sara Gallardo
Editorial: Malas Tierras
Año: 2021
É difícil explicar o abraio que supón atopar unha novela tan impresionante coma esta, que data de 1968. Unha novela que envellece realmente ben e que nesta edición, tan coidada de Malas Tierras, amósase coma unha verdadeira alfaia literaria. Case cincocentas páxinas que retratan unha época e unha sociedade coma a arxentina, albiscando o luscofusco que envolve ao seu protagonista, Julián, que semella ir animalizándose ao longo da obra.
Cargada de humor, intelixencia e, tamén, de melancolía, Los galgos, los galgos narra, con gran mestría e delicadeza, a viaxe dun perdedor, que evoca na lectora ou lector unha amálgama de diferentes sensacións, que van desde a tenrura até o desprezo. Non é doado despegarse desta fuxida cara ningures, que alterna os escenarios Bos Aires-París-Bos Aires, e que talvez veña a indicarnos que ninguén pode ficar por sempre nun lugar invariábel.
Sen dúbida, o tempo, tan habilmente tratado pola autora, sexa o elemento transcendente que conforma esta narración. O tempo que nos consome e que pasa arrogantemente veloz coma os adorábeis galgos de Las Zanjas, ese lugar que nos recibe e nos despide con certo sabor agridoce.
“Caminemos. Otra vez caminemos, a campo atraviesa. Ya se ve mi casa. Allí, extendidos en mecedoras de color, estarán mis parientes”.
Imposíbel non anotar o nome de Sara Gallardo e querer descubrir máis sobre a súa escrita tan brillante e vivamente poética. Esta é xa unha tarefa pendente.