O Premio de Honra da MIT 2024 é para Nova Galega de Danza

Xa están á venda as entradas individuais para todos os espectáculos

A inauguración da 40ª edición da MIT de Ribadavia este ano 2024 estará marcada por un feito simbólico e cargado de apoio e recoñecemento especial ao sector da danza e das artes do movemento. Nova Galega de Danza abre a programación con DIQUE, espectáculo de recente estrea e recolle o Premio de Honra esa mesma noite. Será un acto de reafirmación da comunidade ao traballo, constancia e novos rumbos de innovación marcados por unha compañía que pasou polo festival colleitando en dúas ocasións o Premio do Público nos últimos anos.

No día de hoxe, o festival fai pública esta noticia relativa a unha edición especial, marcada pola presenza de espectáculos diversos e sedutores para quen desexe atopar creación escénica contemporánea, híbrida e de alta calidade. Despois da venda de abonos, hoxe día 25 de xuño póñense á venda os espectáculos individuais, tanto do Castelo coma do Club Artístico (estes últimos en sesión golfa, de carácter festivo e arredor do universo do Karaoke).

As entradas poden adquirirse na Praza Maior de Ribadavia, na sede do festival ou por internet en: ataquilla.com e mitribadavia.gal

Acta do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” 2024 concedido pola MIT Ribadavia ao mérito nas artes escénicas a

NOVA GALEGA DE DANZA

Nova Galega de Danza é unha compañía referente e pioneira nas nosas Artes Escénicas. Este ano 2024, no marco da 40ª edición da MIT, facemos entrega do Premio de Honra, por vez primeira na historia do festival, a un colectivo de danza.

A compañía chega a este recoñecemento en Ribadavia tamén co aval do dobre Premio do Público da MIT en 2017 e en 2020. Fundada na cidade da Coruña en 2003, o grupo dirixido polo tamén bailarín Jaime Pablo Díaz, quixo emprender un camiño de fusión e investigación nas raíces e elementos da danza tradicional galega. Comezou por aquel entón un fenómeno de popularización do que poderiamos considerar neofolk galego, que hoxe tantos froitos e interese suscita na sociedade e nos colectivos artísticos, tamén do ámbito musical. Esta compañía sempre tivo claro que a mestura de tradición e vangarda, de cultura galega popular e outras culturas tradicionais doutros contextos coma o flamenco ou a danza contemporánea, podían atoparse e poñerse ao servizo dunha creación que puidese conquistar unha ampla audiencia arredor do mundo da danza, tanto en teatros coma en espazos abertos e non convencionais.

Recoñecer a NGD significa tamén recoñecer o seu compromiso e defensa do baile tradicional galego na súa esencia e na súa capacidade para inspirar novos mundos, tamén como candidato a ser declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO. Mentres tanto, con esa convicción, a compañía explora neste ámbito para chegar a novos territorios, en moitos deles cunha gran comunidade galega na emigración. Desde Colombia ata Portugal, de Madrid a Beijing, os espectáculos do repertorio desta compañía galega foron recibindo relevantes galardóns coma os Premios Max, o Premio da Crítica de Galicia, Premio da Cultura Galega ou a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol, entre outros.

A capacidade para unir e conectar diferentes xeracións, para facer da danza un fenómeno social, estimulante e de interese amplo, o carácter pioneiro que permitiu abrir paso a novas compañías galegas de danza fusión ou axudar a visibilizar a outros moitos colectivos que traballan no ámbito puramente tradicional, así como a capacidade para emprender novos rumbos baseados na creación a partir da memoria local, son aspectos que se suman ós moitos méritos deste premio. Con motivo do seu novo paso adiante a partir da celebración do 20 aniversario, NGD chama a  un novo equipo artístico para que poida seguir renovando a linguaxe compositiva da compañía, cun grupo de mulleres creadoras, nunha aposta feminista pola revisión da historia dende o prisma das traballadoras do Dique da Campana do Arsenal ferrolán. Tradición, memoria, compromiso e innovación.