O Atlantic Pride 2024 celebrará as súas festas ‘After Party’ as madrugadas do xoves 11, venres 12 e sábado 13 de xullo

O Playa Club da Coruña acollerá as sesións máis golfas do festival, para continuar a festa unha vez rematados os concertos ao aire libre da man dos dj’s DJ Espinoso, Gorllitox e D-Lemma 

As entradas anticipadas estarán dispoñibles a través da web www.atlanticpride.es/fiestas, a un prezo de 12 euros (con consumición incluída)

Tamén será posible adquirir entradas na porta o mesmo día das sesións, ata completar o aforo da sala, a un prezo de 15 euros (con consumición incluída)

Pola súa banda, a Sala Pelícano organiza unha festa ‘SuperMartXé’ o sábado 13 de xullo, a partir das 00.30h, con Nalaya, Javi Reina e Michael Sánchez, coas entradas xa á venda

O Atlantic Pride presenta unha das súas grandes novidades neste 2024: as súas festas ‘After Party’. O Playa Club acollerá as sesións máis golfas do festival unha vez rematados os concertos ao aire libre as madrugadas do xoves 11, venres 12 e sábado 13 de xullo. DJ Espinoso (xoves 11, de 01.00h a peche), Gorllitox (venres 12, de 02.00h a peche) e D-Lemma (sábado 13, de 02.00h a peche) serán os dj’s encargados de dirixir os pratos nestas novas pinchadas do Atlantic Pride. En www.atlanticpride.es/fiestas é posible consultar os detalles das festas ‘After Party’ do Atlantic Pride, así como adquirir as entradas anticipadas para as diferentes sesións, a un prezo de 12€ (consumición incluída). Os pases poderanse mercar tamén o mesmo día na porta do Playa Club (15€, consumición incluída).    

SOBRE O ATLANTIC PRIDE 2024

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. O Atlantic Pride está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Na súa quinta edición, estarán presentes as estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I.

No cartel deste Atlantic Pride 2024 destacan tamén nomes como os de Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas. O grupo Vengaboys será o encargado de poñer o acento internacional ao festival, mentres que as pinchadas correrán a cargo dos dj’s EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback. O festival contará, tamén, coa actuación especial do Coro “Cores” e coas festas ‘After Party’ no Playa Club nas madrugadas do xoves 11, venres 12 e sábado 13 de xullo. Na páxina web www.atlanticpride.es é posible consultar o calendario e a información práctica desta quinta edición do festival.

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste. Na súa pasada edición, en 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 40.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. 

20240626-NP-Atlantic-Pride-AFTER-PARTY

O Premio de Honra da MIT 2024 é para Nova Galega de Danza

O Premio de Honra da MIT 2024 é para Nova Galega de Danza

Xa están á venda as entradas individuais para todos os espectáculos

A inauguración da 40ª edición da MIT de Ribadavia este ano 2024 estará marcada por un feito simbólico e cargado de apoio e recoñecemento especial ao sector da danza e das artes do movemento. Nova Galega de Danza abre a programación con DIQUE, espectáculo de recente estrea e recolle o Premio de Honra esa mesma noite. Será un acto de reafirmación da comunidade ao traballo, constancia e novos rumbos de innovación marcados por unha compañía que pasou polo festival colleitando en dúas ocasións o Premio do Público nos últimos anos.

No día de hoxe, o festival fai pública esta noticia relativa a unha edición especial, marcada pola presenza de espectáculos diversos e sedutores para quen desexe atopar creación escénica contemporánea, híbrida e de alta calidade. Despois da venda de abonos, hoxe día 25 de xuño póñense á venda os espectáculos individuais, tanto do Castelo coma do Club Artístico (estes últimos en sesión golfa, de carácter festivo e arredor do universo do Karaoke).

As entradas poden adquirirse na Praza Maior de Ribadavia, na sede do festival ou por internet en: ataquilla.com e mitribadavia.gal

Acta do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” 2024 concedido pola MIT Ribadavia ao mérito nas artes escénicas a

NOVA GALEGA DE DANZA

Nova Galega de Danza é unha compañía referente e pioneira nas nosas Artes Escénicas. Este ano 2024, no marco da 40ª edición da MIT, facemos entrega do Premio de Honra, por vez primeira na historia do festival, a un colectivo de danza.

A compañía chega a este recoñecemento en Ribadavia tamén co aval do dobre Premio do Público da MIT en 2017 e en 2020. Fundada na cidade da Coruña en 2003, o grupo dirixido polo tamén bailarín Jaime Pablo Díaz, quixo emprender un camiño de fusión e investigación nas raíces e elementos da danza tradicional galega. Comezou por aquel entón un fenómeno de popularización do que poderiamos considerar neofolk galego, que hoxe tantos froitos e interese suscita na sociedade e nos colectivos artísticos, tamén do ámbito musical. Esta compañía sempre tivo claro que a mestura de tradición e vangarda, de cultura galega popular e outras culturas tradicionais doutros contextos coma o flamenco ou a danza contemporánea, podían atoparse e poñerse ao servizo dunha creación que puidese conquistar unha ampla audiencia arredor do mundo da danza, tanto en teatros coma en espazos abertos e non convencionais.

Recoñecer a NGD significa tamén recoñecer o seu compromiso e defensa do baile tradicional galego na súa esencia e na súa capacidade para inspirar novos mundos, tamén como candidato a ser declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO. Mentres tanto, con esa convicción, a compañía explora neste ámbito para chegar a novos territorios, en moitos deles cunha gran comunidade galega na emigración. Desde Colombia ata Portugal, de Madrid a Beijing, os espectáculos do repertorio desta compañía galega foron recibindo relevantes galardóns coma os Premios Max, o Premio da Crítica de Galicia, Premio da Cultura Galega ou a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol, entre outros.

A capacidade para unir e conectar diferentes xeracións, para facer da danza un fenómeno social, estimulante e de interese amplo, o carácter pioneiro que permitiu abrir paso a novas compañías galegas de danza fusión ou axudar a visibilizar a outros moitos colectivos que traballan no ámbito puramente tradicional, así como a capacidade para emprender novos rumbos baseados na creación a partir da memoria local, son aspectos que se suman ós moitos méritos deste premio. Con motivo do seu novo paso adiante a partir da celebración do 20 aniversario, NGD chama a  un novo equipo artístico para que poida seguir renovando a linguaxe compositiva da compañía, cun grupo de mulleres creadoras, nunha aposta feminista pola revisión da historia dende o prisma das traballadoras do Dique da Campana do Arsenal ferrolán. Tradición, memoria, compromiso e innovación.

XI Convivio da Cultura Galega

Este próximo 13 de xullo, sábado, festéxase a XIª edición do Convivio da Cultura Galega e farase, coma sempre, tendo moi presente a Manuel María e a súa obra. Un ano este en que se van facer vinte anos, xa, que finou.

Un dos momentos bonitos deste día será o concerto que para as 18 horas teñen previsto facer Os Carunchos. Entre os carballos, ameneiros e bidueiras de Santa Isabel poderemos desfrutar, cantar e bailar co seu último traballo, en que cantan a Manuel María, Unha gorxa chea de paxaros.

Mais moito antes, pola mañá, ás 11.15, a Casa-Museo Manuel María será o punto de encontro onde dará comezo a xornada, coa acollida da coral Solfa. De alí irase cara ao cemiterio onde se levará a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta.

Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30, teremos a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, nesta ocasión estará acompañada pola cantora Tabea Graser.

Despois, poderemos desfrutar do xantar en convivio (a organización pon as mesas e cadeiras e cada un/unha trae a súa propia comida. Para reservar sitio é necesario avisar antes das 23 h. do 10 de xullo, mércores)

A festa continuará pola tarde, ás 16.30, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Parabéns, Tradivivas Agra, Vento Mareiro e Reviravolta, que darán posteriormente paso aos Carunchos.

Fallo do VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2024

Este pasado luns 24 de xuño fallouse o VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2024, que convoca o Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ.

O xurado integrado por Emma Pedreira, escritora e poeta, Daniel Irimia, tamén escritor e poeta, e Mercedes Queixas Zas, escritora e profesora, acordou o seguinte fallo:

Categoría infantil

1º Premio: Nicolás Salgueiro Alonso pola obra Archienemigos

2º Premio: Duarte Mariño Torrado por O Poliño Lector

3º Premio: DESERTO

Categoría Xuvenil

1º Premio: Lucía Domínguez Pereira polo microrrelato Rebelde

2º Premio: Paula Pérez Cendán pola obra Soa

3º Premio: María Fernández Escáriz por Ondas

Categoría Adulto

1º Premio: Pedro Naveira Pedreira polo microrrelato Erro

2º Premio: Sonia Martínez López por Reflector

3º Premio: Carlota Millor Prado pola obra Salvavidas

Fallo-do-xurado-de-Microrrelatos-2024

Hugo Guezeta lanza FERIDAS, novo sinxelo da súa etpa en solitario

O rapeiro galego Hugo Guezeta segue presentando os adiantos do seu próximo traballo discográfico. Hoxe ve a luz “Feridas”, segundo sinxelo do que será o seu primeiro álbum de longo formato. Hugo amosa novamente neste novo tema a súa versatilidade musical, nesta ocasión ao introducir ritmos latinos, que van dende o bolero aos “tumbaos” cubanos, ao seu xa característico estilo combinado de rap e reggae.

“Feridas” é un canto á inestabilidade mental e emocional que predomina entre as novas xeracións, e que tamén repercute na vida de Hugo. Temas candentes como o desamor, as inxustizas sociais, a loita contra o ego interno ou os baixóns e bloqueos creativos aparecen reflectidos na letra da canción. Mesturando dobres sentidos e retranca con rimas directas y punzantes, “Feridas” convértese na canalización musical das frustracións do rapeiro.

Hugo Guezeta amosa novamente a súa faceta máis íntima neste novo traballo, cunha versión máis melódica do seu estilo, mais sen perder parte da súa esencia. A crítica social crúa segue sendo primordial nos seus temas, aínda que o rapeiro deixa ver unha versión máis persoal nas súas letras, atopando nesa combinación o seu selo para esta nova etapa en solitario tras SonDaRúa.

A produción do tema corre a cargo de Petrowski, co que atopou unha sinerxía e complicidade musical que queda patente nestes dous primeiros adiantos do seu futuro álbum. Por outro lado, o videoclip de “Feridas” foi realizado por Juancho Everman, nun intento de recrear escenas de festa, desafogo e baile nun bar, representando así ese sentimento de expulsión dos problemas mentais sobre o que xira a canción. As escenas de baile teñen un forte peso dentro do videoclip, e están protagonizadas polos bailaríns Laura Valentina Gutiérrez Galán, Aykan Akgün, María Otero Jamardo e Gabriel da Silva. Con eles,  conseguen conectar de maneira orgánica a peza audiovisual cos ritmos da canción.

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA 

 Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.

Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.

O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.

O seu primeiro disco de longa duración, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá a finais de 2024,  e “O Noso Tempo” e “Feridas” son os primeiros adiantos do mesmo. Nos próximos meses sairán os seguintes adiantos do disco, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.

Fermin Muguruza actuará en Galicia en marzo de 2025

Fermin Muguruza actuará en Galicia en marzo de 2025, no marco dunha xira mundial para celebrar os seus 40 anos de traxectoria musical

As entradas para o concerto, que terá lugar en Santiago de Compostela o 15 de marzo, sairán á venda o 25 de xuño ás 9.00 horas no espazo web www.muguruzafm.eus 

O artista vasco fará unha revisión do seu percorrido sobre os escenarios no marco do 40º aniversario da formación da súa primeira banda, Kortatu, que hoxe 20 de xuño, hai 40 anos, publicaba a súa primeira maqueta

Fermin Muguruza actuará en Santiago de Compostela o 15 de marzo de 2025, no marco dunha xira mundial na que celebrará as súas catro décadas de traxectoria musical. Será a única parada que o artista vasco, fundador de Kortatu e Negu Gorriak, faga no noroeste peninsular no marco do seu novo tour -o primeiro tras 11 anos sen realizar xiras internacionais- e as entradas para esta cita, que terá lugar no Fontes do Sar, sairán á venda o vindeiro martes, 25 de xuño, ás 09.00 horas a través do espazo web www.muguruzafm.eus 

Despois de romper todas as previsións ao vender 16.000 entradas tan só nuns minutos para os dous concertos que ofrecerá en Bilbao no mes de decembro, Fermin Muguruza comprometeuse a buscar novas propostas para o vindeiro ano. Hoxe mesmo, cando se cumpren 40 anos do lanzamento da primeira maqueta de Kortatu, o artista vén de anunciar para o 2025 unha gran xira internacional para celebrar o seu 40º aniversario desde a formación da súa primeira banda, Kortatu, e na que tamén revisará temas de Negu Gorriak e dos seus traballos máis recentes en solitario. 

O tour, que chegará a distintas cidades de Europa, América e Asia, terá catro paradas na Península Ibérica, mais a cita compostelá será a única actuación de Muguruza en Galicia. Así, o vasco achegarase o ano que vén a Barcelona (24 de xaneiro, Palau Sant Jordi), Madrid (15 de febreiro, WiZink Center) e Donostia (14 de xuño, Estadio Reale Arena – Anoeta). 

As entradas para o concerto que Fermin Muguruza ofrecerá no Multiusos Fontes do Sar poñeranse á venda o vindeiro martes, 25 de xuño, ás 9.00 horas a través do web www.muguruzafm.eus. Ese mesmo día activaranse tamén as entradas para Madrid e Barcelona, mentres que os billetes para o directo de Donostia, no estadio de fútbol Anoeta, poderanse adquirir a partir das 9.00 horas do domingo 23 de xuño no mesmo espazo web. 

Unha vez coñecida a xira internacional de Muguruza para celebrar o seu 40 aniversario sobre os escenarios, a actriz Itziar Ituño (La casa de papel) quixo poñer en valor o seu legado: “Grazas, Fermín! Pola túa prolífica carreira, por axitar e espertar as nosas conciencias, por facernos bailar, por ser parte da banda sonora da vida dalgunhas de nós. Tan orgulloso coma humilde, tan cariñoso coma firme, es historia de Euskal Herria, o presente, o futuro. Enfrontácheste a todas as galernas cunha mirada severa, con esa risa tan ampla. León, apache, mapuche, auténtico pioneiro vasco! É unha honra camiñar ao teu lado. Un bico. Itzi”.


Censura contra a cultura disidente

Este 40 aniversario chega nun momento especial para Fermín Muguruza. Fronte aos ataques lanzados contra el nos últimos tempos, o músico e realizador de cinema advertiu nas súas redes sociais que respondería con máis cultura, reivindicando a súa traxectoria e legado. Así, o artista destaca que estes eventos serán “algo máis que un simple concerto, xa que servirán para utilizar a música como ferramenta de expresión e cambio social”. Nos directos, o público poderá gozar de diferentes cancións que se converteron en iconas da música vasca e internacional.

Co obxectivo de presentar a devandita xira, Muguruza rodeouse de grandes amigos nun vídeo no que participan, entre outros, intérpretes como Itziar Ituño, Maria Cruickshank, Aitziber Garmendia ou Jon Plazaola, ademais de músicos como HOFE e xente do sector musical. 

Muguruza expresa o seu desexo de que “estes concertos se convertan nunha celebración contra a censura e os recentes ataques da extrema dereita a nivel global e particular”. Nese sentido, menciona casos como o da directora e cinco profesores dun instituto en Valencia que foron demandados por pintar un mural en homenaxe á súa traxectoria creativa, así como os ataques a Itziar Ituño e aos xogadores do Athletic por cantar a mítica canción Sarri, Sarri.


Unha das figuras de maior influencia e carisma do panorama musical vasco


O artista irundarra lembra que “será unha honra e un privilexio poder celebrar este percorrido de 40 anos sobre un escenario, sabéndome pertencente a unha xeración moi golpeada. Espero que estes concertos sexan especiais para todos, a través da música, o baile e a reivindicación, un exercicio de memoria colectiva, unha celebración da vida e rexeitamento ao fascismo, unha cerimonia dos abrazos”. 

Muguruza foi definido como unha das figuras de maior influencia e carisma no panorama musical vasco en diferentes sectores. Comezou a súa carreira musical creando xunto ao seu irmán Iñigo o grupo de música Kortatu. Cando a banda se disolveu, logo da edición do seu último disco exclusivamente en eúscaro, Muguruza formou Negu Gorriak xunto ao seu irmán Iñigo, Kaki Arkarazo, Mikel Txopeitia e Mikel Anestesia. O grupo converteuse nunha das formacións máis importantes da escena dos anos 90. Após a súa disolución, Muguruza iniciou a súa carreira en solitario, tomando como base o reggae e o dub e mesturando ritmos latinos ou elementos do rock, hip hop, funk, soul e drum and bass.

Muguruza colaborou con artistas como Manu Chao, Banda Bassotti, Amparanoia, Tijuana No!, Todos Tus Muertos, Albert Pla, Zebda, Desorden Público, Reincidentes, Angelo Moore de Fishbone, Raúl Refree, Obrint Pas, El Columpio Asesino, Preservation Hall Jazz Band, Toots, U-Roy, Rita Marley, Peret ou decenas de artistas ao longo destas catro décadas.

Ademais, nestes últimos anos, Muguruza ten traballado no mundo do cinema e do documental. Creou unha infinidade de traballos de temática social, entre eles, a serie Next Music Station (2011), que reúne once pezas sobre música árabe para a cadea Al Jazeera, o documental NOLA? Irun meets New Orleans (2015), as películas de animación Black is Beltza (2018) e Black is Beltza II: Ainhoa (2022), esta última finalista dos Premios Goya, ou o recente filme documental BIDASOA 2018-2023 (2023), entre outros.

Xira mundial de Fermin Muguruza

2024
20 de decembro: Bilbao – Miribilla (Sold out)

21 de decembro: Bilbao – Miribilla (Sold out)

2025

18 de xaneiro: Tenerife – EC Aguere

24 de xaneiro: Barcelona – Palau Sant Jordi

15 de febreiro: Madrid – WiZink Center

15 de marzo: Santiago de Compostela – Fontes do Sar

21 de marzo: Paris – La Cigale

22 de marzo: Bordeaux – Salle du Grand Parc

28 de marzo: Toulouse – Le Bikini

29 de marzo: Marseille – Espace Julien

12 de abril: Zurich – Rote Fabrik

16 de abril: Berlin – SO36

20 de maio: Santiago de Chile – Teatro Cariola

24 de maio: Buenos Aires – Estadio Obras

28 de maio: Bogotá – Calle 13

31 de maio: México – Skatex (Texcoco)

07 de xuño: Roma – TBC

14 de xuño: Donostia – Anoeta Estadioa (Reale Arena)

23 de xullo: Tokio – Radical Music Network

4 de outubro: Último concerto 

DOSSIER

FM_Orokorra_DossierGAL