Un Camiño Escena Norte máis expansivo procura o sorriso do público nas 38 sedes da súa cuarta edición 

A praza do Obradoiro acolleu esta mañá a presentación da iniciativa, cuxa programación oficial, que conta con máis participantes e recintos ca nunca, terá lugar do 10 de setembro ao 9 de outubro

O proxecto de intercambio de artes escénicas, que conta co apoio da Xunta de Galicia, ofrecerá espectáculos de teatro, danza e novo circo en Santiago, Arzúa, Lugo, Ames, Vilalba, Viveiro e Carballo


Máis compañías, máis espectáculos, máis territorios, máis propostas. A cuarta edición de Camiño Escena Norte (CEN) expándese no seu compromiso de promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, este ano, tamén Navarra. Ao abeiro do lema Medran os sorrisos, CEN 2022 contará cunha programación especial que se celebrará do 10 de setembro ao 9 de outubro, na que participarán 15 compañías de teatro, danza e novo circo mostrando os seus espectáculos nas 38 sedes desta edición do proxecto. 

A praza do Obradoiro acolleu esta mañá a presentación oficial de Camiño Escena Norte 2022, acto no que se deron cita representantes institucionais dos gobernos autonómicos e provinciais implicados na proposta; así como de Vegalsa-Eroski, patrocinador do evento, membros das compañías galegas (Marta Alonso Tejada, Fran Sieira Compañía de Danza, Pistacatro e ButacaZero) que formarán parte do programa escénico deste ano; e da xunta directiva da ESAD de Galicia, como parte da nova liña de programación na que CEN porá en contacto directo ao alumnado de artes escénicas con profesionais en activo. 

 No caso galego, no que o programa cultural conta co apoio destacado da Xunta de Galicia, a comunidade contará cun total de sete sedes. Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela, Vilalba e Viveiro acollerán a representación de oito espectáculos, alén de diferentes actividades de contacto directo entre artistas e público ao finalizar as funcións, ou mesmo do encontro profesional Habitación Peregrina PRO (13 ao 15 de setembro en Lugo).

A primeira cita será o 10 de setembro na Praza da Quintana (Santiago) coa navarra La Banda Teatro Circo e o seu espectáculo ‘Kimera’. Á fin de semana seguinte, a Capela da Madalena, en Arzúa, será o escenario da proposta infantil ‘La niña de las trenzas al revés’, da compañía asturiana El Callejón del Gato. Pola súa banda, o Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá dúas funcións nunha mesma fin de semana: o 29 de setembro será a quenda dos vascos Erre Produkzioak e o seu ‘Fake (trampantojo)’, mentres que o día 2 de outubro a compañía cántabra Escena Miriñaque presentará ‘Del otro lado’. 

De cara á fin de semana seguinte chegará o groso da programación de CEN 2022 en Galicia. Os días 7 e 8 de outubro, o espectáculo ‘Mímesis’, de Zig Zag Danza (recomendado para público de entre 0 e 3 anos), achegarase a Ames e Vilalba; mentres o sábado 8 que ‘El Enjambre’, da vasca Vaivén Producciones, poderase ver en Viveiro, e ‘La caja flotante’, do navarro Ion Iraizoz, formará parte da programación do FIOT de Carballo. Finalmente, a Cidade da Cultura acollerá o espectáculo de peche deste Camiño Escena Norte: será da man da obra para público familiar ‘El secreto de Julio Verne’, de Fantastique Company (Asturias). 

15 compañías participantes no Itinerario Constelacións

A cuarta edición de CEN conta con importantes novidades. Entre elas, o récord de compañías participantes (un total de 15) no circuíto de representacións, no que destaca tamén a inclusión da provincia de Araba (completando así a programación de Euskadi) e da Comunidade Foral de Navarra. Deste xeito, CEN ampliando e expande a súa presenza no territorio fiado, simbolicamente, pola ruta xacobea que percorre o norte da Península Ibérica. 

Galicia exportará talento aos demais territorios grazas á representación das compañías Marta Alonso Tejada, co seu premiado espectáculo ‘Bailar AgoraFran Sieira Compañía de Danza, con ‘DeMente-do que se avanzou esta mañá na presentación un pequeno fragmento da peza- e Pistacatro, con ‘Sonámbulo’. As tres compañías viaxarán nos meses de setembro e outubro, grazas a CEN 2022, a localizacións como Oviedo, Bilbao, Santander, Eibar, Vitoria, Laredo ou Viana para dar boa conta das súas propostas artísticas. 

Camiño Expandido

Canda o Itinerario Constelacións convive o programa Camiño Expandido, que abrangue toda a actividade alén do circuíto de funcións. O crecemento desta cuarta edición reflíctese tamén no reforzo dos Cruzamentos, no aumento das compañías inscritas no Habitación Peregrina PRO ou na estrea deESADS no Camiño. O proxecto completarase con coloquios en liña -que se celebrarán a semana que vén- e os habituais encontros co público logo das representacións. 

O programa Cruzamentos, deseñado para promover o encontro artístico e profesional entre compañías, é a pedra angular de Camiño Escena Norte. Esta rede de estancias de creación escénica e intercambio artístico e profesional entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi comenzou o 11 de agosto e finalizará o 10 de setembro. As galegas ButacaZero, Kirenia Danza e Olivas Negras participan nel.

Por outra banda, CEN estrena neste 2022 ESADS en Camiño, un programa de colaboración coas Escolas Superiores de Arte Dramático (ESAD) de Galicia e Asturias e a de Arte Dramático e Danza de Euskadi, Dantzerti. O alumnado das tres escolas entrará en contacto directo cos profesionais en activo que interveñen nesta cuarta edición do CEN a través de encontros, obradoiros sobre diversas disciplinas artísticas e prácticas que lles permitirán coñecer, desde a proximidade, un día de traballo dunha compañía en xira. 

Ademais, entre o 13 e o 15 de setembro, o Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo acollerá a terceira edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que conta con 44 compañías e distribuidoras inscritas, e no que participarán máis de 70 axentes do sector das cinco comunidades participantes ( un 35% máis que en anteriores edicións).  Os focos de interese serán a xeración de sinerxías entre compañías e creadoras; a reflexión e formación arredor dalgúns  dos retos que afronta o sector escénico e as posibilidades de promoción, visualización e distribución das compañías nos distintos territorios de Camiño Escena Norte.

Camiño Escena Norte 2022 

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena(País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.

A iniciativa conta, neste 2022, co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades autónomas implicadas: Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Goberno do Principado de Asturias, Goberno de Cantabria, Deputación Foral de Áraba, Deputación Foral de Biscaia, Deputación Foral de Gipúscoa e Goberno de Navarra; ademais do Goberno de España a través do INAEM. En Galicia colaboran tamén Deputación Provincial da Coruña, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo; así como os consistorios de Arzúa, Vilalba, Ames e Viveiro; o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Centro Dramático Galego. 

Vegalsa-Eroski mantense este ano no como patrocinador oficial, cunha maior achega económica para esta cuarta edición, o que reforza o seu compromiso e aposta por un proxecto que promove o intercambio cultural entre territorios.  

20220831-NP-Presentacion-CEN-2022

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: POESÍA

Miguel Díaz, POESÍA

Conto eu (se cabe errado, e de dogmas carente) que a POESÍA conta entre as súas particularidades coa de poder aparecer en formas diversas, habitándoas e deixándose habitar por elas, nunha simbiose única que a afasta de toda mediocridade. Pode chiscar un ollo no sorriso dunha nena, sorrir maina nunha raiola ou espirse no horizonte dunha noite de xeada. Espreguizarse no aire en forma de tea, ou de folla capturada.

A POESÍA pode ser tamén na escrita, por medio da palabra, ferramenta coa que profunda no pozo íntimo das preguntas, na trama da dúbida, na carencia de certezas, na prestancia do efémero.

Mais acotío a POESÍA enfronta hordas, batallóns de personaxes aplaudidos pola súa claque. Invasións de usurpadores que, na deturpación da palabra, teiman en suplantala cos seus exercicios de egolatría. Danzaríns na tona, farsantes arestora, que bourean polas rúas a súa vaidade mentres a perseguen con cadeas.

E a POESÍA, testemuña do esperpento, segue ceibándose no mundo, allea e honesta, tenra e súa, ousada e núa.

ButacaZero prepara a estrea de ‘Papagena’, a ópera electrónica en galego coa que xirará por 14 municipios

A compañía dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira ensaia estas semanas na localidade do Barbanza, que acollerá dous ensaios abertos ao público os días 2 e 3 de setembrono auditorio municipal de Rianxo

O compositor galego Iago Hermo asina a música orixinal e o libreto desta creación contemporánea de pequeno formato, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica

A compañía ButacaZero, dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, estreará este mes de setembro a súa nova creación: Papagena. A peza, que xirará por 14 localidades de Galicia o vindeiro trimestre, é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica á que dan vida a soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo. Este mes de agosto, en Rianxo, a compañía ensaia e ultima todos os detalles previos á súa estrea absoluta. Coa intención de achegar o proceso á veciñanza, o público terá a oportunidade de asistir a dous pases abertos que terán lugar os días 2 e 3 de setembro no auditorio municipal da localidade do Barbanza.

Papagena é unha ópera electrónica do compositor galego Iago Hermo inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical. 

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa a espazos non convencionais para a súa representación e favorecer o achegamento, tanto do público adolescente coma adulto, á ópera a través dunha experiencia única e inmersiva

Datas da xira de ‘Papagena’

Papagena, que conta co apoio do Concello de Rianxo, poderase ver, a modo de preestrea, os días 2 e 3 de setembro na sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal da localidade do Barbanza (21.00 horas), na que a compañía está a ensaiar este mes de agosto. A entrada será libre ata completar a capacidade do recinto. Unha semana despois, o sábado 10 (21.30 horas), terá lugar a estrea absoluta nas ruínas do convento de Santo Domingo, en Pontevedra. O público poderá asistir gratuitamente á función previa reserva, sistema que se dará a coñecer  desde a Deputación de Pontevedra proximamente.

A ópera chegará a outra ducia de localidades nos vindeiros meses, cunha función por cada fin de semana. A primeira parada da xira será no porto de Fisterra (17 de setembro), para continuar en O Grove (24 de setembro), Celanova (1 de outubro), Caldas de Reis (9 de outubro), Narón (15 de outubro), Tui (21 de outubro), Oleiros (29 de outubro), Gondomar (5 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena estará dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

20220825-NP-ButacaZero-Ensaios-previos-Papagena

Agrocuir, Son d’Aldea e Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei

O venres 26 e sábado 27 de agosto celebrarase en Monterroso o 7º Festival AGROCUIR, que volve con forza despois destes anos de pandemia. https://festivalagrocuir.wordpress.com/

Do 25 ao 28 de agosto a 23ª Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei.

E o venres 2 e sábado 3 de setembro terá lugar en Santiago de Albá e Santo Xusto (Palas de Rei) a XI edición de SON D´ALDEA. https://sondaldea.es/

Tres citas indispensables que consolidan a senlleira oferta cultural da comarca da Ulloa.

*Información facilitada polo IEU.