O Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024 activará este venres, 10 de maio, a venda de abonos 

O evento, cuxo cartel contará con máis de 20 bandas e solistas que o público só descubrirá ao desembarcar, terá lugar os días 26, 27 e 28 de xullo en San SimónAs entradas por día poderanse adquirir a partir do 13 de maio en Enterticket, a mesma plataforma web na que estarán dispoñibles os abonos 

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia activará esta semana a venda de abonos e entradas para a súa nova edición, que terá lugar os días 26, 27 e 28 de xullo na illa de San Simón. O venres 10 de maio, a partir das 12.00 horas, o público poderá adquirir os seus abonos para gozar, ao longo de tres xornadas, tanto da música de máis de 20 bandas e solistas coma do patrimonio histórico e natural dunha illa declarada Ben de Interese Cultural. Uns días despois, oluns 13 de maio, tamén a partir das 12.00 horas, poderanse adquirir os billetes para asistir os distintos días. Os abonos e as entradas diarias estarán dispoñibles en Enterticket.

Para poder acceder ao festival, o único modo é coller un dos barcos que Sinsal pon á disposición do público nos embarcadoiros da Estación Marítima do porto de Vigo e do Centro de Interpretación de Rande, en Meirande. O transporte até a illa está incluído na entrada e o público pode escoller o seu traxecto no momento da compra do seu billete, no que se lle informa dos horarios dos barcos. Os prezos son diferentes en función do embarcadoiro así como da idade, sendo máis económico o acceso para menores de 16 anos. 

O abono Sinsal, que permite asistir ao evento os días 26, 27 e 28 de xullo, poderase adquirir a partir dos 145€. No caso das entradas por día, que facilitan o acceso ao festival unha única xornada, os prezos van desde os 45€ e até os 65€  en función da data e do porto de saída. Os horarios pódense consultar na páxina web oficial https://festival.sins.al/, na sección ‘Entradas e abonos’.

Sinsal SON Estrella Galicia 2024

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Cada ano, Sinsal ofrece a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento nun escenario excepcional. Un dos sinais de identidade do evento tamén é o seu cartel secreto, que as e os asistentes só descubren ao desembarcar en San Simón. 

A programación musical caracterizarase pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo na última fin de semana de xullo. Alén das actuacións, que cada día serán diferentes, durante o festival sucederanse numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, que este ano terán especial protagonismo;  ou á recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas como as Sesións San Simón ou mesmo os obradoiros A Escola Sinsal.

Este 2024, Sinsal SON Estrella Galicia volverá formar parte dos Rías Baixas Fest, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que acolle, ao seu abeiro, aos principais festivais das Rías Baixas á fin de promover a programación cultural, a contorna natural e a gastronomía deste territorio. 

20240507-NP-GAL-Sinsal-venda-de-abonos-e-entradas-2024

EXERIA Promo Xira “Sobre as Letras Galegas”


O mes de Maio dende tempos inmemoriais marca o comezo dun ciclo; a celebración do Beltane ou os Maios, son festas onde saímos cara a primavera e o esplendor floral invade o noso rural. Celebramos tamén as nosas letras galegas e que mellor ocasión para saír con forzas renovadas a compartir as cancions mais actuais, que debuxan imaxes cotidías e coas que todas podemos sentirnos identificadas no noso idioma.

Exeria combinan xéneros como o grunge e o britpop, dándolle un novo xiro coa súa propia fórmula, todo aderezado con letras en galego. Non contenta con isto, a banda segue abríndose a novas influencias e asimilando música que a priori queda fóra do seu radar estilístico. As raíces son importantes para calquera proxecto, e o sentimento de pertenza a un lugar e tempo concretos determina unha mirada e un xeito de crear as súas cancións. Así o demostra no seu novo traballo Sobre a independencia, un EP de 5 cancións que se publicou o pasado Marzo acompáñado dun videoclip pertencente á canción A Costa de Frades.

Meu tráennos un rock con brillos do punk e o metal, contundencia coñecida de sobra pola súa parroquia de adeptos, que saborean esta “Caña do país” tan súa e coa que levan varios anos queimando escenarios. O Murallon de son ou o Noceda Rock son só algúns dos últimos escenarios onde a banda orixinaria de Lalín mostraron temas coma Insectos ou Outro día máis. Dende 2017 o seu traballo segue dando froitos nos que nos falan das adiccións, da loita social ou dos problemas vitais nos que todas podemos vernos reflectidas.

Poderemos gozar da súa proposta nas seguintes datas
       -Xoves 16 Sala Contrabajo (Vigo) + Meu entrada inversa
       -Venres 17 Café Bajo 5 (O Barco de Valdeorras) entrada libre
       -Sábado 18 JJ Copas (Ponteareas) entrada libre

Estas só son algunhas das citas da sua xira, pois seguen inmersos na xira “Sobre a independencia” que xa os ten levados a lugares tan diversos como Ourense, Santiago, Pontevedra… Ainda queda moita tela que cortar.

O 2023 foi un ano moi produtivo para Exeria: tocaron nas 4 provincias de Galicia, gañaron o concurso de bandas Trece Roeis Fest, publicaron os temas Un novo nome e Ata que sexamos reis acompañados de videoclips ben recibidos. E este ano está sendo aínda máis emocionante, con moitos concertos en directo e novos lanzamentos. Foron elixidos para formar parte das Sesions de Sobremesa, un formato acústico e en directo ao estilo de “Tiny Desk” cun ambiente relaxado e composto por 2 cancións inéditas con arranxos influenciados polo trad.

O seu anterior lanzamento de estudio foi  Ata que sexamos reis, protagonizado polas máscaras do entroido dos mudados e perriñas, da aldea de Ribadetea recentemente recuperado polos veciños da aldea. Estes esmorgantes aparecían nas casas dos seus veciños pedindo esmola (perriña) que moitas veces se materializaba en viño ou aperitivos para evitar que fagan algunha trasnada.

ABRAHAM CUPEIRO na Casa-Museo Manuel María

ESTE PRÓXIMO DOMINGO, 12 DE MAIO, ÁS 18.30, TEREMOS A OPORTUNIDADE DE ESCOITAR O CONCERTO-MONÓLOGO DE ABRAHAM CUPEIRO, “RESOANDO NO PASADO”, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Resoando no Pasado é unha colección de instrumentos que Abraham Cupeiro mostra a través dun concerto-monólogo en que viaxa ao pasado máis remoto da nosa especie a través dos sons dos instrumentos de vento. 

Desde unha pequena frauta de óso (46OOO a.c) até un grande Sousaphone orixinal do século XIX. Na colección, están representados instrumentos de todas as familias, lugares e épocas. Ao longo do concerto, todos eles resoan de novo e dan lugar a interesantes anécdotas, de xeito que nos achegan á parte máis humana dos instrumentos musicais. 

Resoando no Pasado é un proxecto para todos os públicos. Unha forma de se achegar a outras épocas e culturas a través dos instrumentos.

Reservas (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Representación da obra teatral “Yerma” en Antas de Ulla, e outras actividades do IEU

O sábado 18 de maio (en sesións de 20 h e 21,30 h), na Casa-Escola de Peibás o grupo de teatro de Antas interpretará unha adaptación de Yerma dirixida por Patricia Coucheiro. Para poder asistir é preciso reservar entradas no tfno 619906206 ou no 661827958 porque o aforo é moi limitado.

Por outra parte, os días 6 e 7 de maio terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña unhas xornadas cos resultados dos traballos de investigación educativa realizados na comarca da Ulloa froito da colaboración entre a UDC e a asociación Cuarto Mundo, coa que colaborou o IEU. Intervirá nas xornadas Patricia Coucheiro como membro de Cuarto Mundo e do IEU.  

O xoves 9 de maio ás 20,30 o afamado naturalista Joaquin Araujo impartirá en Melide a conferencia “La libertad del agua”.

E o venres 10 de maio ás 19,30  haberá no Vello Cárcere de Lugo unha charla informativa sobre Altri.

Palestra informativa OS IMPACTOS DE ALTRI na Casa da Cultura de Vilalba

O xoves 9 de maio de 2024, ás 20:00 horas,na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos organiza a palestra informativa OS IMPACTOS DE ALTRI, na que participarán ANA FERNÁNDEZ SANTAMARINA, doutora en Hidroloxía e Xestión de Recursos Hídricos, membro de ADEGA; COSME DAMIÁN ROMAY, biólogo e membro do Grupo Naturalista Habitat, e MARCIAL BARRAL VASQUES, veciño afectado e membro da Fundación Eira da Xoana. Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha.

NOTA-INFORMATIVA-PALESTRA-ALTRI

O EMHU afronta a súa recta final este sábado 4 con dobres pases de ‘La Ruina’ e do esperado show ‘Humoris Causa’, con Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril

O auditorio da Sede Afundación acollerá a partir das 12.30h a mesa redonda de acceso libre ‘O negocio do humor’, na que participarán Álex Clavero, Juan Herrera, Raquel Martos e o propio director artístico do EMHU, Luis Piedrahita

O Encontro Mundial de Humorismo afronta a derradeira fin de semana da súa cuarta edición na Coruña con algúns dos pratos fortes do seu cartel deste 2024. É o caso de La ruina, o show de Tomás Fuentes e Ignasi Taltavull baseado no podcast hómonimo e que regresa ao EMHU cunha dobre sesión no Teatro Colón. As citas serán ás 12.30 e ás 18.00 horas e as entradas para ambos pases están esgotados desde hai semanas. Como é habitual na propsota, cada sesión precisará da colaboración activa do público, ademais das dúas figuras convidadas que participarán contando as súas “ruinas”, e quen as e os asistentes só descubrirán unha vez comece o espectáculo. 

Por otra banda, o Pazo da Ópera acollerá este sábado, 4 de maio, unha dobre sesión do espectáculo Humoris Causa, ás 19.00 e 22.00 horas. Neste 2024, a produción propia do EMHU volverá xuntar, por primeira vez sobre un escenario, a catro dos mellores humoristas do país para facernos sorrir coma nunca. Nesta ocasión, a cita contará co imcomparable inxenio de Sílvia Abril, Leo Harlem, Goyo Jiménez e Luis Piedrahita, director artístico do EMHU.  

Antes, na mañá do sábado, ás 12.30h, o debate estará servido no Auditorio da Sede Afundación, coa mesa redonda O negocio do humor, unha proposta de entrada libre na que participarán Álex Clavero, Juan Herrera, Raquel Martos e Luis Piedrahita. Cuestións como se o humor é un bo negocio, ou se é posible vivir del, serán o fío condutor para esta charla guiada polos protagonistas de algúns dos proxectos máis exitosos e creativos da radio, a televisión e o teatro do noso país.

A mesa O negocio do humor é unha das actividades paralelas que, no marco do EMHU, forman parte da campaña Cultura por Alimentos, impulsada por Afundación (Obra Social ABANCA) e na que se convida ao público a trocar a súa “entrada libre” ao auditorio por produtos non perecedoiros que, posteriormente, distribuirá o Banco de Alimentos Rías Altas. 


Peche o domingo 5

O Encontro Mundial de Humorismo botará o pano da súa cuarta edición o domingo 5 de maio. Pola mañá, a partir das 12.30 horas, o Teatro Colón acollerá a gravación do podcast El sentido de la birra, no que Ricardo Moya entrevistará a Antonio Resines. Non quedan convites dispoñibles para a cita, incluída na programación de actividades paralelas do EMHU.

Xa pola tarde, a partir das 20.00 horas no mesmo recinto, terá lugar a gala final de clausura Fantastic Colofon, que nesta ocasión conducirán Javier Veiga, Xosé A. Touriñán, As R(h)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro) e David Cepo. Será unha noite ateigada de gags, risas e momentos únicos para gardar na memoria. Durante o desenvolvemento da gala, ademais, entregaranse os Premios EMHU 2024 a Antonio Resines, Goyo Jiménez e Xosé Ramón Gayoso.



AXENDA EMHU 2024 – SÁBADO 4 DE MAIO


O NEGOCIO DO HUMOR

Sábado 4 de maio, ás 12.30 horas, na Sede Afundación (entrada libre)

É o humor un bo negocio? Pódese vivir diso? Canto diñeiro ten Broncano no banco? Todas estas preguntas -e outras moitas- NON se responderán na mesa coloquio que presentan Álex Clavero, Raquel Martos, Juan Herrera e Luis Piedrahita. Os catro dedicaron a súa vida ao turbio negocio do humor, protagonizando algúns dos proxectos máis exitosos e creativos da radio, a televisión e o teatro. Na conversa O negocio do humor descubrirannos as súas experiencias, os seus éxitos e, sobre todo, os seus fracasos. O humor para eles é unha forma de vida, pero, tamén, unha actitude ante a mesma.

Álex Clavero dedícase a contar historias dende a verdade -aínda que igual é esaxerar-. Diante do micrófono ten o humor xestual, a simpatía, o ilóxico e o ritmo como ingredientes fundamentais. É o El Francotirarock no programa de El pirata y su banda, de RockFM. Foi guionista en programas de televisión como El Hormiguero e colaborador en espazos como Lo mejor que te puede pasar, de Nuria Roca.

Juan Herrera é unha auténtica eminencia no mundo da radio e a televisión. É un dos piares fundamentais do entretemento tal e como o coñecemos: foi o creador de xoias como Humor Amarillo ou o Gran Prix, un dos guionistas do primeiro Club de la Comedia, e peza crave no nacemento de El Hormiguero. E isto é só a punta do iceberg.

Luis Piedrahita é humorista, escritor, ilusionista, presentador e director de cine. É colaborador e guionista do programa de entretenimiento máis exitoso da televisión: El Hormiguero 3.0. Tamén colabora habitualmente en La Ventana, na Cadena Ser. É autor de sete best sellers de humor, entre eles Cambiando muy poco algo pasa de estar bien escrito a estar mal escroto A mí este siglo se me está haciendo largo.

Raquel Martos, xornalista, guionista e escritora que desenvolveu case toda a súa carreira no mundo audiovisual. Traballou en radio e televisión con figuras como Pablo Motos, Luis del Olmo, Carlos Alsina ou Julia Otero, entre moitos outros. Na súa extensa traxectoria pasou por medios como Onda Cero, M80, SER, Antena 3, Movistar Plus+ ou a televisión pública (La 1, La 2).

LA RUINA

Sábado 4 de maio, ás 12.30 e 18.00 horas, no Teatro Colón (entradas esgotadas)

La ruina é un show conducido por Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes no que tanto asistentes como invitados especiais comparten en público a súa anécdota máis embarazosa: aquela vez que a súa parella rompeu por WhatsApp, cando se durmiron nunha reunión importante, un malentendido cun taxista… A típica anécdota que, obviamente, sempre é ben recibida nunha cea! Cun invitado especial que compartirá as súas miserias -que será diferente en cada un dos pases programados este sábado, 4 de maio, na Coruña-, La ruina promete ser, de novo, un dos momentos máis inesquecibles do EMHU.



HUMORIS CAUSA

Sábado 4 de maio, ás 9.00 e 22.00 horas, no Palacio da Ópera (entradas esgotadas)

A gala con máis percorrido do EMHU regresa un ano máis para que as figuras da comedia máis destacadas do panorama nacional dean boa conta do seu inxenio. Humoris Causa é un espectáculo sen precedentes, que é, á súa vez, o precedente de propostas como Mentes peligrosas. Neste 2024, volverá xuntar, por primeira vez sobre un escenario, a catro dos mellores humoristas do país para facernos sorrir coma nunca. Nesta edición a cita ineludible do EMHU contará con Sílvia Abril, Leo Harlem, Goyo Jiménez e Luis Piedrahita.