‘Prima Facie’, con Vicky Luengo, gaña o Premio do Público do FIOT

Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo bota o pano da súa 32º edición nun ano no que contou con máis de 14.000 asistentes ao longo das súas 62 funcións e nas máis de 20 actividades organizadas arredor das artes escénicas

O Programa de sala acadou a máxima puntuación da súa historia, 4,49 sobre 5, o que referenda a aposta por unha programación ateigada de diversidade, actualidade e contemporaneidade e que defendeu o teatro social como instrumento de reflexión, diálogo sobre a realidade e concienciación

O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, recibe o recoñecemento como Mellor Espectáculo no Certame Metro Cadrado, mentres que Carlota Mosquera é galardoada co premio é Mellor Interpretación polo espectáculo Ninguén tira fotos nos enterros

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despide a súa 32ª edición dando conta do Premio do Público 2023. Prima Facie, de Producciones Teatrales Contemporáneas, cuxa estrea en Galicia tivo lugar no FIOT32, foi recoñecido polas e polos asistentes como a proposta máis salientable deste ano, acadando unha puntuación total de 4,75 sobre 5 puntos. A peza, un texto asinado por Suzie Miller e dirixido polo peruano Juan Carlos Fisher, conta coa actriz Vicky Luengo como protagonista absoluta.  

Alén de Prima Facie, tamén obtivo unha puntuación notable Apaga o candil, a coprodución do FIOT coa Compañía Contraproducións sobre o narrador oral Carlos Díaz ‘O Xestal’, que logo da súa estrea absoluta en Carballo inicia o seu percorrido por Galicia; así como La comedia de los errores,producida polo Festival de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, peza que, baixo a dirección de Andrés Lima, Premio Nacional de Teatro 2019, pechou o Programa de sala desta edición. 

Precisamente esta liña de programación do FIOT acadou este outono a puntuación máis alta da súa historia, ao obter 4,49 puntos sobre os 5 posibles. Neste 2023, o Programa de sala (sobre o que o público emite os seus votos desde hai 27 anos) obtivo a puntuación de sobresaínte, o que referenda a excelencia da programación desta edición do festival, nun ano no que, baixo o lema (in)transixentes, o FIOT avogou non só presentar propostas de gran singulariedade e cunha marcada identidade, senón pola  integración, a transversalidade e a defensa do teatro social como instrumento para a reflexión, diálogo sobre a realidade e concienciación. 

Este FIOT32, ademais, foi unha edición na que o festival avanzou no reto da implementación da sustentabilidade, coa incorporación de espectáculos inclusivos, como a estrea absoluta de É meu amigo ou Sexpiertos, esta última en colaboración co programa Camiño Escena Norte; ademais de presentar unha estrea absoluta (Apaga o candil) con tradución á lingua de signos, da man do Centro Dramático Galego, e a creación dun soporte en vídeo con esta tradución, un recurso que acompañará a función na súa xira polo país. 

Ademais de dar a coñecer o Premio do Público 2023, o FIOT tamén dá a coñecer os galardóns do Certame de Micro Escenas Metro Cadrado. Neste caso, O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, foi o espectáculo mellor valorado polo público, cun 4,63 sobre 5. No eido interpretativo, Carlota Mosquera fíxose co galardón á Mellor Interpretación ao obter un 4,89 sobre 5 polo seu traballo en Ninguén tira fotos nos enterros. 

Máis de 14.500 asistentes 

O Festival Internacional Outono de Teatro 2023 obtivo, ademais, unha excelente resposta por parte do público: máis de 14.000 persoas -de diversas procedencias e idades, tanto da comarca coma doutros puntos de Galicia- asistiron ás funcións ou ás actividades paralelas programadas ao longo desta 32ª edición, celebrada entre o 28 de setembro e o 31 de outubro. Entre elas, ademais, houbo unha importante presenza de profesionais do sector escénico que, un ano mais, acudiu a Carballo. Os 39 espectáculos programados no #FIOT32, que se representaron en 62 funcións (nos ciclos Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, Fiotiño, Fioteen), contaron con 7.137 espectadores. sumando así unha ocupación do 93,19% sobre o total posible no programa de exhibición. 

A programación escénica, ademais, completouse con máis de 20 actividades paralelas organizadas polo FIOT ou coa colaboración doutros axentes, nas que participaron máis de 7.480 persoas. É o caso da exposición sobre Carlos Díaz ‘O Xestal’, das xornadas profesionais, das accións teatrais en institutos da comarca da man de Galetatro, do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, da entrega do galardón Xograresa de Outono a Ana Romaní, das sesións de formación da Escola do Espectador nas Ondas, da proxección do documental Hay alguien en el bosque, das emisións ao vivo e gravacións con público de RTVE desde o Pazo da Cultura, do Zoom FIOT (tanto da mostra sobre a iniciativa no 2022, coma a edición deste 2023), do programa do voluntariado ou mesmo dunha ruta  dramatizada de sendeirismo polo espazo vital de O Xestal, que contou con membros da Aula Municipal de Teatro. Todas elas conformaron unha ampla programación paralela que, novamente, deu conta do interese do FIOT pola creación de públicos e da consolidación do seu compromiso pola creación de teatro. 

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quere agradecer e recoñecer tamén o acompañamento e apoio das 31 institucións, patrocinadoras e entidades colaboradoras que fan posible o desenvolvemento do FIOT e que este ano medraron considerablemente. Ademais de institucións como Concello de Carballo, Xunta de Galicia a través da Agadic, Deputación da Coruña, Ministerio de Cultura y Deporte a través do INAEM e Fundación Luis Calvo Sanz; aos novos patrocinadores do festival, Cafés Lúa, Bodegas Martín Códax e Libraría Brañas; e a Camiño Escena Norte -que este ano seleccionou o FIOT como iniciativa destacada de Galicia-, Escena Galega e RTVE. O festival tamén quere salientar a colaboración dos locais de hostelería de Carballo así como nos 26 espazos nos que se realizaron actividades do programa; das asociacións culturais Alpendre de Oza, Veciños San Salvador, Mulleres Rurais de Sofán ou Senda Nova; e do Centro da Terceira Idade, Centro Dramátigo Galego, Grupo Dimolk, Colectivo RPM, Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Carballo, Bodegas Carballo, Radio Nordés – Cadena SER e centros de ensino secundario de Carballo. 

Por último, a dirección do #FIOT32 quere recoñecer especialmente o labor do seu equipo de voluntariado e agradecer a presenza, compromiso e entrega do corazón do FIOT: o seu público.

PALMARÉS FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO 2023

Premio do Público 2023
Prima Facie, de Producciones Teatrales Contemporáneas

VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado
Mellor espectáculo: O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental
Mellor interpretación: Carlota Mosquera por Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera

20231118-NP-Premio-do-Publico-FIOT32-e-balance

O cuarteto vocal SON DE CORDA presenta o proxecto musical e literario “Na Casa Deles”, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 18 de novembro, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María, o cuarteto vocal Son de Corda presentará, en concerto, Na Casa Delesun proxecto musical e literario baseado en distintos escritores lucenses que xa non están fisicamente entre nós. Concretamente en Darío Xohán Cabana, Uxío Novoneyra, Lorenzo Varela, Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro e Manuel María. 

Esperanza Iglesias, soprano, Carmen Prendes, contralto, Fernando G. Jácome, tenor, e Antón Castro, baixo, fan parte de Son de Corda. Os catro, interpretarán un poema de cada un dos seis escritores, alén doutras pezas, acompañados do pianista Raúl Rodríguez e a violinista Aldara Palmeiro. 

Durante o concerto, proxectaranse sete curtas feitas por Manuel Lucas Mariño en distintos lugares vinculados aos propios escritores, e onde persoas coñecedoras das súas obras salientan a relación dos espazos ou lugares, recollidos nas imaxes, cos poetas homenaxeados no proxecto. 

A entrada é libre até cubrir o aforo mais é necesario facer reserva no seguinte enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

XORNADAS ARREDOR DAS IRMANDIÑAS: MULLERES PARA A HISTORIA DE NOSO, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos e o Consello da Cultura Galega, en colaboración co Concello de Vilalba, organizan as XORNADAS ARREDOR DAS IRMANDIÑAS: MULLERES PARA A HISTORIA DE NOSO que se levarán a cabo na Casa da Cultura de Vilalba, os días 17 e 18 de novembro de 2023.

Pódese consultar toda a información ampliada no seguinte código QR

TRÍPTICO INFORMATIVO

NOTA_INFORMATIVA_XORNADAS-2023

Xisco Feijoó despídese da xira ‘Peixe’ con dous concertos finais en Lugo e Vigo

O cantareiro e bailador ofrecerá os derradeiros directos do proxecto o 29 de novembro no auditorio Gustavo Freire e o 1 de decembro no Teatro Afundación; serán citas nas que se acompañará dun feixe de colaboradoras e amizades, celebrando por todo o alto a despedida do espectáculo, que mutará noutra proposta
Peixe foi un reto e un soño. Foi un mundo de aprendizaxes, emocións e vivencias. É o fillo que nunca tiven. Levareino sempre gravado na alma e na pel”, asevera Xisco

Xisco Feijoó soterra Peixe este outono. O cantareiro, instrumentista e bailador despídese da actual xira de presentación do seu primeiro proxecto en solitario por todo o alto. Farao con dous derradeiros directos que terán lugar en Lugo e Vigo os días 29 de novembro e 1 de decembro, respectivamente, e nos que o artista se acompañará tanto da súa banda como de numerosas creadoras e amizades sobre o escenario, entre as que se atopan Fran Sieira, Andrea Pousa, as pandeireteiras d’O Fiadeiro ou mesmo a chelista estadounidense Natalie Haas. 

Cada concerto, ateigado de música, danza e arte, será único e irrepetible. Será a celebración da vida dun proxecto que, a partir do vindeiro ano, se transformará con novas cores e sonoridades. As entradas para estas actuacións, ou “metamorfose do Peixe”, como sinala o artista, xa están á venda nas platataformas www.enterticket.es (Lugo) e www.ataquilla.com (Vigo). 

Xisco Feijoó lanzou Peixe no mes de xullo de 2021. Desde entón o artista, unha das figuras clave na recuperación de música tradicional galega durante as décadas do 80, 90 e primeiros 2000 ofreceu case medio cento de actuacións en localidades das catro provincias galegas, ademais doutros municipios da península, como Madrid, Bilbao, Valencia, Segovia e Plasencia; ou mesmo de Europa, na que temas como Animal ou Caracoles soaron en Xenebra, Munich, Hamburgo, Frankfurt e Varsovia.

Agora, Xisco Feijoó regresa a dúas das cidades galegas que acolleron a presentación de Peixe. Volve para despedir, dun xeito único, un proxecto que marcou todo un fito na súa carreira artística: logo de máis de trinta anos de incesante labor de recuperación etnográfica, nos que recolleu e deu vida a numerosas melodías e ritmos tradicionais, e de colaboracións en numerosos proxectos do país; o artista publicou un traballo discográfico no que ofreceu unha novidosa mirada contemporánea sobre a música tradicional. Dous anos despois, o creador dá a despedida “a un ilusionante proxecto que naceu no cerne da pandemia e que agora tomará novas formas, como parte desa metamorfose que todas e todos os artistas experimentamos grazas ás experiencias vividas”. 

Peixe representou un reto de moitos anos”, sinala Xisco Feijoó, quen asevera que este album fixo que se aproximara “a un mundo e pantone enteiro de emocións, vivencias e aprendizaxes”. “A creación deste disco e do espectáculo foi unha experiencia única, un soño. Peixe é o fillo que nunca tiven e é algo que vou levar gravado na alma e na pel”, di, ainda que advirte que “non meterá os temas na caixa, senón que se transformarán para ter outra vida en futuros espectáculos”. 

Así, este outono Xisco Feijoó di adeus a Peixe tal e como lle deu a benvida: acompañado dun bo feixe de músicas do país e colaboradoras doutros recunchos do mundo. En primeiro lugar, contará cunha numerosa banda conformada por Miryam González, Pipo Alvariño, Galen Fraser, María San Miguel, José Manuel Díaz, Marilú Campos, Antón Pombar e Sandra Costa. En segundo, en cada un dos concertos haberá colaboracións especiais de instrumentistas, cantareiras, bailadores e pandeireteiras.

Así, a primeira das citas chegará o mércores 29 de novembro. Será no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Xisco Feijoó acompañarase, a partir das 20.30 horas, tanto da súa banda coma de Laura Burgué (gaita), Branca Villares (voz e percusión), David Vilares (voz), Xabi Iglesias (baile) e as pandeireteiras de Cántigas e Frores. As entradas para esta actuación están dispoñibles en www.enterticket.es 

A derradeira volta para darlle a despedida ao Peixe será na súa cidade, Vigo, e nun recinto moi especial para o creador, que visitou en numerosas ocasións con O Fiadeiro. O venres 1 de decembro, o Teatro Afundación (García Barbón) será o escenario que acolla o directo, a partir das 20.30 horas. Será un festivo e alegre “enterro” do Peixe, unha singular metamorfose na que Xisco sairá ao escenario con artistas como Natalie Haas (cello), Andrea Pousa (voz), Fran Sieira (baile), Luis Lavado (voz), María e Luís Prego (baile), María Vidal (voz e percusión) e das pandeireteiras de O Fiadeiro. As entradas xa están á venda no espazo web www.ataquilla.com

20231110-NP-GAL-Despedida_metamorfose-Peixe

IX Congreso de Poesía Nova. Novas Voces da Poesía

IX Congreso de Poesía Nova. Novas Voces da Poesía

Do 24 de novembro de 2023 ao 25 de novembro de 2023

Co apoio da Deputación da Coruña e CEDRO

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza o Congreso de Novas Voces da Poesía os días 24 e 25 de novembro de 2023, que terá lugar no Pazo de Mariñán (Bergondo).

O programa é o seguinte:

Venres 24 de novembro:

– 12.00 Conferencia de prensa na Deputación da Coruña

Tarde

– 16:00 Recepción dos/as congresistas

– 16:15 Inauguración do Congreso

– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Os novos públicos da poesía e vínculos con outras artes e soportes
Moderadora: Rosalía Fernández Rial
Relatoras/es: Nuria Vil, Lucía Aldao e O Rabelo

– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Edición, profesionalización. Novos camiños?
Moderadora: Antía Otero
Relatoras/es: Berta Dávila, Alba Cid e Brais Lamela
 
Sábado 25 de novembro
 
Mañá

– 10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Internacionalización da poesía galega e diálogo con outros sistemas poéticos
Moderador: Eduard Velasco
Relatoras/es: Lara Dopazo Ruibal, Jesús Castro Yáñez e Samuel Solleiro

– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Poesía. Unha visión de xénero e identidades
Moderadora: Andrea Nunes Brións
Relatoras/es: Daniel Asorey, Diana Kurich e Ánxela Lema París
 
Tarde

– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Poesía e lingua
Moderadora: Patricia Torrado Queiruga
Relatoras/es: Daniel Irimia, Martiño Maseda e Branca Trigo Cabaleiro

– 19.00 Acto poético-musical. Lois Pérez

Enlace á videoteca da actividade, onde se poden visualizar vídeos coas intervencións d@s poetas participantes no Congreso de Poesía Nova

https://www.aelg.gal/actividades/encontro-de-escritoresas-novosas/2023/11/24/ix-congreso-de-poesia-nova-novas-voces-da-poesia/video

*Información facilitada pola AELG

100 VOLTAS, proxecto musical liderado por Verónica Codesal, compoñente de IALMA, soará este domingo na Casa-Museo Manuel María

100 VOLTAS, proxecto musical liderardo por Verónica Codesal, soará este domingo, día 12 de novembro, ás 12.30 h, na Casa-Museo Manuel María. A música galaico-belga, que ten as súas orixes familiares en Guitiriz, estará acompañada polo acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici. O concerto da Casa-Museo Manuel María será o único concerto, desta nova xira do grupo por Galiza, que se leve a cabo na provincia de Lugo. 

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) no whatsapp 698177621 ou en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.