O rapeiro galego Hugo Guezeta segue presentando os adiantos do seu próximo traballo discográfico. Hoxe ve a luz “Feridas”, segundo sinxelo do que será o seu primeiro álbum de longo formato. Hugo amosa novamente neste novo tema a súa versatilidade musical, nesta ocasión ao introducir ritmos latinos, que van dende o bolero aos “tumbaos” cubanos, ao seu xa característico estilo combinado de rap e reggae.
“Feridas” é un canto á inestabilidade mental e emocional que predomina entre as novas xeracións, e que tamén repercute na vida de Hugo. Temas candentes como o desamor, as inxustizas sociais, a loita contra o ego interno ou os baixóns e bloqueos creativos aparecen reflectidos na letra da canción. Mesturando dobres sentidos e retranca con rimas directas y punzantes, “Feridas” convértese na canalización musical das frustracións do rapeiro.
Hugo Guezeta amosa novamente a súa faceta máis íntima neste novo traballo, cunha versión máis melódica do seu estilo, mais sen perder parte da súa esencia. A crítica social crúa segue sendo primordial nos seus temas, aínda que o rapeiro deixa ver unha versión máis persoal nas súas letras, atopando nesa combinación o seu selo para esta nova etapa en solitario tras SonDaRúa.
A produción do tema corre a cargo de Petrowski, co que atopou unha sinerxía e complicidade musical que queda patente nestes dous primeiros adiantos do seu futuro álbum. Por outro lado, o videoclip de “Feridas” foi realizado por Juancho Everman, nun intento de recrear escenas de festa, desafogo e baile nun bar, representando así ese sentimento de expulsión dos problemas mentais sobre o que xira a canción. As escenas de baile teñen un forte peso dentro do videoclip, e están protagonizadas polos bailaríns Laura Valentina Gutiérrez Galán, Aykan Akgün, María Otero Jamardo e Gabriel da Silva. Con eles, conseguen conectar de maneira orgánica a peza audiovisual cos ritmos da canción.
MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.
Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.
O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.
O seu primeiro disco de longa duración, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá a finais de 2024, e “O Noso Tempo” e “Feridas” son os primeiros adiantos do mesmo. Nos próximos meses sairán os seguintes adiantos do disco, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.