Alex Pernas presenta na Coruña o seu libro “De entre as tebras”
A cita terá lugar o luns 22 de xaneiro ás 19:30 no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda
Trala publicación de Xarfas e A Paga, Alex Pernas (A Coruña, 1986) escribe este novo libro de relatos no que, camiñando da man dos seres e lugares da mitoloxía galega, amosa de novo o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella.
A través de diferentes épocas e viaxando entre o urbano e o rural, estas páxinas farán un percorrido por todo o territorio galego escoitando, na propia voz de moitas das protagonistas e cos trazos dialectais que as caracterizan, a realidade que hai detrás dos contos de demos, trasnos, espíritos e meigas.