‘Fake (trampantojo)’ e ‘Del otro lado’ chegan a Lugo esta fin de semana co Camiño Escena Norte 2022

O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá as novas propostas das compañías Erre Produkzioak (Euskadi) e Escena Miriñaque (Cantabria) o xoves 29 e o domingo 2, respectivamente

O proxecto de intercambio de artes escénicas finalizará a semana que vén o seu percorrido por Galicia, con funcións en Ames, Vilalba, Viveiro, Carballo e Santiago de Compostela

A cuarta edición do Camiño Escena Norte (CEN) continúa o seu periplo galego. Esta fin de semana, o proxecto de intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, este ano, tamén Navarra, fará parada en Lugo con dúas propostas o xoves 29 e o domingo 2 no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Nos dous casos a entrada será gratuíta até completar a capacidade do recinto e, ao finalizar a función, celebrarase un encontro co público asistente.

A compañía vasca Erre Produkzioak presentará a partir das 20.30 horas do dia 29 o seu espectáculo ‘Fake (trampantojo)’. Dirixido a público adulto, a peza, que fai alusión ao anglicismo da falsificación ou imitación da realidade, presenta a historia de abuso, relacións de poder e traxedia que se dan no seo dunha familia durante unha cea de Aninovo. 

O domingo será a quenda do público infantil e familiar. Ás 18.30 horas comezará a función de ‘De otro lado’, de Blanca del Barrio, un espectáculo que fala de barreiras, valados, ladrillos e pontes. Da man da compañía cántabra Escena Miriñaque, as e os asistentes verán unha metáfora escénica que fala das fronteiras visibles e invisibles.

A fin de semana que vén o Camiño Escena Norte 2022 finalizará a súa andaina. A compañía asturiana Zig Zag Danza visitará Ames (venres 7) e Vilalba (sábado 8) co seu espectáculo para primera infancia (0-3 anos) ‘Mímesis’. Pola súa banda, a vasca Vaivén Producciones achegará a súa peza para público adulto ‘El enjambre’, a Viveiro o sábado 8; mentres que a navarra La Caja Flotante fará o propio no FIOT de Carballo, tamén na tarde do sábado, con ‘Beautiful Stranger’. Finalmente, CEN 2022 pecharase na tarde do domingo 9 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura, coa representación para público infantil e familiar de ‘El secreto de Julio Verne’, da asturiana Fantastique Company.

Camiño Escena Norte 2022 

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.

A iniciativa conta, neste 2022, co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades autónomas implicadas: Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Goberno do Principado de Asturias, Goberno de Cantabria, Deputación Foral de Áraba, Deputación Foral de Biscaia, Deputación Foral de Gipúscoa e Goberno de Navarra; ademais do Goberno de España a través do INAEM. En Galicia colaboran tamén Deputación Provincial da Coruña, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo; así como os consistorios de Arzúa, Vilalba, Ames e Viveiro; o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Centro Dramático Galego. 

Vegalsa-Eroski mantense este ano no como patrocinador oficial, cunha maior achega económica para esta cuarta edición, o que reforza o seu compromiso e aposta por un proxecto que promove o intercambio cultural entre territorios.  

AXENDA FUNCIÓNS CAMIÑO ESCENA NORTE 29/09 – 02/10

Erre Produkzioak (Euskadi) | ‘Fake (trampantojo)’, de David Caíña

29.09.2022 | 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo

Público adulto. Entrada libre.  Ao remate da función, encontro co público. Acompaña: Anxo Manoel (Lucecús Teatro)

Lucía e Celia, irmás; Xabier, o marido de Celia; Pablo, o fillo de Lucía; e Uxue, a súa curmá. Todas e todos celebran que hoxe é o primeiro día do resto das súas vidas, mais esta celebración non é máis que un trampantojo: un paripé organizado para poder levar á avoa á cama antes de que cheguen as badaladas de verdade. Unha vez durme a avoa, todos poden comportarse como realmente son. E aí é cando comezan os problemas.

Escena Miriñaque (Cantabria) | ‘Del otro lado’, de Blanca del Barrio

02.10.2022 | 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo

Público infantil e familiar. Entrada libre. Ao remate da función, encontro co público. Acompaña: Paloma Lugilde (Producións Paloma Lugilde)

Lembras cando se nos escapaba o balón por enriba do muro e ía parar Do Outro Lado? A aventura comezaba… Unha mañá, os habitantes dese Outro Lado atoparon no seu territorio un estraño balón. Non era como os seus: nin a materia, nin a cor. Non tiña marca. Viña… Do outro lado. Este espectáculo fala de muros, valos, ladrillos e unha ponte. É unha metáfora das fronteiras tanto visibles como invisibles. A ambos os dous lados dúas personaxes búscanse, xogan, necesítanse e comparten idénticas ilusións e os mesmos medos.

20220926-NP-Galicia-Camino-Escena-Norte-en-LUGO

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: FERRUXE

FERRUXE, Miguel Díaz

Se persistimos na avaliación do soldado pola súa destreza na batalla, desprezando o esforzo de quen o intenta na trincheira, afogando a cerna entre ruín competencia… Se acotío esquecemos o que somos, detrás dun cadeado abandonado á ferruxe, como podemos deter a deriva?

Que lugares lle deixamos á vida entre a invasión cegada dos nosos prexuízos, entre ignorantes suposicións que destrúen os camiños. Neste tremor acedo de personaxes en combate e de estrondo de momentos que anulan a escoita, como podemos definir a nosa unicidade?

Entregados a unha velocidade allea, imposta, porfiamos en afalar un cabalo cego que nos nega e que devora espazos. Entre as garras dunha realidade aniquiladora, en algarada abafante, que espazo hai en ti para acollerme, en min para acollerte… Cravados na urxencia e impoñendo a carreira, ata que punto chega xa a nosa derrota?

O FIOT lanza ‘Onda FIOT’, novo espazo que aúna as iniciativas sonoras promovidas polo festival

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo lanza ‘Onda FIOT’, un novo espazo web que aúna as iniciativas sonoras promovidas polo certame 

O público poderá escoitar desde www.fiot.gal as últimas obras gañadoras do Concurso Escolar de Teatro Lido, que mantén aberto o prazo de inscrición até o 8 de outubro; as creacións do FIOT Fónico ou mesmo a nova ‘Escola do Espectador nas Ondas’

Carballo, 22 de setembro de 2022.- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ultima detalles da súa nova edición, que se celebrará do 30 de setembro ao 31 de outubro. Baixo o lema #VocesFIOT, o festival reivindicará este ano as voces singulares de artistas e compañías cunha marcada identidade e personalidade propia. Unha programación ampla, ambiciosa e que se vertebra coa vontade de chegar a todos os públicos. E, neste sentido, o propio FIOT expándese alén do teatro e segue a incorporar, como en cada edición, novas actividades paralelas.

Como parte deste medrar, o FIOT presentará un novo formato que recolle vellas inquedanzas: Onda FIOT, un espazo web que fai accesibles as iniciativas de teatro sonoro promovidas polo festival ao longo destes últimos anos, e que estará dispoñible nas vindeiras semanas a través da páxina oficial www.fiot.gal Así, o público poderá escoitar, por fin e desde calquera dispositivo, as últimas obras gañadoras do Certame do Teatro Lido; as ficcións sonoras do FIOT Fónico -‘A lúa, válvula de spray’ e ‘O espello que arde’- ou mesmo a Escola do Espectador, iniciativa pioneira no seu día en Galicia e que este ano dará un paso máis na súa traxectoria. Coa volta da presencialidade, volveranse celebrar espazos de diálogo e reflexión arredor das dramaturxias para xerar, á vez, unha nova ferramenta crítica e contemporánea: A Escola do Espectador nas Ondas, que se gravará ao vivo en Carballo, en formato podcast, durante as fins de semana de outubro da man de voces especializadas en artes escénicas. Estes capítulos ou novos arquivos sonoros  estarán dispoñibles tanto na web do festival como noutras plataformas dixitais. 

Tal e como lembra a dirección do FIOT, a incorporación das novas tecnoloxías no mundo das artes abriu novos campos para achegar o feito artístico ao público. Se ben o festival conta desde hai 21 anos cunha liña específica de programación vinculada ao teatro sonoro -o Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’-, nos últimos anos impulsou propostas singulares no panorama escénico galego. É o caso do FIOT Fónico, e que permitiu ao público, en plena pandemia, gozar gratuitamente de obras de teatro de autoras da Costa da Morte a través do teléfono móbil e tiñan, como escenografía, as rúas Carballo. 

Nesta vontade de sumar novas iniciativas e públicos ao seu extenso programa, e que medren xunto ao festival dun xeito firme e sostido, este ano o FIOT abre esta nova xanela a través da súa propia páxina web, á fin de ter, neste Onda FIOT, un espazo de referencia para que estas creacións estean dispoñibles, dun xeito estable, ao longo de todo o ano.

Aberta a inscrición para o XXI Concurso de Teatro Lido

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo mantén aberta estes días, precisamente, a inscrición para participar na nova edición do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, o certame dirixido ao alumnado dos centros educativos e asociacións da comarca de Bergantiños que pretende favorecer o coñecemento das artes escénicas entre a rapazada así como a súa iniciación á interpretación dramática. Organizados en grupos de entre 2 e 8 menores, cada colectivo interpretará un fragmento dun texto teatral -de temática libre e para todos os públicos-, que gravarán, cos recursos sonoros que consideren axeitados, nun vídeo de entre 2 e 5 minutos. 

O prazo da solicitude de inscrición no Concurso estará aberto até o 8 de outubro a través do correo electrónico fiot.teatro.lido@gmail.com e o límite para a presentación dos arquivos de vídeo será o 18 de outubro a través da mesma dirección de correo. Entre todas as propostas presentadas, un xurado seleccionará unha ducia das mesmas para gravar, nun estudio profesional de radio – Radio Voz Bergantiños-, as ficcións. Entre todas elas sairán as finalistas do Concurso, cuxa gala final terá lugar o 13 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo. Os premios consistirán en libros e material didáctico ofrecido pola Libraría Brañas. Para máis información sobre o certame, pódese visitar o web  oficial www.fiot.gal

NP-Onda-FIOT-e-Concurso-Teatro-Lido

O FIOT activa este martes 20 a venda de bonos e entradas para a súa 31ª edición 

O FIOT activa este martes 20 a venda de bonos e entradas para a súa 31ª edición

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo porá a disposición das asociadas de Telón e Aparte, desde hoxe e até o domingo 25, os bonos do Programa de Sala; e o público xeral poderá adquirilos a partir do día 27

As entradas soltas para os espectáculos de Sala, OTNI e FIOT en Ruta poderanse mercar a partir do martes 27 e até o día anterior a cada función a través da plataforma web www.ataquilla.com

A venda de bonos e entradas para os espectáculos de Rúa dos Contos activarase o mércores 21 a través de www.ataquilla.com así como nos locais de hostalería nos que se desenvolvan

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a gran celebración das artes escénicas de Galicia, activa esta semana a venda de bonos e entradas para os espectáculos da súa 31ª edición, que terá lugar do 30 de setembro ao 31 de outubro.

Este martes, 20 de setembro, activarase a venda de 200 bonos para o Programa de Sala,  e que permitirán ao público asistir a un total de 8 funcións, incluída a estrea absoluta, o 7 de outubro, dePirolíticos, así como as estreas en Galicia de Búho, 70 años: Leo Bassi, Impalpable, Eclipse total e La voluntad de creer; ademais das funcións de Silencio Recortes, caneos e outras formas de driblar. Estes billetes, que se poderán adquirir na plataforma www.ataquilla.com, terán un prezo ordinario de 80 euros; mais o alumnado con carné de estudante, persoas maiores de 60 ou menores de 18 e aquelas que estean en situación de desemprego, poderán adquirilo por 75 euros. 

As persoas asociadas da AC Telón e Aparte terán un prazo exclusivo para a adquisición destes bonos, desde o propio martes 20 até o vindeiro domingo 25. Unha vez finalice este período, os bonos restantes para o Programa de Sala sairán á venda para o público xeral o martes 27 de setembro, o mesmo día no que tamén se activará a posibilidade de adquirir entradas soltas para cada representación (entre 10 e 15 euros, gastos de xestión non incluídos). Tamén o día 27, desde o espazo web www.ataquilla.com, estará activa a posibilidade de mercar os billetes para as funcións do ciclo OTNI e do FIOT en Ruta (nos dous casos as entradas terán un prezo de cinco euros por función). 

No caso da Rúa dos Contos, poranse á venda este mércores 21 30 bonos cada un para asistir a catro funcións: Good Sex Maritxu, Pablo Meixe e Adrián do Regenco, Quico Cadaval e Chusa, e Óscar Terol. As entradas soltas para estes espectáculos, como para os que restan desta liña de programación, estarán dispoñibles para o público desde este mércores na plafatorma www.ataquilla.com, ou nos locais de hostalería que programen algúns destes shows. O prezo destas entradas vai dos 4 e até os 10 euros (sen gastos de xestión). 

Finalmente, os días de función habilitarase unha billeteira no espazo da representación desde 90 minutos antes do inicio da mesma. Nestes casos os gastos de xestión xa estarán incluídos no prezo da entradas. 


BONOS PROGRAMA DE SALA
– Martes 20 a domingo 25: asociadas AC Telón e Aparte en www.ataquilla.com 
– A partir do martes 27: público xeral en www.ataquilla.com

BONOS E ENTRADAS RÚA DOS CONTOS
– A partir do mércores 21 de setembro en www.ataquilla.com


FUNCIÓNS RÚA DOS CONTOS EN LOCAIS DE HOSTALARÍA CON ENTRADA 
– A partir do mércores 21 de setembro nos locais ou en www.ataquilla.com


ENTRADAS SOLTAS PARA PROGRAMA DE SALA, OTNI, FIOT EN RUTA
– A partir do martes 27 e até o día anterior a cada función en www.ataquilla.com.