Última semana para participar no III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride

Este venres, 31 de maio, remata o prazo para o envío de propostas para este concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o festival organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña

As obras -en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI- optarán a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100 €) 

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do Atlantic Pride do 7 ao 14 de xullo, momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios

Este III Certame de Literatura LGTBI+ -cuxas bases de participación poden consultarse e  www.atlanticpride.es/certame-literario– pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+

Este venres, 31 de maio, remata o prazo para a recepción de propostas do III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride, un concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o festival organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña. As obras presentadas -que deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI- optarán a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100 €). O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e os relatos gañadores anunciaranse durante a celebración do Atlantic Pride do 7 ao 14 de xullo, momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. 

Este III Certame de Literatura LGTBI+, cuxas bases de participación poden consultarse en www.atlanticpride.es/certame-literario, pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+ por terceiro ano consecutivo.

REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN

Poderán participar todas as persoas maiores de idade, sempre que as obras sexan en galego, orixinais e inéditas, non publicadas en ningún tipo de formato, nin total nin parcialmente (incluído Internet), non premiadas ou pendentes de decisión en outros concursos, ou á espera de resposta de procesos editoriais. O incumprimento desta primeira base descualifica automaticamente o traballo presentado. Só se admitirá unha obra por persoa. Toda persoa que participe neste certame acepta a cesión da obra para a súa publicación e difusión en outros medios físicos ou dixitais relacionados co Atlantic Pride ou o Club de lectura QUEERuña. Publicarase un libro cos relatos premiados e unha selección do xurado.

TEMÁTICA, EXTENSIÓN E FORMATO

A temática é libre, con vinculación á diversidade LGTBI+. O texto presentarase en formato pdf e en documento tamaño DIN A4, cunha extensión máxima de 10 páxinas, con tipografía Times New Roman, tamaño 12, interlineado 1.

XURADO

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña. As integrantes do club QUEERuña que compoñen o xurado non poderán participar neste concurso. Unha vez finalizado o prazo de presentación, a organización facilitaralle ao xurado todas as obras presentadas ao concurso, tamén en formato dixital, pero sen ningún dato persoal que permita identificar a súa autoría. O xurado realizará a súa valoración en dúas fases: unha individual e outra grupal, que será nun encontro ordinario do club. No caso de existir disparidade de criterios que non permita dirimir as obras premiadas, optarse por realizar unha votación individual coas puntuacións 10, 7, 5, 3 e 1 puntos e as obras gañadoras serán as que maior puntuación acaden. O xurado levantará acta das valoracións e posteriormente remitiralla á organización do certame. Os criterios de valoración o xurados serán, por unha banda, a calidade literaria e a corrección gramatical, e, por outra, a atención a personaxes e historias infrarrepresentadas dentro do espectro LGTBI+ e a orixinalidade da obra.

PRAZOS E PREMIOS

Este venres 31 de maio de 2024 será o día de peche da recepción de obras. Durante a celebración do festival (do 7 ao 14 de xullo) anunciaranse as obras gañadoras e farase a entrega dos premios. Haberá tres galardóns en metálico (1º premio: 600 €; 2º premio: 300 €; 3º premio: 100 €).

SOBRE O FESTIVAL ATLANTIC PRIDE, O ORGULLO DO NORTE

A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. No seu cartel está xa confirmada a presencia de Vengaboys, ademais das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe.

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, e conta co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia  e Globalgrafic.

O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste. Na súa pasada edición, en 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. 

20240528-NP-ultima-chamada-Certame-Literario-Atlantic-Pride

Presentación do poemario “non aparecen bicis”, de Suso López, na Casa-Museo Manuel María

Poesía, música e audiovisual este sábado na presentación do poemario “non aparecen bicis” de Suso López

O produtor dos filmes “DHOGS”, “Welcome to ma maison” ou “Ulises”, o meirego Suso López, vén este sábado, día 1 de xuño, á Casa-Museo Manuel María, para presentar, ás 19 h, o seu primeiro poemario individual “non aparecen bicis”, editado en Edicións Positivas. Suso leva tempo participando en obradoiros de escrita creativa e colaborou xa en varias obras colectivas.
A súa poesía virá misturada, nesta presentación, coa súa propia música, interpretará tres pezas, así como coa proxección de dúas curtas “Ulises” e “Sandwich cat”.
A entrada é libre mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

quero ser un lago solitario
cun parrulo no centro
que me faga cóxegas na barriga

un lago en calma
non demasiado grande

SonDeSeu, SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira presentan “Entreterras” este domingo 2 en Narón

SonDeSeu leva a Narón este domingo, 2 de xuño, o seu novo directo ‘Entreterras’, no que tamén participan SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira 

‘Entreterras’ é un proxecto semiacústico no que as músicas de raíz das artistas de Galicia, Canarias e Portugal transforman por completo o repertorio da orquestra

A cita no Pazo da Cultura de Narón é ás 19.00 horas do día 2 e as entradas pódense adquirir a partir de 12 euros na web do 
Padroado de Cultura do Concello de Narón

A Orquestra Folk de Galicia Sondeseu presentará na Ferrolterra este domingo, 2 de xuño, Entreterras, o novo proxecto do colectivo. Trátase dun directo especial, en formato semiacústico, que unirá músicas de raíz, de Galicia, Portugal e Canarias. A galega SÉSo portugués Daniel Pereira Cristo e o canario Hirahi Afonso, todos eles artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios, compartirán escenario no Pazo da Cultura de Narón co medio cento de intérpretes que conforman a orquestra. As entradas están dispoñibles a través da páxina web do Padroado de Cultura de Narón

Entreterras, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e coa colaboración do Concello de Narón a través do Padroado de Cultura, é un espectáculo que aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas. Preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da orquestra”. 

Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través dun concerto semiacústico, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia no eido da música tradicional nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.  

Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos. 

A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pinto. Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto. Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.

CONCERTO ENTRETERRAS EN NARÓN

2 de xuño | 19.00 horas

Pazo da Cultura (Narón)

Entradas: https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/entreterras

20240527-NP-Concerto-Entreterras-de-SonDeSeu-NARON

Nace o I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove este novo certame, pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado pola artista Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023)

O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 27 de maio ao 16 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante

As bases completas do I Premio Autobán poden consultarse na seguinte ligazón: https://cutt.ly/Bases-Premio-Autoban-23-24 

A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán de 2024 do Festival Autobán 

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove o I Premio Autobán ao mellor fanzine galego 2023-2024, un novo certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado pola artista Aisha Rey (gañadora da última edición do Combate de Debuxantes de Autobán). O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 27 de maio ao 16 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24.  

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres. A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán 2024 do Festival Autobán. As bases do I Premio Autobán poden consultarse na seguinte ligazón:

https://cutt.ly/Bases-Premio-Autoban-23-24

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

2024.05.27.-NP-Premio-Autoban-23-24_OK

Conferencia O PATRIMONIO INVISIBLE, impartida por Carlos Henrique Fernández Coto, na Casa da Cultura de Vilalba

O IESCHA organiza a conferencia O PATRIMONIO INVISIBLE, impartida por CARLOS HENRIQUE FERNÁNDEZ COTO, presidente de APATRIGAL, que terá lugar o venres 31 de maio de 2024, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba. Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

Entrada libre ata completar aforo.

NOTA-INFORMATIVA-CARLOS-COTO

Andanzas do Suso de Lameliña. FRECHAZO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

FRECHAZO

Tería uns dezasete ou dezaoito anos cando, atopándome na Mariña lucense, decidín ir cuns amigos á festa de San Pedro de Benquerencia. Os que me coñecen ben saben que iso do baile nunca me entusiasmou, nin agora tampouco, polo que decidín arrimarme a un chiringuito e tomar algo.

Nada máis chegar, xa a vin. Estaba alí, soa, con porte altivo, de aquí estou eu, como se fose a dona do lugar. Non lle prestei máis atención e pedín unha cervexa. Tras un trago, volvín a vista cara a ela que, con ollos grandes e curiosos, fixamente me observaba. Ao momento fun consciente de que algo especial acababa de acontecer. Ela, sen dicir nada, comezou a rozarse contra min. Eu non ía ser menos e, en resposta, comecei a acariñala. 

Cando estabamos no mellor do noso tímido encontro, unha voz desafiante interrompeu o idilio:

—Claudia! Condenada, pero onde te metiches? Sempre igual, vaia susto. Que sexa a última vez que me fas isto!

E ela, sumisa e obediente, pero cun último ollar cómplice cara a min, arrincou miañando cara a quen debía ser a súa dona e deixoume só coa San Miguel na man, pensando naquela conexión máxica que só unha gata pode provocar.