The Rapants gaña no WiZinK o certame de bandas ‘Último Acorde x Johnnie Walker’

The Rapants gaña o certame de bandas ‘Último Acorde x Johnnie Walker’ celebrado esta fin de semana no WiZink

A banda muradá conquistou ao público e ao xurado coa interpretación do seu himno La mítica e cunha versión de El Farsante, de Ozuna

La máquina del buen rollo chegou a Madrid para coroar a The Rapants como a banda gañadora do certame Último Acorde x Johnnie Walker, celebrado este venres 26 pola noite en La Sala do WiZink Center. Xurado e o público coincidiron de forma unánime en premiar ao grupo muradán logo da interpretación do seu himno La mítica e unha curiosa versión do tema El Farsante, de Ozuna. Matías, Samu, Xanma e Xaquín despregaron todo o seu talento sobre o escenario para fascinar ás e aos asistentes, que non dubidaron en berrar, con eles, o seu xa imprescindible lema “Somos juapísimos”.

O certame, promovido polo proxecto de difusión musical Último Acorde, contou na súa final coa participación da banda muradá, ademais de Éxtasis, Marenitas e Venturi. O xurado,  conformado pola artista Cris Fuertes, o produtor Guille Mostaza e o músico Noni Meyers -cantante de Lori Meyers- escolleu a The Rapants como a mellor banda desta edición.

Este sábado 27 continúa a xira de presentación de La máquina del buen rollo. The Rapants levará o seu potente directo esta tarde a Ordes, á Festa do Champiñón, mentres que o martes 30 visitará Outes para actuar no Pampallín.

Xa en maio, Matías, Samu, Xanma e Xaquín formarán parte de citas como Agalega Fest (sábado 4, Muimenta), Terraceo (sábado 11, Vigo), Ourensound (venres 24) e o Festival de Cans (sábado 25, Porriño).  En xuño actuarán no Surfing The Lérez e no mes de xullo e agosto serán parte do cartel do Portámerica, as Festas do Albariño e o SonRías Baixas. A seguinte cita confirmada polos rapantes é o festival Osa do Mar, en setembro, en Burela.


Máis información: www.therapants.es 

Andanzas do Suso de Lameliña. FALCATRUADA AFECTUOSA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

FALCATRUADA AFECTUOSA

Ás veces, é necesario e mesmo saudable romper coas normas. Iso foi o que fixen hoxe á tarde, cando, en compañía do meu amo, decidín gastarlle unha pequena faena. Non podedes imaxinar canto me rin. Fíxeno sufrir abondo, e ao final, ata sentín un pouco de pena por el, meu pobre! Sei que no fondo me ten aprecio e me quere ben, e despois do de hoxe, máis me vai estimar, abofé. Quedou de pedra, sen dar creto ao que lle viña de suceder e, cando xa se daba por vencido, determinei botarlle unha man.

Debedes estar preguntándovos que foi o que realmente aconteceu. Pois ben, é moi sinxelo: aproveitando unha ráfaga de vento —que esta tarde se facía sentir con forza na cidade das murallas—, escapei sen deixar rastro e agacheime baixo un Opel Corsa, xusto ao lado da roda traseira dereita, ben agochadiño. E el, a buscar e rebuscar por todos os recunchos sen atopar nada, mirando debaixo dos coches sen máis éxito. O seu querido panamá non aparecía por ningures. “Non hai nada que facer, só Deus sabe onde pode estar”, murmuraba entre dentes. Xa estaba a piques de renunciar á busca cando asomei un chisco e, nese intre… Viume e correu cara a min. O berro que soltou debeuse escoitar na outra punta da cidade. A xente que pasaba por alí, unha rúa bastante transitada, quedou mirando para el como se fose un tolo. Pero o home estaba feliz, colleume con máis agarimo do habitual, deume un bico e colocoume coidadosamente enriba da cabeza, asegurándose de que non se me ocorrese volver facer outra das miñas aduanadas.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: MIRÁMONOS

Mirámonos, amor,

no que xa non somos.

E asemade somos

mirados polo abismo.

Polo abismo estendido

de ollos interrogadores.

Polo abismo que ignora

que non temos respostas.

Que aínda non ou xa non.

E que as que posuímos

forman parte do espazo

que acedo nos observa.

Que nos observa xélido

coas súas cuncas baleiras.

Que observamos efémeros

cos nosos ollos ardentes.

Presentación do libro DE ENTRE AS TEBRAS, de Álex Pernas, na Casa da Cultura de Vilalba

O venres 3 de maio ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos organiza a presentación do libro De entre as tebras, do coruñés Alex Pernas, un libro de relatos no que, camiñando da man dos seres e lugares da mitoloxía galega, amosa o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella. Intervirán o propio autor, Alex Pernas, e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. 

NOTA-INFORMATIVA-DE-ENTRE-AS-TEBRAS

Fillas de Cassandra e Rebeliom do Inframundo crean unha sobrecolledora oda á superación en ‘Contra vento e marea’

O tema preséntase acompañado dun videoclip gravado no litoral da ría de Vigo, que amplifica aínda máis a profunda carga emotiva, e ao tempo combativa, da canción

Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra veñen de asinar a súa primeira colaboración, Contra vento e mareaO tema, que xa está dispoñible nas plataformas dixitais, preséntase como un arrebatador, cómplice e fascinante xogo de contrastes entre dúas formacións esenciais na actual escena da música galega. O sinxelo demostra que a confluencia entre as dúas bandas que agromaron en Vigo é natural, enriquecedora e proveitosa para a música do país.

Contra vento e marea, explica Nervo, é “unha oda á superación, a remar contracorrente, a manterse a flote, a sobrevivir no medio desta puta loucura”. É un canto a non deixarse levar pola ira, mesmo sendo conscientes que hai razóns dabondo para que a ira aflore. “É unha canción chea de orgullo, forza e valor, evocadora de todo tipo de sentimentos precisos para vencer á frustración», expón. Ao fío, María SOA e Sara Faro salientan “a forza e a colectividade” que se desprende da peza. “Como di o tema, somos rochas contra as que bate o mar. Contra todos os contratempos que poidan vir, ímonos manter firmes e mirar cara adiante”, apuntan. 

Nesta primeira colaboración, Rebeliom achégase a un rexistro poético conmovedor e descarnado, cunha colosal carga emotiva, mais sen deixar, en ningún momento, a súa esencia combativa. “Som o som das ondas à beira do mare, o latejo, a espuma branca, o nosso lare, a costa e dureza. Puto, nom todo vale. Ilhas Atlânticas freando tempestade”, rapea Nervo sobre os beats de 2Pasøs e Frank Huxley. Pola súa banda, Fillas de Cassandra expoñen, dun xeito vehemente e apaixonado, a fortaleza que reside nelas. “Nas augas do inframundo fazemos o nosso mare”, cantan María SOA e Sara Faro nos primeiros compases do tema.


CREACIÓN COLECTIVA

A idea da colaboración entre Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra xurdiu hai un ano, nun encontro entre uns e outras. “Foi a primeira colaboración que nos ofreceron e, desde o inicio, cadramos xenial, xa que ambas formacións sentimos admiración pola outra”, contan María e Sara. 

A construción foi colectiva. “Nós tiñamos unha melodía gardada con cariño e soubemos que ese era o momento de compartila. Esa melodía foi inspiradora para todas, comezamos a construír o tema todas á vez”, explican Fillas de Cassandra. 

“As Fillas tiñan a súa parte, eu compuxen a letra que canto e Malvares o poema que soa ao remate. A partir de aí foi chegar ao estudio e xurdiu todo dun xeito supernatural. Fixémolo xa todo. A seguinte vez que nos xuntamos foi para gravar o videoclip”, lembra Nervo.

O resultado, Contra vento e marea, é pura harmonía e fusiona, dalgún xeito, dúas propostas que, lonxe de manifestarse antagónicas, se amosan en feliz comunión. Rebeliom e Fillas non suman, multiplican. Multiplicánse as emocións, o caracter evocador. Multiplican a súa potencia pero tamén a súa sensibilidade. Son as filhas do sol e os piratas con ron dos que fala a letra da canción. Vento em popa a toda vela e com decisom.


EMOCIONANTE VIDEOCLIP 

A canción chega acompañada dun emotivo e sobrecolledor videoclip realizado por IzanMG,  gravado no litoral de Vigo, e que se pode ver na canle de Youtube de Rebeliom do Inframundo. A peza audiovisual, na que participan as dúas bandas, relata a historia dunha traxedia no mar mesturada coa idea de superación fronte as adversidades e de situar o amor, a amizade e a solidariedade por enriba de calquera outro valor. 


FILLAS DE CASSANDRA XIRA COAS ÚLTIMAS DIONISÍACAS

María SOA e Sara Faro seguen a sumar novas datas na súa xira Últimas Dionisíacas, na que revisan os temas do seu primeiro álbum, Acrópole, desde un punto máis escuro e electrónico, así como novas creacións ou mesmo algúns dos sinxelos que foron publicando nos últimos meses. É o caso de pezas como Tola, Tataravoa, Quen é a que canta? ou ANGULEELE). Nos últimos días, eventos como Festivala, Poborina Folk,  Tradicionarius ou 13Roeis anunciaron a presenza do dúo nas súas novas edicións. 

Estas son as vindeiras datas da xira Últimas Dionisíacas de Fillas de Cassandra.

  • 5 de maio. Barcelona. Tradicionarius.
  • 11 de maio. Ponferrada. Sala H
  • 24 de maio. Ourense. OurenSound Fest. 
  • 25 de maio. Muras. VIII Romaxe artesá da Chaira.
  • 1 de xuño. Madrid. Sala El Sol. 
  • 8 de xuño. Vilagarcía de Arousa. Festivala. 
  • 21 de xuño. Teruel. Poborina Folk.
  • 22 de xuño. Oviedo. VESU Festival.
  • 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest. 
  • 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
  • 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
  • 2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
  • 23 ao 24 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
  • 30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
  • 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas. 

20240425-NP-Contra-vento-e-marea