SINSAL publica as ‘Sesións San Simón’, gravacións que as bandas e solistas rexistraron en cilindro fonográfico

Sinsal publica as ‘Sesións San Simón’, as gravacións en cilindro fonográfico nas que participaron as artistas da pasada edición do festival


Os rexistros, realizados polo experto Aleks Kolkowski, pódense escoitar a través da páxina web da promotora do Sinsal,  www.sinsalaudio.es. O cineasta vigués Álex Cancelo tamén recolleu en vídeo as gravacións, cuxas primeiras pezas amosan a participación de Hatis Noit, Fillas de Cassandra ou Ana Lua Caiano nesta proposta, aberta ao público durante a celebración do evento

Xa están dispoñibles en aberto as primeiras Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas durante a pasada edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia polo experto Aleks Kolkowski. Os primeiros audios, que se acompañan ademais dunha peza audiovisual, pódense escoitar a través da páxina web da promotora do evento, Sinsalaudio. As Sesións San Simón forman parte das actividades paralelas do Sinsal, que cada verán se celebra na illa de San Simón. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera.As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente.

Ademais do rexistro da canción, Sinsal recolle tamén esta gravación en vídeo da man do cineasta vigués Álex Cancelo. As piezas audiovisuais pódense visualizar a través do web www.sinsalaudio.es, na que xa están dispoñibles as sesións nas que participaron Hatis Noit, Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Duo Ruut, Dal:um, Leenalchi ou AGD7. 


Enlaces directos ás Sesións San Simón do Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2023

Vídeo e audio da Sesión San Simón con Hatis Noit
Vídeo e audio da Sesión San Simón con Dal:um
Vídeo e audio da Sesión San Simón con AGD7
Vídeo e audio da Sesión San Simón con Duo Ruut
Vídeo e audio da Sesión San Simón con Leenalchi
Vídeo e audio da Sesión San Simón con Ana Lua Caiano
Vídeo e audio da Sesión San Simón con Fillas de Cassandra

Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024 celebrará a súa nova edición na illa de San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo. O evento cultural do cartel secreto, que o público só descubre ao desembarcar, volverá ofrecer unha programación musical caracterizada pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo a última fin de semana de xullo. Alén das actuacións, durante o festival sucédense numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, ou á recuperación dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas como as Sesións San Simón

20240209-NP-Sesions-San-Simon

Exposición VOCES PALESTINAS QUE CONTAN na Casa da Cultura de Vilalba

Exposición VOCES PALESTINAS QUE CONTAN

Da Biblioteca Agustín Fernández Paz

IES BASANTA SILVA DE VILALBA

Do 13 de febreiro ao 12 de marzo de 2024

CASA DA CULTURA DE VILALBA

O Instituto de Estudos Chairegos organiza na Casa da Cultura de Vilalba a Exposición VOCES PALESTINAS QUE CONTAN, montada pola Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva

Permanecerá aberta ao público dende o 13 de febreiro ata o 12 de marzo de 2024.

Maneiro presenta o seu último disco, ‘Un bonito despertar’, en sete localidades galegas

O cantante e compositor actuará nos meses de febreiro e marzo en salas de concertos e teatros de Boiro, Ourense, A Coruña, Lugo, Vigo, Ferrol e Pontevedra; e as entradas están á venda desde hoxe a través das plataformas www.enterticket.es e www.ataquilla.com

Javi Maneiro iniciará no mes de febreiro a xira de presentación do seu último álbum, Un bonito despertar, por teatros e salas de concertos de Galicia. O cantante e compositor dará así a coñecer o seu cuarto disco, publicado a pasada primavera e que agora por fin poderá compartir ao vivo, plenamente, co público galego.

En total serán catro fins de semana nas que Maneiro visitará sete localidades galegas. A xira, que conta co apoio da Xunta de Galicia, comezará o 3 de febreiro en Boiro e, ao día seguinte, o domingo 4, o cantante desprazarase a Ourense. Despois do Entroido, Un bonito despertar presentarase no Playa Club de A Coruña o sábado 17, mentres que na Sala Jagger de Lugo o directo terá lugar o domingo 18. Xa de cara á fin de semana seguinte, Maneiro estará no Master Club de Vigo (sábado 24) e no Centro Torrente Ballester de Ferrol (domingo 25). Finalmente, a xira de inverno pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.

Maneiro móstrase “moi ilusionado” por comezar esta serie de directos polas catro provincias logo da presentación oficial que tivo lugar, o pasado mes de xuño, na Sala Capitol. Agora, o cantante poderá compartir co seu público os temas do seu cuarto disco, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Sobre o escenario, Maneiro acompañarase dunha banda conformada por Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).

Os billetes (10 euros máis gastos de xestión) para asistir aos concertos de presentación de Un bonito despertar pódense adquirir desde hoxe mesmo a través das plataformas  www.enterticket.es (para os directos de Boiro, A Coruña, Lugo e Vigo) e www.ataquilla.com (Ourense, Pontevedra e, proximamente, Ferrol).


Biografía Maneiro

Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido


No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro iniciará o vindeiro 3 de febreiro unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.



Datas e enlaces das entradas – Xira de presentación Un bonito despertar

03.02.2024 Boiro | A Pousada das Galicia Imaxinaria, 22.00 horas
04.02.2024 Ourense | Teatro Principal, 20.00 horas
17.02.2024 A Coruña | Playa Club, 22.30 horas
18.02.2024 Lugo | Sala Jagger, 19.00 horas
24.02.2024 Vigo | Master Club, 22.30 horas
25.02.2024 Ferrol | Centro Torrente Ballester, 19.00 horas
02.03.2024 Pontevedra | Teatro Principal, 22.00 horas

20240117-MANEIRO-presenta-o-seu-novo-LP-en-sete-localidades-de-Galicia

IRIBARNE chega esta fin de semana a Santiago de Compostela coas xa entradas esgotadas

O Auditorio de Galicia acolle este sábado 20 de xaneiro, ás 19.00 horas, o novo espectáculo de ButacaZero, unha revisión da figura de Fraga en clave de humor escrito por Esther F. Carrodeguas, con dirección de Xavier Castiñeira

A función enmárcase dentro do ‘Foco Esther F. Carrodeguas’, programa de Compostela Cultura que esta temporada reunirá tres dos máis recentes traballos da dramaturga e actriz coa súa compañía ButacaZero: a mencionada IRIBARNE e as pezas O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadas, que se van representar xa no mes de maio

Ademais, o venres 19 de xaneiro, ás 19.00h, tamén no Auditorio de Galicia, Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira ofrecerán un encontro aberto ao público dentro das accións #conversando promovidas por Compostela Cultura

IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

Este sábado, 20 de xaneiro, ás 19.00 h, IRIBARNE, o novo espectáculo de ButacaZero, aterra en Santiago de Compostela, coas entradas xa esgotadas desde hai semanas. Trátase da celebrada revisión da figura de Manuel Fraga Iribarne en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas, con dirección de Xavier Castiñeira. A peza foi estreada con éxito en Galicia a pasada fin de semana, no concello natal do político, Vilalba, con todo o patio de butacas en pé entre aplausos ao finalizar a obra.

A función que chega agora a Santiago enmárcase dentro do ‘Foco Esther F. Carrodeguas’, programa de Compostela Cultura que esta temporada reunirá tres dos máis recentes traballos da dramaturga e actriz coa súa compañía ButacaZero: a mencionada IRIBARNE e as pezas O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada (proposta en primeira persoa na que Carrodeguas se ispe ante o público falando de gordofobia) e Rapadas (lectura performativa sobre as rapadas da Guerra Civil española que acontecerá na Igrexa da USC), que se van representar xa no mes de maio. 

Máis aló da función do sábado 20, o venres 19 de xaneiro, ás 19.00h, tamén no Auditorio de Galicia, os artistas ofrecerán un encontro aberto ao público dentro das accións #conversando promovidas por Compostela Cultura (de acceso libre ata completar a capacidade da sala).

Logo da súa celebrada presentación en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo esgotando todas as entradas e acadando o aplauso unánime do público e da crítica, este 2024 IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia-atópase de xira por toda a xeografía galega e numerosas cidades españolas, con datas xa confirmadas en Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria.

IRIBARNEé o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. 

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.

Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e embarcarse neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNEofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín#camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas, case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

MÁIS INFO: 

XIRA IRIBARNE | DATAS CONFIRMADAS

Vilalba ESTREA EN GALICIA

Auditorio Municipal Carmen Estévez | sábado 13 xaneiro | 19.00 h

https://entradasvilalba.es/evento/teatro/iribarne-1 | ENTRADAS ESGOTADAS

Santiago de Compostela I Auditorio de Galicia | sábado 20 xaneiro | 19.00 h

https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/iribarne | ENTRADAS ESGOTADAS

Miranda del Ebro I Teatro Apolo | venres 26 xaneiro | 20.30 h

https://entradas.tourmiranda.es/TicketMiranda/programacion/Pases/displayPase/f41b9dac9107e38b28ae5cc6b112dc24

Pontevedra I Pazo da Cultura de Pontevedra | xoves 8 febreiro | 20.00 h

Barco de Valdeorras I Teatro Municipal Lauro Olmo | venres 23 febreiro | 21.00 h

Vilagarcía de Arousa I Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa | 24 febreiro | 20.00 h

A Coruña | Teatro Rosalía de Castro | venres 15 e sábado 16 marzo | 20.30 h

https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/teatro-rosalia-castro/16890–ciclo-principal-primavera-2024-iribarne-de-esther-carrodeguas.html

Lugo I Auditorio Municipal Gustavo Freire | xoves 11 abril | 20.30 h

https://entradaslugo.es/evento/iribarne?type=teatro

Tomiño I Auditorio Municipal de Goián | sábado 20 abril | 21.00 h

Cangas I Auditorio Municipal de Cangas (Auditorio Xosé Manuel Pazos) | ¡ 4 maio | 20.00 h

Bilbao I Teatro Arriaga | xoves 9 maio | 19.30 h

https://www.teatroarriaga.eus/programacion/iribarne/#entradas-arriaga

Narón I Pazo da Cultura | sábado 18 maio | 20.00 h

Vitoria I Teatro Principal de Vitoria | venres 7 xuño | 19.30 h I https://principalantzokia.janto.es/

Ribadavia I Auditorio do Castelo | MIT Ribadavia 2024 (19-27 xullo)

20240117-NP-Compostela-IRIBARNE

O Festival Sinsal, mellor iniciativa cultural musical de Galicia segundo o Observatorio de la Cultura – Fundación Contemporánea


A Fundación Contemporánea, a través do seu Observatorio de la Cultura, vén de publicar o informe “Lo mejor de la cultura 2023”

O Festival Sinsal, que se celebra cada verán na illa de San Simón e que promove a produtora viguesa Sinsalaudio, mantense por segundo ano consecutivo como a 2º iniciativa cultural mellor valorada polos profesionais do sector en Galicia. Así, Sinsal acada de novo esta posición manténdose, á vez, como o festival de música de Galicia mellor valorado segundo o informe “Lo mejor de la cultura 2023” da Fundación Contemporánea.  

O Festival Sinsal apareceu por vez primeira no informe no ano 2016. Desde entón, sempre permaneceu entre as nove primeiras posicións da lista de Galicia. Cómpre destacar, ademais, que por segundo ano consecutivo é tamén a iniciativa cultural máis destacada da provincia de Pontevedra.

A nivel nacional, na clasificación das iniciativas culturais mellor valoradas polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible, o Sinsal sube do 15 ao 9º posto da lista, unha mención que referenda o compromiso que o Festival Sinsal mantén cos ODS e o impacto positivo, e que reforza en cada nova edición Precisamente, o pasado mes de outubro, o evento recolleu o Premio Fest 2023 (outorgados pola industria de festivais en España) pola Sostibilidade ambiental. 

O informe completo pódese consultar neste enlace. Os directores do festival, Julio Gómez e Luis Campos, están dispoñibles para ofrecer declaracións. 

Presentación do libro “De entre as tebras”, de Alex Pernas, o 22 de xaneiro na Coruña

Alex Pernas presenta na Coruña o seu libro “De entre as tebras”

A cita terá lugar o luns 22 de xaneiro ás 19:30 no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda

Trala publicación de Xarfas e A Paga, Alex Pernas (A Coruña, 1986) escribe este novo libro de relatos no que, camiñando da man dos seres e lugares da mitoloxía galega, amosa de novo o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella.

A través de diferentes épocas e viaxando entre o urbano e o rural, estas páxinas farán un percorrido por todo o territorio galego escoitando, na propia voz de moitas das protagonistas e cos trazos dialectais que as caracterizan, a realidade que hai detrás dos contos de demos, trasnos, espíritos e meigas.